Eisenstein / Napoléon
Onte Acorazado Potemkin abriu paso á sétima edición do (S8). A continuación, reproducimos un fragmento de “Os doce apóstolos”, texto escrito por Eisenstein en 1945 acerca de como se fixo o seu soado filme.
Volvendo ao tema dos actores anónimos… Exceptuando a Antonov que interpretou a Vakulinchuk, Grigory Alexandrov—Gilyarovsky, o despois director Barsky, que fixo de Golikov, e o contramestre Levchenko, cuxo chifre nos foi moi útil, os intérpretes permaneceron no anonimato.
Que foi deses centenares de persoas anónimas que trouxeron á película o seu infatigable entusiasmo, que percorreron de arriba a abaixo as escaleiras baixo un sol implacable, que marcharon na infinita procesión fúnebre.
Máis que nada gustaríame coñecer ao neno sen nome que chorou dentro do carriño que roda escaleiras abaixo.
Ahora debe de ter vinte anos. Onde está? Que está facendo? Estivo entre os que defenderon Odessa? Está enterrado na fosa común na desembocadura do río á aforas de Odessa? Ou está ocupado reconstruíndo a súa cidade natal?
Lembro os nomes de algún dos que participaron nas escenas de masas.
Lémbroos por unha boa razón.
É un “truco napoleónico” que moitos directores usaron.
Napoleón tiña o costume de coñecer os asuntos persoais dos seus soldados a través dos seus amigos, para logo sorprendelos ao preguntarlles “Como está a túa querida Loison?” “Como están os teus pais –a amable Rosalie e o industrioso Tibault?” “Que tal a túa casiña ás aforas de Saint-Tropez?” “Como vai da súa gota a túa tía Justine?
A multitude precipítase escaleiras abaixo, máis de mil pares de pés. A primeira vez fano bastante ben. A segunda con menos enerxía. A terceira móvense claramente máis amodo. De súpeto, desde o alto, afogada entre a desbandada de botas e sandalias, ábrese paso a voz do director retumbando a través do megáfono:
“¡Ponlle máis enerxía, camarada Prokopenko!”
A multitude fica perplexa: “Pero pódenos ver a cada un desde esa condenada plataforma?” “¿Sabe os nosos nomes?”
A multitude sente unha nova vaga de enerxía e lánzase escaleiras abaixo, cada un deles seguro de que o ollar atento do director está sobre el.
E todo o que fixo foi gritar o nome dun home que coñece.