Germaine Dulac: movimento e ritmo
Durante esta sétima edición do (S8) realizarase unha pequena retrospectiva da autora francesa de vangarda Germaine Dulac (1882-1942). Durante a sesión poderanse ver tres curtametraxes representantes da súa idea de cinema puro (cinéma pur): Étude Cinématographique sur une Arabesque, Disque 957 e Thèmes et Variations, e unha medio-metraxe situada entre a súa vertente máis narrativa e devandito cinema puro: L’invitation au Voyage. Esta última -na que seguimos os desexos e intentos de escapatoria dunha muller frustrada no seu matrimonio- é, tamén, un bo exemplo da súa faceta máis reivindicativa. Preocupada polas cuestións sociais, Dulac involucrouse, sobre todo, coa loita feminista nas súas películas, ademais de colaborar con asociacións e xornais políticos.
Realizou máis de 30 películas, entre algunhas comerciais que lle permitían vivir e outras máis libres nas que experimentaba coas súas ideas sobre o que consideraba que debía ser o cinema. Foi das primeiras cineastas en pensar a súa práctica e escribir numerosos ensaios e textos coas súas reflexións. Ademais de apoiar un cinema diferente coa súa obra, os seus escritos e conferencias, promulgou a creación de ciné-clubs, militando por unha “arte cinematográfica” democrática e accesible.
Xunto aos seus compañeiros cineastas, críticos e teóricos Jean Epstein, René Clair, Fernand Léger, Abel Gance, Marcel L’Herbier… e Llouis Delluc, de quen foi discípula directa, participou na definición e difusión do concepto de cinema puro. Idea, influída polas vangardas soviéticas, que, situándose á marxe das tendencias máis dominantes do cinema e criticando a maquinaria hollywoodiense, defendía un tipo de cine que no canto de darlle a supremacía á narración -modelo fundamentado no teatro e a literatura-, se construíse como unha arte autónoma caracterizada pola plasticidade e o ritmo: “A paixón polo movemento, pola expresividade mesma da sensación física, do acontecemento cinético en si. A emoción, en definitiva, dun conxunto de imaxes sucesivas, expresivas na súa propia calidade de imaxes, sen necesidade de poñelas ao servizo dunha formulación textual.” (OLICIA Mompeán, Ignacio: La imagen sustantiva. Elementos para una lógica de la forma moderna y su incidencia en el cine de los años veinte, Ediciones de la Universidad de Castilla-La Mancha, Castilla-La Mancha, 1991). A súa autonomía viría da súa propia capacidade técnica de representación, como explicou Dulac: “Canto máis se perfecciona o cinema avanzando por este camiño, máis se afasta, na miña opinión, da súa propia verdade.(…) o uso de guións habilmente construídos, unhas interpretacións espléndidas, uns decorados fastosos… lanzaban ao cinema totalmente indefenso ás concepcións literarias, dramáticas e decorativas. A idea de “acción” confundíase progresivamente coa idea de “situación”, e a idea de “movemento” esvaecíase nun encadeamento arbitrario de feitos resumidos” (ROMAGUERA I Ramiro, Joaquim y ALSINA Thevenet, Homero: Textos y Manifiestos del Cine. Estética, Escuelas, Movimientos, Disciplinas, Innovaciones, Cátedra, Madrid, 2007).
Pero, como sabemos, o cinema que dominaba era o modelo de Hollywood. Por iso, e engadindo o paso da 1ª Guerra Mundial que afectou enormemente o cinema francés, os autores atopaban moitísimas trabas á hora de producir as súa obras, polo que a maioría dos defensores do cinema puro, incluída a propia Dulac, adecuáronse á industria nacente. Pero, a pesar de verse forzada a adaptarse, Dulac, xunto a algúns dos demais directores, conseguiu incluír o cinema puro nas súas películas máis comerciais, experimentando cos recursos formais, e así crear unha emoción particular que non se confinaba nunha acción, senón que desbordaba a narración. Étude Cinématographique sur une Arabesque, Disque 957 e Thèmes et Variations, son perfectos exemplos do cinema puro, nelas os protagonistas son o ritmo e os xogos de imaxes provocados pola sucesión de planos, como unha sinfonía visual. Por exemplo, en Thèmes et Variations o traballo dunhas máquinas asóciase á danza dunha bailarina xunto a outros elementos en movemento, todo iso animado pola montaxe, que, á vez, é por si mesma un baile. Ou como, tamén, en Étude Cinématographique sur une Arabesque, as formas insinúanse nos obxectos e as texturas (luces, auga, cortinas, etc.) deixan de significar para converterse en materia. Todo iso acompañado por numerosos efectos impresionistas -corrente artística coa que se lle relacionou frecuentemente -: desenfoques, sobreexposicións, fundidos, formas enmarcadas… aos cales lle atribuía un valor suxestivo equivalente aos signos musicais. Ademais, a música é un elemento central nas súas obras, protagonista como en Disque 957, na que vemos un vinilo en movemento e as formas reais e metafóricas que resultan dos seus xiros. Pero tamén de maneira secundaria, como en L ìinvitation au Voyage, onde a pesar de non ser o centro da película, a música e o baile están moi presentes. As referencias sinestésicas das imaxes visuais á escoita son continuas, así como a outras sensacións coma o olfacto, como por exemplo ao cheiro das rosas que recibe a protagonista de L’invitation au Voyage, ou ao tacto das texturas en primeiro plano que aparecen continuamente na súa filmografía. As películas de Germaine Dulac fan unha chamada non só á ollada do espectador, senón ao seu corpo enteiro.
A miúdo, nas súas películas máis narrativas, como L’invitation au Voyage, utilizou os efectos para facer referencia ao pensamento e á vida interior dos personaxes. Dulac consideraba o cinema como o mellor instrumento para expresar as manifestacións da psicoloxía, posto que a vida interior era para ela moi similar á práctica fílmica, é dicir, encadeamentos en movemento: reaccións, impresións, imaxinacións, recordos…
Finalmente, Germaine Dulac quixo coa súa innovadora obra e os seus escritos liberar o cinema das construcións racionais da intriga en prol dunha expresión visual rítmica, pero, como ocorre case sempre, a Historia deulle a razón aos poderosos afogando a súa voz e a súa enerxía. Non obstante, os seus esforzos non foron en balde: seguimos sendo moitos os que creemos na forza única da “arte cinematográfica”.