Gala de inauguración
Fausto, de Murnau, sonorizada en directo pola Orquestra Sinfónica de Galicia
Fausto, a que fora a última película feita en Alemaña de F.W. Murnau, na súa versión restaurada por Luciano Berriatúa, será a obra mestra do cinema mudo que este ano inaugurará o (S8). Sonorizada en direito pola Orquestra Sinfónica de Galicia, que en 2017 celebra os seus 25 anos. Un aniversario significativo, como para o (S8) é alcanzar ese número 8 que seu nome leva, en honra ás películas de pequeno formato. A OSG esta ocasión contará coa dirección de José Ramón Encinar e coas intervencións da soprano Ilduara Perianes e a mezzosoprano María Rivera. A partitura que interpretará a Orquestra é a composta polo zaragozano Jesús Torres, galardoado co Premio Nacional de Música en 2012, e cuxos traballos percorreron as máis prestixiosas institucións e festivais do mundo.
Baixo a sombra de Mefisto
“A película empeza coa máis notable e turbadora imaxe xamais creada polo claroscuro alemán. A caótica densidade dos planos de apertura, a luz xurdindo de entre a néboa, os raios que atravesan o aire opaco, quitan o alento… Ningún outro director, nin sequera Lang, conseguiu conxurar o sobrenatural con tanta mestría. A cidade enteira parece ir desaparecendo baixo os extensos pregues da túnica dun demo (ou é unha xigantesca nube baixa?) a medida que as forzas diabólicas se preparan para devorar os poderes celestiais. A cámara de Carl Hoffmann dá á parte terreal do filme un modelado extraordinario e ten o poder de impregnalo todo, ata a tea dun traxe, con satanismo…”. Así fala Lotte Eisner (cineasta e autora dun dos máis importantes libros sobre o expresionismo alemán, A pantalla demoniaca) da fotografía de Fausto, que xunto coa dirección de arte –decorados e traxes– axudan a dar forma ao terror e á escuridade expresionista do filme.
Fortemente influenciado polo tempo que pasou na compañía teatral de Max Reinhardt, para quen figuras como o noruegués Edvard Munch deseñaron decorados, Murnau dá unha imaxe pictórica a esta versión da lenda tradicional alemá. En principio, un Fausto segundo a adaptación de Goethe, pero que Murnau aproveita para subverter roles (o de Gretchen, a muller, culpable, por exemplo, á que redime), para facer unha crítica velada á relixión, e mesmo para introducir bromas –como é o caso da aposta entre o arcanxo e Mefisto coa que se abre o filme. Aínda que cunha filmografía temática e esteticamente heteroxénea e dispar (lembremos que o mesmo home é responsable de films como El último, Amanecer, Nosferatu e Tabú), Murnau soubo inventar e explorar como poucos as posibilidades do cinema mudo, cando era apenas un medio recentemente nado.
As múltiples caras de Fausto
Fausto foi unha superprodución no medio dunha Alemaña sumida na crise despois da guerra perdida, posible grazas aos compatriotas que triunfaban nos Estados Unidos grazas á máquina de soños. Figuras internacionais na época foron os protagonistas do filme: un dos máis grandes actores alemáns, Emil Jannings (El ángel azul, El último) encarnou a un icónico Mefisto; a lenda do teatro sueco Gösta Ekman fixo as veces de Fausto; completan o repartición personalidades como William Dieterle, a estrela de cinema mudo Camilla Horn e a bailarina do Moulin Rouge inmortalizada por Toulouse-Lautrec, Yvette Guilbert.
A súa natureza e o seu destino era a distribución internacional, e por esa razón a película foi filmada con varias cámaras á vez, coa idea de producir copias suficientes para o mercado ao que aspiraba. De aí xorde a particularidade da versión restaurada que teremos ocasión de ver. Luciano Berriatúa (nunha colaboración da Filmoteca Española co Federal Filme Archive of Berlin, o German Institute for Film Studies e a Friedrich Wilhelm Murnau Foundation) foi o encargado desta restauración, froito dunha minuciosa investigación e unha mirada rigorosa. Ao iniciar o proceso, Berriatúa descubriu varias versións da película procedentes de oito negativos distintos, consecuencia da práctica habitual nas superproduccións da época da que antes falabamos, ocasionada pola precariedade dos materiais, que dificultaban a copia de negativos. A restauración realizouse a partir das tomas e encadres cos que Murnau fixo a montaxe estreada en Alemaña en 1926, nun intento por permanecer o máis fieis posibles á visión de Murnau.
Escoitando a Fausto
Creada en 1992 polo Concello da Coruña, cidade onde o Palacio da Ópera ten a súa sede, a Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) é unha das agrupacións orquestrais de maior proxección en España ademais dunha marca internacional con seguidores nos cinco continentes. Na súa discografía, editada por importantes selos como Deutsche Gramophon, Sony, EMI, DECCA, Koch, Naïve, BMG e Arts, figuran nomes como os de Juan Diego Flórez, Kaori Muraji, Peter Maag, Antonio Meneses, Iván Martín, Manuel Barrueco (con quen foi nomeada ao Grammy 2007 polo mellor álbum clásico do ano), María Bayo, Plácido Domingo, Juan Pons ou Ewa Podles entre outros. Unha orquestra premiada coa Medalla de Ouro da Real Academia Galega de Belas Artes e é Premio Cultura Galega da Música 2010, e que interpretará en directo a banda sonora de Fausto.
A partitura elixida para a ocasión é a de Jesús Torres. Unha partitura estreada en 2009 no Teatro da Zarzuela de Madrid, e que é unha obra de creación por dereito, máis aló do simple subliñado e da música incidental, cunha ambición que a equipara cunha ópera ou unha sinfonía. Torres, que estrutura a súa peza en nove movementos, utiliza estratexias como o contraste, unha estrutura ascendente e un especial uso da voz humana para dar unha dimensión persoal e autónoma á súa obra, que consegue brindar unha nova experiencia estética e abrir unha nova dimensión no filme de Murnau.
FUNCIÓN: Venres 26 de maio. 20:30 h. Palacio da Ópera, Glorieta de América s/n, A Coruña.
DURACIÓN: 119 minutos
ENTRADAS: A través do Servizo de Venda de Entradas de //ABANCA, por internet as 24 horas do día (entradas.abanca.com) e no teléfono 902 43 44 43 ata 24 horas antes de cada espectáculo, de 8 a 22 horas de luns a sábado. A compra por teléfono e internet está suxeita aos gastos de gestion que aplica //ABANCA. A Taquilla da Praza de Ourense, de luns a venres, excepto días festivos, de 9.30 a 13h. e de 16.30 a 19.30h. E na taquilla do Palacio da Ópera, o mesmo día da representación de 11 a 14h. e de 17h ata comezo do espectáculo.