(S8) 2016:
Os novos impresionistas

BROUILLARD - passage #14, Alevandre Larose

BROUILLARD – passage #14, Alexandre Larose

“Impresionista”: na súa orixe, esta palabra foi un termo despectivo acuñado por un crítico de arte para descualificar o traballo de Monet. É improbable que o crítico imaxinase que este sería o nome adoptado para falar dunha das correntes pictóricas máis revolucionarias da historia, que deixou atrás a imitación da vida e das formas para tentar capturar, na súa pureza, a luz cos seus pinceis. “Os novos impresionistas” é o nome co que este ano o (S8) bautiza a súa edición especial, na que conflúen cineastas (emerxentes e veteranos) para os que a experimentación coa luz e as calidades pictóricas do cine é esencial. Investigando os límites da percepción sensorial e da subxectividade, este grupo de cineastas asinan algunhas das obras visualmente máis estimulantes dos últimos anos.

É o caso de Jacques Perconte, un dos artistas franceses máis solicitados da actualidade, que trae ao (S8) unha exposición, unha performance sonorizada en directo e a estrea internacional do seu último filme, Save my Heart from the World. Utilizando o vídeo dixital e explotando todas as posibilidades plásticas do chamado glitch (é dicir, as alteracións da imaxe causadas pola manipulación do código), Perconte abre portas a paisaxes imposibles de cores e formas insólitas.
Este artista e cineasta francés, cuxa obra se puido ver nas máis prestixiosas galerías, institucións e festivais do mundo, colaborou con artistas como Leos Carax (en Holy Motors), Jean-Benoît Dunckel (integrante do grupo de música de vangarda Air) e Jeff Mills.

Tamén visita por primeira vez España Stephen Broomer, novo e, con todo, xa consagrado cineasta, conservador e teórico canadense. Broomer, cuxas películas se puideron ver en Views from the Avant-Garde (New York Film Festival), a sección Wavelengths do Festival de Toronto e a Berlinale, traerá á Coruña os seus traballos en 16mm. Películas nas que as cores e as texturas evocan o traballo dos primixenios impresionistas, nunha procura formal cuxo embriagador resultado achégao tamén aos autores máis abstractos dentro desta corrente.

O apartado dedicado ao impresionismo complétase cunha selección de traballos recentes de artistas internacionais coma os estadounidenses Jodie Mack e Robert Todd, o arxentino Pablo Mazzolo, os canadenses John Price, Alexandre Larose e Eva Kolcze ou a británica Charlotte Pryce. O (S8) tamén ofrecerá unha sesión dedicada a Germaine Dulac, pioneira do cinema e parte da corrente vangardista dos anos 20 designada como “impresionistas franceses”, á que tamén pertenceron Jean Epstein, Louis Delluc e Abel Gance. O traballo de Dulac proxectarase en formato fílmico, contando coas recentes restauracións en 35mm de Étude Cinématographique sur une Arabesque e Thèmes et Variations.