Os descendentes de Méliès inaugurarán cun cine-concerto a 4ª Mostra de Cinema Periférico da Coruña
Marie-Hélène Lehérissey-Méliès, bisneta de Georges Méliès narrará as aventuras fílmicas creadas polo seu popular antepasado, mentres que o seu fillo Lawrence Lehérissey, tataraneto do mítico mago do cine, acompañará ao piano unha coidada selección dos seus traballos.
A noite de inauguración da 4ª Mostra de Cinema Periférico Edición Especial Arxentina trae a Coruña aos descendentes do pai da ficción cinematográfica. Georges Méliès (1861-1938), personaxe visionaria da Francia de finais do século XIX, é unha das figuras máis apaixonantes da historia do cine. Rei da maquillaxe e do disfraz, mago e prestidixitador, xogou coa fascinación que exerce o incomprensible sobre o público. Personaxes que medran ou se reducen, desaparecen e se metamorfosean ou multiplican. Home orquestra, Méliès ocupouse de todas as tarefas: produtor, guionista, director, distribuidor. El mesmo construíu e pintou os decorados e foi tamén actor na maioría dos seus filmes. Entre os anos 1896 e 1912 produciu, dirixiu e distribuíu máis de 520 películas. Foi innovador da sétima arte en aspectos como o desenvolvemento narrativo, a aplicación de novos recursos técnicos, a manipulación de fotografías, e o uso de efectos especiais e decorados na realización audiovisual. Ademais, foi un dos primeiros en dominar a arte da montaxe e as súas posibilidades de ilusionar, por medio de efectos visuais, trucaxes e cor sobre a cinta, o que dá conta do xenio visionario o cineasta. O filósofo Edgar Morin, fundador do Pensamento Complexo, resume de forma moi axeitada o papel que Georges Méliès tivo no devir da historia do cine: “Foi un mago que meteu o cinematógrafo (dos irmáns Lumière) na súa chistera e desta sacou o cine”.
O cine-concerto, que terá lugar no Teatro Colón (A Coruña) o próximo 5 de xuño en horario de 20:30 h., presenta un programa exclusivo no que se inclúe unha coidada selección de películas realizadas por Méliès. Tal como se acostumaba a principios do século pasado, cada peza muda conta co correlato inspirador e divertido da “bonimenteuse”, á maneira dos contacontos ou vendedores de ilusións da época. Este papel corre a cargo de Marie-Hélène Lehérissey-Méliès, bisneta de Georges Méliès, que representa a terceira xeración de presentador-conta-contos da familia e que durante o espectáculo le as expresións orixinais que escribiu o seu bisavó. Marie-Hélène é membro da dirección técnica de TF1 (Télévision Française Une), e dedícase á montaxe de películas. Paralelamente, ocúpase do mantemento da colección de películas da Asociación “Les Amis de Georges Méliès – Cinémathèque Méliès”, grupo fundado en 1961 cuxo traballo céntrase en buscar, restaurar e preservar a obra deste gran mago do cine primixenio.
A proxección conta ademais con música en vivo, a cargo de Lawrence Lehérissey. O tataraneto de Méliès acompaña ao piano as imaxes filmadas polo seu antepasado aportando contexto e viveza á historia. Lawrence é pianista con formación clásica e en jazz. Desde hai anos acompaña o cinema-concertos e é compositor da música orixinal do espectáculo, e da música do DVD Méliès, editado en 2008 por Studio Canal. Lawrence é co-fundador do grupo Improbable e membro do grupo Les portugaises ensablées, nos cales toca e compón.
Coa colaboración do Institut Français de Bilbao.