Eugeni Bonet. Perito nas pantallas, proxeccións e bucles

Barcelona. Exposició de l'artista Eugeni Bonet. Macba

Este ano o aulaCREA, organizada pola Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA) en colaboración co (S8) trae a quen probablemente sexa unha das máis importantes figuras no contexto do cinema experimental español, un carácter potenciado pola multiplicidade da súa práctica, que vai desde a creación á investigación, escritura e programación. Eugeni Bonet leva desde mediados dos setenta desenvolvendo unha abondosa actividade, que hai pouco recolleu o MACBA nunha exposición na súa tripla faceta (xustamente titulada O ollo escoita. Eugeni Bonet: pantallas, proxeccións, escritos).

No seu aspecto como creador, Bonet empeza realizando pezas en super 8 e en 16mm nas que priman as preocupacións formais e o traballo con imaxes atopadas. Firma entón obras como Photomatons (1976), na que o traballo con fotos de carné implica tamén un comentario político, nun filme en super 8 a dobre pantalla, Toma-vistas (1978), unha homenaxe ao cinema amateur desde a rigorosidade e o azar controlado do cinema estrutural, tamén a dobre pantalla e 133, feita de xeito conxunto con Eugenia Balcells (e que se poderá ver proxectada no seu formato orixinal nesta conferencia), na que unha premisa estrutural -un disco de efectos sonoros- proporciona as instrucións a seguir nunha colaxe de imaxes atopadas non exenta de humor, que foi ademais unha das primeiras manifestacións nacionais deste tipo de prácticas experimentais. Práctica, a do celuloide, que se expande cara á sala de exposicións coas súas “filmesculturas”, nas que a materialidade do medio entra en cuestión.

Seguiría neste campo a súa relación coa imaxe electrónica -que empezou en certo modo en 1974 coa súa peza V-2, vídeo refilmado en super 8 por motivos máis prácticos que conceptuais ou formais- que se estende desde os anos oitenta, en pezas como a serie Duchamp (retard en vídeo) (1987), concibida como un piloto para unha nova didáctica audiovisual en materias de arte contemporánea, na que reinterpreta a figura de Duchamp. Ao longo dos 90 explora tamén o potencial da televisión coa súa serie Lectures de Cirlot, na que percorre con diversas estratexias o universo do barcelonés J.E. Cirlot, poeta, crítico de arte e músico (entre outras facetas).

Desde o dixital explora Bonet nos dousmiles o traballo de reciclaxe audiovisual: obras como Mecánica (retard dixital) (2001), “deconstrucción, entre caleidoscópica e poltergeist, de canción e baile de Fred Astaire”, 10 min (2005), na que unha disquisición sobre o tempo lévao a explorar o propio arquivo familiar cunha peculiar estratexia formal, e A Spanish Delight (2007), sensual e rara película atopada á que a man de Bonet dá novas connotacións. Entre estas, a homenaxe multipantalla de base de uns e ceros a Alan Turing, pai da computación, de Usession (2002). Unha das súas últimas pezas, e en progreso desde 2007, poderá verse no aulaCREA: a particular revisión de Bonet da lenda do Golem de eGolem (unha de medo), a partir de extractos do libro de Gustav Meyrink, e con algunhas imaxes da versión cinematográfica de Paul Wegener e Carl Boese, que se solapan con outras propias, tomadas ao longo dun percorrido polas principais xuderías da xeografía española.

No tocante ao seu labor como teórico e investigador, Eugeni Bonet investigou e escribiu sobre figuras como os estructuralistas ingleses e americanos dos anos setenta, sobre cineastas dese novo cinema alemán máis afastados do foco xeral (como Schroeter e Nekes), pioneiros do videoarte como Nam June Paik ou Takahiko Iimura, entre outros innumerables escritos reunidos hai pouco nos seus Escritos de vista y oído, editado polo MACBA con motivo da exposición, tamén dispoñibles nunha web-arquivo expandido. Un labor, a de investigación, que se entrecruza en ocasións coa creativa: foi un elemento clave no rescate da figura de José Val del Omar, cuxas películas programou xa en 1982 no Pompidou, ademais doutros moitos movementos neste sentido como a esencial exposición :desbordamiento de Val del Omar no Museo Reina Sofía. En 2004 recibiu o encargo de elaborar unha película coas bobinas soltas de probas e experimentos de Val del Omar, que finalmente deviñeron na longametraxe Tira tu reloj al agua.

Como programador, curou diversos programas desde os anos noventa, relacionados tamén cos seus focos de interese como artista: exemplo diso son Desmonte: filme, vídeo / apropiación, reciclaxe (1993), ao redor da apropiación, Ciencia-fricción: tecno-fábulas para o crepúsculo do milenio (1997) na que abordou as «friccións» entre arte, ciencia, tecnoloxía, media e sociedade, tomando como referente o xénero da ciencia ficción, Cine calculado (1999 e 2001) baseada nas estruturas de composición de raizame matemático en varias vertentes, ou Desconexiones peritelevisivas (2007), na que se manifesta o seu interese no potencial da televisión. O seu traballo neste sentido copou as pantallas de diversos museos e institucións, como o IVAM, o Museo Reina Sofía, Arteleku, the Centre d’Arts Santa Monica, Fundació Antoni Tàpies (Barcelona) e a Cinémathèque Royale de Belgique de Brussels, por citar algúns.

Todo isto e moito máis será o que aborde Bonet nesta aulaCREA, na que “comentará outros aspectos da súa traxectoria nunha conferencia ilustrada mediante documentos, demos e extractos das súas filmesculturas, pezas de proxeccións múltiples e en bucle perpetuo; así como en referencia ao seu apego polo found footage e os refugallos audiovisuais, e polo azar, a desorde e as estruturas imprevisibles”.

AulaCREA Eugeni Bonet. Venres 3 de xuño no CGAI ás 11.30 h.