Artista en foco:
Xiana Gómez-Díaz

Carretera de una sola dirección, Xiana Gómez-Díaz

Carretera de una sola dirección, Xiana Gómez-Díaz

Este ano, a sección SINAIS do (S8) pon o acento na ollada das cineastas galegas. Un cinema de alta calidade, como é o caso de Xiana Gómez-Díaz: realizadora, artista visual e co-fundadora da produtora especializada en cine documental de autor e vídeo experimental Walkie Talkie Films. Tanto na súa obra en cinema como nos seus traballos de investigación, Gómez-Díaz explora o relato íntimo, a construción da identidade, o papel no cinema e no vídeo arte do xénero e a comunicación non verbal, así como as cuestións formais da relación entre a imaxe e a música. O (S8) confeccionou un programa especial dedicado ás súas curtametraxes que inclúe, entre outros, os títulos: Dúas pitas (2013) e While it Spins (2014), A Real Woman (2013), Carretera de una sola dirección (2015 – Proyecto X Films en Punto de Vista), Mira para aquí un momento (2015) e Sotobosque 1 (2016).

A súa participación no (S8) culminará cun encontro no que explicará ao público os seus procesos creativos e que será moderado, como é habitual, polo realizador en foco da edición anterior, neste caso Xacio Baño. Durante esta charla compartirá co público o work-in-progress da súa primeira longametraxe, Proyecto D, un novo documental sobre o relato colectivo da subxectividade feminina adolescente a través do diario íntimo. Para a realización desta película, Xiana Gómez-Díaz recompilou diarios da nenez-adolescencia de mulleres cedidos de forma íntegra ou parcial. Este proceso de documentación xa tivo a súa primeira presentación, en formato expositivo, a través dunha instalación (Barcelona, setembro a novembro de 2015) composta por documentación orixinal, producións videográficas, fotográficas e sonoras, que exploran o universo íntimo e a creación cultural invisible das adolescentes contemporáneas.

Xiana Gómez-Díaz é, ademais, doutora en Comunicación Audiovisual pola Universidade Autónoma de Barcelona e licenciada en Xornalismo pola Universidade de Southampton. Tamén é creadora e produtora musical, enfocando o seu traballo tanto en obras persoais como na composición de bandas sonoras. As súas películas puideron verse en encontros de cinema, festivais de cinema de autor e como parte da programación de varias televisións públicas.