Marcos Nine.- J.E.D.N, referente nunha cinematografía sen referentes
Marcos Nine, autor e director dos traballos J.E.D.N José Ernesto Díaz Noriega e Pensando en Soledad, realiza para o (S8) unha reflexión persoal sobre a figura do pai do cine amateur en Galicia.
JEDN: Referente nunha cinematografía sen referentes.
Resúltame imposible falar de José Ernesto Díaz-Noriega desde un punto de vista que non sexa estrictamente persoal e subxetivo. Para min, a súa figura trascende máis alá da brillantez dos seus filmes. El é, por riba doutras consideracións, o primeiro referente.
Se por algo destaca a cultura galega é pola súa riqueza. Sobre todo se a consideramos en proporción ó territorio. Sen embargo, esta riqueza que resulta máis que evidente, por exemplo, nunha tradición literaria secular, vese considerablemente mermada cando falamos do cine.
Dí a versión oficial que é imposible o cine sen empresas productoras. Empresas que invistan capital do país en producir filmes, dando así orixe a unha cinematografía propia. Tanto está extendida esta versión que de xeito habitual se fala de “Cine Galicia”, o evento de 1989 no que se estrearon “Continental”, “Urxa” e “Sempre Xonxa”, como o nacemento do cinema galego. O certo é que sí que podemos recoñecer que ese ano marca o nacemento dunha produción profesionalizada que deu lugar a unha pequena industria nas décadas seguintes, pero ningún arte, ningunha actividade cultural (o cine por moi industrializado que estexa segue a selo), ninguha cinematografía de ningún país do mundo existe sen autores. E JEDN é un deses autores.
Cunha carreira cinematrográfica truncada pola guerra civil cando xa rodara dúas curtas: “Las ninfas de la charca” e “El viejo parque del Oeste”, a súa chegada á Coruña a finais dos anos 50 vai supoñer un rexurdimento de JEDN como cineasta.
Pese a ter contacto coas sociedades fotográficas da época e co entorno do cine afeccionado, a súa figura é totalmente distinta ós integrantes destes colectivos. En moitos casos, o cine afeccionado se relacionaba con persoas que chegaban ó cine a través da fotografía e que se dedicaban a rodar e compartir filmacións de todo tipo. Moitos deles chegaron a ser auténticos dominadores da técnica. Sen embargo, a figura de JEDN é totalmente distinta, máis alá de ser un coñecedor da técnica fotográfica, é un narrador e non se dedicaba simplemente a “filmar” senón que facía películas.
O cine de JEDN, cine substandard, (rodou en todo tipo de formatos desde os 8mm ata os 16mm) é realmente complexo de definir. É evidente que fai cine de humor, e máis alá desta característica que unifica practicamente toda a súa obra o outro elemento común que se repite sistematicamente nos seus filmes son os “eventos” como fío argumental. JEDN rara vez fai tramas elaboradas salvo en casos moi concretos como o seu filme máis recoñecido “El cine amateur” (1965) que é unha peza musical mediante a cal relata unha especie de manual de como ser un cineasta amateur e que lle valeu o primeiro premio do Festival de Cine Amateur de Cannes. Pero á marxe de casos como este, nunha grande cantidade de filmes o que fai JEDN é valerse dun evento real, un evento filmable, para introducir nese evento secuencias de ficción que alteren o seu significado orixinal para darlle unha lectura irónica ou satírica. Esto acontece nos filmes que fixo nas vodas dos seus fillos, “El anillo” e “Jet Society” (1982) na que conta en paralelo a voda da súa filla e o secuestro do pai de Julio Iglesias por parte de ETA. Pasa tamén en “Os Suevos” (1974) na que convirte a película do 25 aniversario de casados dunha parella nunha sátira sobre o matrimonio. En “El Festival” e “Sever Odnum” onde aprobeita o Festival de Cine de Humor da Coruña para rirse de sí mesmo e do mundiño dos festivais de cine. E por suposto en “Al-Nasr Altair” (1969), o seu filme máis transgresor, no que remonta unha homenaxe a un Teniente Coronel de Aviación franquista introcucindo frases publicitarias en boca dos asistentes a esa homenaxe.
Autor dunha extensa filmografía na que mestura humor, sonorizacións falsas, remontaxes dos seus propios filmes, trucaxes feitos de xeito artesanal, collages, found footage…, JEDN trascende a figura do cineasta amateur para ser un cineasta con tódalas súas letras, ou un “cinesista” como a el mesmo lle gustaba chamarse.
Recuperar a súa figura é unha obriga, xa non só pola orixinalidade, a vitalidade e o amor ó cine que se desprende de tódolos seus filmes, senón porque ademáis, nunha cinematografía con tan pouca tradición, tan pobre e tan extremadamente limitada como é a cinematografía galega, José Ernesto Díaz-Noriega é un referente, quizais o primeiro e seguro que dos poucos que existen.
-Marcos Nine-