Aldo Tambellini. Unha comunidade cósmica
Por Helena Girón e Samuel Delgado
Aldo Tambellini levou a cabo as súas primeiras “Electromedia” performances co Group Center, formado xunto á súa compañeira Elsa Tambellini, Ron Hanhe e Ben Morea (fundador dos Up Against the Wall Motherfuckers! Grupo autodefinido como unha banda rueira con análise). Nelas buscaban un continuo cambio e expansión manexando algúns dos conceptos que están presentes en toda a obra de Tambellini. Así, en Black, Black 2, Black Round, Black Zero (a máis coñecida) e outras performances comezarían a asentarse algúns cimentos da súa obra como a concepción do negro como nexo entre o cosmos e a segregación racial -idea que abordaron desde outras frontes Sun Ra e o afrofuturismo-. Tamén realizaron diversas accións que tiñan por obxectivo aquelas institucións que secuestraban a arte e a creatividade reservándoa para unha pequena elite.
CREDO: Cremos que a comunidade artística alcanzou un novo estado de desenvolvemento. Nunha sociedade móbil, permaneceren illados non é suficiente para os creadores. Sentimos a fame dunha sociedade perdida no seu propio baleiro que se alzou co compromiso activo de seguir adiante buscando un novo espírito para a humanidade. A creación non é unha mercadoría para a clase dominante. A creación é a enerxía vital da sociedade. Cremos que “o noso sistema” é un enorme dinosauro que se extingue a un ritmo sorprendente e que se opón á verdade e á liberdade eliminando a vitalidade esencial do home que lle fai ser parte da humanidade. Por esa razón, “Group Center”, consciente e intencionalmente, elixe converterse en contracultura, un grupo undeground que tenta atopar maneiras de cambiar e golpear este sistema egocéntrico.
Credo. Group Center, 1962.
A súa actividade sería breve pero intensa, e o seu espírito seguiría vivo no espazo creado en 1967 por Aldo Tambellini e Otto Piene na planta superior de The Gate Theater. Chamaríano o Black Gate e a súa orixe sería a mesma que a do universo: primeiro escuridade, despois a luz. Na súa inauguración, Blackout de Tambellini veríase seguida de Proliferation of the Sun de Otto Piene. As súas portas quedaban abertas. Cincuenta anos despois poderemos traspasalas novamente a través dunha filmación realizada por Aldo o día da súa apertura e, unha vez dentro do Black Gate, teremos a oportunidade de gozar da experiencia de Moondial.
“Somos os primitivos dunha nova era […] A rebelión é en contra do home explotado economicamente acomodado como unha entidade especializada presenciamos a explosión do home negro e a apatía dos artistas […] O concepto da arte desapareceu electromedia é a nosa era debemos chegar ao corazón do medio aos seus tubos os seus filamentos a súa enerxía debemos producir visións da materia da que os medios están feitos”.
Black Gate. Proclama de Aldo Tambellini e Otto Piene. 1966.