Blanca Viñas e Albert Alcoz: como se inventou La noche inventada
Fotografía e cinema: a orixe
Blanca Viñas: As nosas afeccións non teñen ningunha raíz evidente, pero si é certo que en ambos os casos se alimentaron da inquietude artística familiar. Os pases de diapositivas das tardes de inverno na casa seguro que nos influíron dalgunha maneira.
Albert Alcoz: Si, existe ese vínculo familiar e esa contorna similar porque somos irmáns.
Como se inventou La noche inventada
B.V.: A miúdo saiamos a pasear xuntos, cada un coa súa cámara, compartiamos o feito de contemplar a paisaxe e aproveitar para capturala á nosa maneira. Ao mesmo tempo os dous usabamos o medio analóxico e isto servíanos para intercambiar técnicas ou recursos formais que cada un foi adaptando á súa linguaxe. Deste xeito atopámonos con dualidades e paralelismos que nos axudan a visibilizar unha contraposición entre a imaxe fixa e a imaxe en movemento.
A.A.: O xerme desta colaboración xorde a partir do feito de programarmos unhas sesións de cinema chamadas Cinema Anémic nun estudio que aluguei a finais de 2014 para acabar a tese doutoral. Xa faciamos paseos e escapadas para facer fotografías e filmar, así que a idea de proxectar simultaneamente os resultados foi unha evolución lóxica. Mesturarmos os procesos fotoquímicos, os puntos de vista e as aproximacións ao medio fotográfico e cinematográfico xorde polo feito de compartirmos miradas similares respecto dos aparellos utilizados e os espazos rexistrados.
Música e outros referentes
B.V.: Family é a escusa para atopar un nexo, tendo en conta que eu xa usara como pseudónimo “cohetes naranjas”. O nome de “Esperando un eclipse” sae da canción de Radio Futura “La estatua del jardín botánico”.
A.A.: É certo que o título do proxecto parte dun tema musical do disco Un soplo en el corazón de Family. De feito a música é un ámbito que nos interesa especialmente, aínda que na proxección procuremos fuxir do feito de engadir temas musicais. Blanca coñece moitos máis referentes de disciplinas fotográficas e eu do mundo cinematográfico, aínda así si que temos devoción polo traballo de artistas como Stan Brakhage ou Gustav Metzger, por citar dous que traballan a abstracción mediante o celuloide en movemento e estático.
Ton fotoquímico, ton emocional
B.V.: Que exista este documental subxectivo-artístico da miña práctica fotográfica axuda ao espectador a entender o proceso de toma fotográfica, entender o paseo como elemento esencial do fotógrafo así como algunhas das manipulacións existentes. Aspectos que poden custar interpretar cunha soa imaxe.
A.A.: O ton principal é a contención. Quizais un dos exemplos máis claros para explicar isto sexa o feito de decantarse polo silencio e o feito de evitar usar sons elocuentes que impoñan certos modos de entender o despregamento de imaxes. Os sons que se escoitan na sesión (exceptuando unha colaxe sonora máis ben ambiental e atmosférica que se engade a unhas das películas) resultan ser a ampliación acústica dos propios aparellos activados e os seus intervalos silenciosos. Ese ton emocional xa o asume cada espectador á súa maneira, en función da percepción das imaxes e a cadencia temporal da proxección.
O futuro da noite
B.V.: A idea é seguir paseando, atopando distintas formalidades e estruturas que se poidan aplicar tanto ao medio cinematográfico como fotográfico.
A.A: É un work in progress que varía en función das circunstancias xeográficas e temporais nas que se presenta. No fondo La noche inventada é un pretexto para unirmos forzas e seguirmos facendo o que nos gusta que é explorar outros modos de entender a produción de imaxes e sons a través de soportes analóxicos. É un modo de continuarmos buscando relacións posibles entre a fotografía e o cinema, incorporando as diapositivas, o cinema sen cámara e outras técnicas susceptibles de transgrediren os códigos da imaxe fotoquímica.