Naomi Uman: a arte da manipulación

Hand eye coordination, Naomi Uman

 

Na terceira edición do (S8) contaremos coa visita de Naomi Uman. Ademais de presentar unha sesión con algúns dos seus traballos máis relevantes, Uman vén disposta e preparada para dar un obradoiro de cinema en 16mm tras a Mostra baixo o título “O Kinder do Cine”. Tanto a través da sesión como do taller iremos directo ao gran do que é unha parte esencial da súa obra, que é o traballo manual, a manipulación directa das materias primas.

Dentro ou fóra do cine, Uman sempre traballou coas mans. Antes de adicarse á faceta que coñecemos, foi chef privado de Malcolm Forbes, Calvin Klein e Gloria Vanderbilt. Non é raro, entón, que a súa primeira película estea pegada ao traballo no campo, e ao ordeño, como é o caso de Leche (1998). E non só está relacionada ao artesanal neste sentido, senón na súa propia creación. Os rolos de 16mm que compón as películas foron revelados por Uman nunha bañeira. En rústico branco e negro retrata a esta familia de Aguascalientes, México (quizais seguindo os pasos de Chick Strand?) como estranxeira, e sen escatimar a crueza da súa visión. Pouco despois retrataría a esta mesma familia alén da fronteira, buscando unha vida mellor en Estados Unidos e atopando o desarraigamento e a amargura a pesar da aparente mellora económica. Ambolos dous traballos compoñen, xunto co seu Ucranian Time Machine, unha faceta do seu traballo próxima ao que sería un cine etnográfico experimental.

Pero hai un paso máis aló no seu compromiso co traballo manual. Trátase das súas películas encadradas baixo a serie “scratching”, nas que manipula fisicamente metraxe atopada nun punto medio entre a apropiación e a animación. Removed (1999) é quizais unha das súas pezas máis coñecidas. Trátase dun filme feito a base de películas porno dos anos 70 no que a figura da muller é eliminada da película a base de esmalte de unllas e lexía, contendo así un agudo e subversivo comentario. Precisamente deste filme, que xurdiu de xeito casual, Uman di: “O proceso para min foi similar a cociñar, sementar, coser ou tecer, outras actividades que realicei ao longo da miña vida”. Algo que enlaza con pezas como Hand Eye Coordination (2002), na que un collage de found footage modificado a base de riscaduras, pintura e sobreimpresións fala sobre todas as cousas na vida que se fan coas mans. E introduce, entre todas estas actividades, o seu propio traballo coa película. Unha película na que ata os créditos fanse a man: escribindo, ou bordando. Private Movie (2000), aínda entrando na categoría de experimento visual, tamén revela en parte a ligazón física de Uman cos seus suxeitos. A través dun estudo de luz, neones, positivos e negativos, a película fala dunha viaxe dunha muller en tres partes. Parpadeante nostalxia e ligazón cos lugares visitados, e cos procesos físicos e químicos que impresionan e revelan o celuloide.