O (S8) instálase no centro da Coruña
Volta o S8 e faino con máis forza que nunca nunha cuarta edición cargada de novidades. Coa etiqueta de “Edición Especial Argentina”, a Mostra ocupará o centro da Coruña os días 5, 6, 7 e 8 de xuño. O programa repártese entre diferentes espazos da zona dos Cantóns. A sé principal situarase no edificio da Fundación Novacaixagalicia. Nas súas distintas salas o público poderá asistir a numerosas proxeccións, encontros, coloquios, vídeo instalacións e actividades relacionadas co (S8). Como todos os anos realizaranse pases de películas na sé da Filmoteca de Galicia en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe. O Cine-concerto que dará o pistoletazo de saída da cuarta edición terá lugar no Teatro Colón, o Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa albergará obradoiros e conferencias, mentres que o cine expandido (unha das sinais de identidade do (S8)) desbordarase das pantallas para encher a noite coruñesa con performances audiovisuais no patio da Fundación Luís Seoane.
Sobre a decisión de cambiar de sé o director do certame, Ángel Rueda, di “somos un festival inquieto, dinámico, cunha gran capacidade de mobilidade. Este ano ocuparemos o corazón da cidade repartindo a programación en distintas sedes do centro para ampliar as posibilidades de participación do público”.