AULA CREA: ‘EUGENI BONET: PERITO EN PANTALLAS, PROXECCIÓNS E BUCLES’
A colaboración entre o (S8) e a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA) fortalécese aínda máis se cabe cunha nova edición do aulaCREA. Neste sentido, ambas partes quixeron elevar o listón e contarán co cineasta Eugeni Bonet, quen dará unha conferencia baixo o título de ‘Eugeni Bonet: perito en pantallas, proxeccións e bucles’. Bonet toca diversas teclas en cinema, vídeo e medios dixitais. Desde 1973, a súa actividade despregouse entre a reflexión e a práctica, e entre o marco das artes visuais e o da imaxe en movemento. Na súa intervención, o cineasta comentará outros aspectos da súa traxectoria nunha conferencia ilustrada mediante documentos, demos e extractos das súas filmesculturas, pezas de proxeccións múltiples e en bucle perpetuo; así como referencias ao seu apego polo found footage e os desproveitos audiovisuais, así como polo azar, a desorde e as estruturas imprevisibles.
A charla completarase coa proxección da súa peza 133 (1978-1979 / 16 mm), realizada en colaboración con Eugènia Balcells a partir de desproveitos cinematográficos de especies diversas (filmes comerciais de distintos xéneros, películas amateurs, familiares, publicitarias, industriais e turísticas). Acto seguido, proxectarase un work-in-progress da súa próxima película eGolem (una de miedo) (2007- en curso / vídeo). Este filme expón unha versión da lenda do Golem a partir de extractos do libro de Gustav Meyrink e con algunhas imaxes da versión cinematográfica de Paul Wegener e Carl Boese, as cales se solapan con outras propias, tomadas ao longo dun percorrido polas principais xuderías da xeografía española.
Ademais, a proxección das súas pezas contará coa presentación do tamén cineasta e teórico Albert Alcoz.