O katsuben, un espectáculo inédito en España, na gala de inauguración do (S8)
A concepción do cine en Xapón é moi distinta ao que imaxinamos. O katsuben é un espectáculo único, que mestura o cine coa tradición oral e a música xaponesa, que xurdiu no país oriental na época do cine mudo. Este ano a gala inaugural de (S8) Mostra de Cinema Periférico trae por primeira vez o katsuben a España este 4 de xuño. A experta en cine e cultura xaponesa Nieves Moreno -que tamén dará unha conferencia sobre o tema o luns 2 de xuño- explícanos máis sobre esta fascinante arte.
O cine xaponés dos inicios nunca foi mudo, música e narración en directo foron elementos indispensábeis do espectáculo visual. Dende a chegada do Cinematógrafo dos Irmáns Lumière a Xapón en 1897, as imaxes en movemento rapidamente convertéronse na principal actividade de ocio da sociedade xaponesa. Este entretemento, froito da recén adquirida modernidade, pronto se desenvolveu como unha florecente industria que permitiu que o mercado cinematográfico xaponés se convertese nunha das máis potentes industrias de cine do mundo. Lamentabelmente, e debido a diversos factores, a produción anterior a 1925 practicamente desapareceu, tan só queda un 4% da produción total. O labor que entidades públicas e privadas fixeron para protexeren e promoveren esta parte da historia artística de Xapón é de gran valor, e grazas a ese traballo podemos gozar hoxe de espectáculos únicos como o do katsuben.
O período chamado de “cine mudo” en Xapón foi unha etapa rica en experimentación sonora. Diferentes técnicas, algunhas procedentes do teatro ou da tradición oral, aliáronse con elementos narrativos novidosos que permitiron o nacemento dos narradores do silencio, coñecidos como katsuben. O seu labor consistía en acompañar o espectador na experiencia cinematográfica, remarcando os estados emocionais dos personaxes, interpretando os diálogos ou lendo os intertítulos. Co tempo foi tal a magnitude e popularidade que adquiriron, por enriba mesmo dos actores, que se organizaban espectáculos de narración nos cales varios katsuben rivalizaban ao narraren un mesmo filme. Mesmo se chegaron a fundar diferentes escolas co fin de formar os mellores narradores fílmicos.
As imaxes puxéronse ao servizo das palabras propiciando que a cinematografía xaponesa tivese un desenvolvemento único na historia do cine universal. Anos despois da aparición do sonoro os narradores seguiron a ofrecer o seu espectáculo, o que demostra que o seu uso non respondía unicamente a unha necesidade de comprensión do público coa linguaxe fílmica. O katsuben e o acompañamento musical, que podía ser tradicional ou moderno dependendo do filme, ofrecía un extra ao espectáculo visual, e o nome de moitos deles teñen pasado a formar parte da historia do cine xaponés.
Diversas técnicas narrativas conformaron a arte da narración convertendo o feito de ir ao cine nunha experiencia dinámica, participativa e vibrante. O seu traballo consistía nunha mestura de talento, coñecemento e improvisación. Co desenvolvemento das técnicas cinematográficas e interpretativas os katsuben tiveron que ir modificando un espectáculo que nunca desapareceu de todo. Hoxe en día son varias as institucións, tanto públicas coma privadas, as que permiten que esta particular manifestación artística permaneza.