O ceo na Terra: manifestacións do inefable
Abordar a sensualidade, o sensorial deste mundo para alcanzar outro. Moldear a luz, a través dunha cámara, para lograr entrever o máis aló. Utilizar as cadencias e o son para alcanzar un novo estadio da consciencia que nos permita tocar o inaprensible, entrever o espírito das cousas. O ceo na Terra, parte da programación da próxima edición do (S8), é un ciclo que reúne a catro creadores de vangarda americanos cuxo campo de estudo móvese por estes terreos: Zoe Beloff, Nathaniel Dorsky, Robert Beavers e Phil Solomon. O cine, que é luz, son e cadencia, revélase para eles como o medio máis idóneo para intentar esbozar como é o que se escapa á nosa comprensión, e para materializar o inmaterial. Para recrear o ceo na terra.
Nathaniel Dorsky é un auténtico asceta do cine, que leva en activo desde 1964. Dorsky, quen acaba de ser premiado no Festival de Rótterdamm, publicou en 2003 un libro que ben pode explicar a súa filosofía, o seu complexo e meditado modo de facer: Devotional Cinema. Todo un tratado sobre a relación da arte e a saúde, do potencial de transformación que ten o feito de ver películas, así como das limitacións do cine que depende do “ornamento da linguaxe”, pois a linguaxe pode describir o mundo pero non velo. Dorsky vive, pois, no incansable intento de materializar, por medio da luz e a cadencia do filme (compasando a velocidade emocional coa velocidade fílmica da película ao pasar polo proxector) o que non se pode tocar nin explicar. Un estado hipnótico, o que crea Dorsky, que conduce cara ao misterio do cotián.
Zoe Beloff, pola súa banda, considérase unha medium, un punto de conexión entre a vida e a morte, entre o real e o imaxinario. Beloff adéntrase, coa súa obra, no terreo do inconsciente, empregando como paradigma as investigacións psiquiátricas e os documentos clínicos fotografados e filmados da enfermidade mental ao longo da historia, e poñendo en escena ela mesma recreacións de estados mentais e espirituais que se moven entre os límites da cordura e a fantasmagoria. Esta artista escocesa fincada en Nova York utiliza cintas de película, proxeccións estereoscópicas, performances, medios interactivos e debuxos na súa procura dentro das profundidades ocultas da mente humana. Conecta a tecnoloxía arcaica cos medios dixitais, dando lugar a unha obra fascinante e non exenta de humor.
Phil Solomon vive e traballa en Colorado. O seu amigo e colega Stan Brakhage, con quen Solomon colaborou en catro películas, adoitaba referirse a Solomon como “o mellor cineasta da súa xeración”. Solomon utiliza a luz e as texturas dun xeito tan sorprendente, que se diría que é capaz de asignar relevo a un elemento en principio bidimensional como é a película. A indagación na memoria esvaecida que se ten da propia infancia, paraíso perdido, é un dos motores da súa obra, así como a relación coa materialidad dos espazos. Phil Solomon leva creando films líricos e inquietantes desde 1975, e ensinando na Universidade de Colorado desde 1991.
O director fincado en Europa Robert Beavers ten unha idea do cine que ben entra dentro deste xogo de mergullar no que non é evidente. Segundo as súas propias palabras, así concibe Beavers o cine: “alcanzar a verdade nun instante; volver ao instante e atopar na imaxe a verdade: é unha marabilla que aparece do non-visto previamente. A imaxe proxectada móstranos ésto”. O poder revelador da imaxe, a luz, a cor e a arquitectura do cine, o diálogo coa tradición da arte europea e a propia interacción de Beavers coas imaxes que filmou no pasado (desde o afastado 1967 no que empuñou unha cámara por primeira vez) son partes indisolubles da súa obra. Unha obra chea de beleza visual e texturas auditivas que explora a percepción e o recóndito do mundo sensorial.
O ceo na Terra aúna, con estes catro autores imprescindibles e innovadores, catro formas de explorar a espiritualidade e o inconsciente, de manifestar o inefable. Un ciclo cuxos protagonistas e obras iremos debullando en futuros posts.
Ciclo comisariado por Garbiñe Ortega y coorganizado polo (S8) Mostra de Cinema Periférico, La Casa Encendida e o CGAI.