Punto e seguido
Aínda que oficialmente a terceira edición do (S8) acabou o día 3 de xuño con Ensayo final para utopía, de Andrés Duque, e a emocionante performance do bailarín Javier Martín, que fluíu como hipnótica continuación da película, durante toda a semana seguinte o celuloide e a apropiación seguiron a ocupar o Centro Cultural Ágora da Coruña. O Kinder do Cine é o obradoiro que a estadounidense Naomi Uman impartiu durante a semana do 4 ao 8 de xuño, onde os asistentes puideron conectar co traballo feito a man e a autosuficiencia desta creadora única e vital. Á vez prolongación e peche perfecto para un evento que trae á cidade a vida audaz e estimulante da periferia do cine, ese lugar en que flúe a auténtica fonte da eterna mocidade para esta arte. E ao que o público responde participando nas súas diferentes proxeccións e actividades: ao redor de 6.000 persoas achegáronse ás sedes e eventos que este ano ofreceu o (S8).
Os do (S8) foron días intensos que nos depararon non poucas emocións. Empezando pola inauguración, onde o Palacio da Ópera foi magnífico escenario para El hombre de la cámara, obra mestra eternamente xove de Dziga Vertov, musicalizada en directo pola Michael Nyman Band. En 35mm, como non podía ser doutro xeito, e cun Nyman enérxico e preciso. Espléndida apertura para o que viña despois, empezando pola presenza do lendario cineasta e teórico austríaco Peter Kubelka. Ademais da súa obra enteira, e da estrea do documental de Martina Kudláček Fragments of Kubelka, o momento estrela da súa presenza foi a Master Class que impartiu. O cine, a comida, e o seu sistema de pensamento, explicado utilizando ferramentas tan peculiares como un polbo con cachelos e un puñado de framboesas. Un Kubelka sempre inquedo que puidemos ver, en días sucesivos, aprendendo como facer ovos rotos polos restaurantes da Coruña ou rastrexando as pegadas celtas en Galiza.
O doutor Victor Frankenstein retornou á vida no compendio de modernos Prometeos do ciclo O Novo Monstro. Ademais do percorrido exposto polo mundo da colaxe, contamos coa presenza de Lewis Klahr e Janie Geiser, dous dos cineastas experimentais máis relevantes da actualidade, quen con xenerosidade e coidado presentaron a súa obra. Lewis Klahr, por vez primeira en España, estreou a súa longametraxe The Pettifogger, obra coa que alcanzou un dos seus cumes creativos. Ademais do puro goce, abríronse fascinantes liñas de pensamento polas que puidemos explorar o significado da colaxe na historia da arte, e como se engarza agora no cine de vangarda. Os mesmos Klahr e Geiser, a través dunha soberbia carta branca, deixaron na súa selección de películas valiosas pistas da profundidade da súa propia obra.
A sección Ópera Prima tróuxonos todas as cintas de Súper 8 que se puideron rescatar da man de Santiago Aguilar, Luis Guridi e Raúl Barbé, ou o que é o mesmo, La Cuadrilla antes de seren La Cuadrila. Eles mesmos presentaron, con humor e incorrección, unha sesión cuxo título veu como anel ao dedo: “Da canallada punk ao cine familiar”. Unha sesión que removeu algo máis que a risa nos seus propios autores.
Nesta edición tamén acuñamos novos nomes para algunhas das nosas seccións. Desbordamentos é agora a categoría baixo a que encontramos o cine performativo, o cine expandido e as diversas manifestacións en directo do celuloide. E en Desbordamentos puidemos ver a case máxima conxunción de fantasía animada e corpo humano de Miwa Matreyek, por vez primeira en España, evento que xerou (e cumpriu) grandes expectativas. E tamén puidemos ver as misteriosas formas de narrar dun extenso legado de cintas de Súper 8, da man da troupe arxentina liderada por Magdalena Arau que é Archivo Expandido, colofón e á vez comezo da gran noite do sábado.
Sinais é o novo nome da sección dedicada aos outros formatos do cine en Galiza. Alberte Pagán foi obxecto dunha retrospectiva que percorreu case a totalidade da súa obra, e que estivo apoiada pola presenza do director e a posibilidade de estabelecer unha discusión sobre a súa propia obra. Tamén Sinais acolleu a estrea europea de La Brecha, de Marcos Nine, introdución ao universo creativo e teórico deste proxecto iniciado por Rodrigo Losada. Enlazamos así tamén co que fora parte das instalacións presentes no (S8), entre as que estivo precisamente a materialización de La Brecha nunha instalación, na cal se puido explorar o diagrama de ideas do proxecto ou a clasificación científica dos seus resultados, e ata se puido chegar a entrar no seu complexo universo a través dun laboratorio portátil que incluía desde unhas bases teóricas fundamentais a dispositivos varios de manipulación de diapositivas e celuloide. Toda unha invitación á aventura. O 20 aniversario de Vila do Conde empezou na Coruña tamén a través dunha instalación, unha gran caixa negra no vestíbulo do Ágora onde cada día do festival se proxectou unha obra significativa na andaina da exemplar cita portuguesa.
E aínda nos quedan moitas cousas por enumerar. Por exemplo, a presenza desa oficina virtual de recordos perdidos en Súper 8 que é Your Lost Memories; o encontro profesional que, baixo o título de “Da caixa negra ao cubo branco” abriu frutíferas liñas de traballo conxunto entre festivais e centros de arte; a presenza da Cineteca Nacional de México, que nos descubriu a rocambolesca traxectoria do galego emigrado a México Juan Orol; a versión do festival para os máis pequenos que cada ano conta con mellor acollida: o Mini (S8), que incluíu unha sesión especial de Miwa Matreyek e un imaxinativo obradoiro no cal se seguiron as pegadas do animador canadense Norman McLaren; e ata a exposición de pinturas de luz de Picasso no vestíbulo do Ágora, simbólica conxunción da pintura e o cine. E todo isto sen contarmos os encontros, conversacións, festas e celebracións ao redor da Mostra destes días, cargados de diferentes significados para todos.
Ata aquí a recapitulación, unha breve escritura desta terceira edición a ser reescrita na memoria de todos os que a ela asistiron. Porque o que en realidade nos move agora é ollar cara a adiante, ao que será a cuarta edición do (S8). O que queremos facer é pór un punto e seguido a todo o escrito ata agora, pois xa empezamos a maquinar, inquedos, o que virá en 2013. E aínda que acabamos de terminar, para nós xa empeza de novo a conta atrás ata a seguinte Mostra. Traballo arduo mais movido polo entusiasmo, que esperamos que cada vez dea mellores e máis saborosos froitos. Convidamos entón a todo o mundo á cita que se dará a finais da primavera de 2013. Isto non fixo máis que empezar.