Cécile Fontaine
Filmografía comentada
Películas de super 8 feitas en Boston entre 1982 e 1986
Montaxe tradicional
MOUVEMENT NUMÉRO 1 (danseurs et mariage) – MOUVEMENT NUMÉRO 2 (train et statue) – MOUVEMENT NUMÉRO 3 (TV crew et neige rouge)
As miñas primeiras películas considéroas pequenas probas, experimentos. Ao principio levaba todos os días a miña cámara no bolso, e así filmei numerosas bobinas de super 8 sen pensar demasiado, acumulando imaxes que máis tarde me servirían durante as miñas primeiras probas de montaxe. Nas miñas primeiras películas percíbese que nunca xamais deixei unha bobina intacta, e que as mesmas son o resultado dunha montaxe bastante exhaustiva de anacos extraídos de bobinas diferentes, as mesmas fontes poden ser utilizadas en varias películas (como é o caso en Mouvement 1, 2 e 3).
Montaxe non tradicional; transferencia e colaxe de emulsión (1984-86)
CHURCH – ARBRE DIAGONAL
Un día, vin en El hombre de la cámara de Vertov a unha muller cortando película cunhas grandes tesoiras. Isto foi máis ou menos o que me deu a idea de usalas para cortar a película doutra forma distinta a como o fai a empalmadora, que corta pola liña do fotograma. Cortei entón en diagonal, e ao mesmo tempo, dúas películas de árbores que filmara, e logo reconstruín a tira de película substituíndo as imaxes situadas á dereita do corte diagonal da primeira película polas da segunda e viceversa. Por tanto, un non está obrigado a pasar pola empalmadora -pois a empalmadora é un límite. É o mesmo que a cámara co seu obxectivo; sen obxectivo, pódese facer outra cousa.
A COLOR SOUND PICTURE – A COLOR MOVIE
Película que combina segmentos rexistrados mecanicamente pola cámara e segmentos producidos manualmente con instrumentos alleos aos dominios cinemáticos e tomados doutras artes plásticas (gravado, pintura, colaxe). A película componse dunha longa secuencia de autorretrato sobreexposta tomada a través dun cristal reflector e deformante, e entrecortada por varias seccións independentes que son como esbozos. O experimento ten como obxectivo expoñer as características físicas e cinematográficas do filme, independentemente das convencións do medio, a través da incisión, o racho, a queimadura, a perforación, a colaxe, a pintura e o gravado. Estes procedementos, descubertos por accidente e repetidos voluntariamente durante a manipulación e a montaxe da película, xogan coa gran flexibilidade da empalmadora de cinta adhesiva non precortada, que permite reconstruír a película devolvéndoa ao seu estado orixinal tras separala en dúas lonxitudinalmente, ou de superpoñer anacos de película, ou de pegar elementos externos (como plásticos de cores) para crear efectos particulares.
L’ATELIER DE PEINTURE
Película enteiramente decolorada con lixivia e logo manipulada engadindo sobre a nova superficie anacos de plástico coloreados (vermellos e azuis), anacos de emulsión despegados da superficie doutra película; xustapoñendo outros elementos fílmicos (diapositivas de 35mm) recortadas en formato super 8, ou segmentos de películas subexpostas e raiadas para desvelar así as capas de cor que compoñen a película. Todas estas técnicas teñen como obxectivo recrear a paleta de cores e texturas da pintura usando soamente os elementos físicos da película.
LA CHAMBRE VERTE
Película enteiramente decolorada con lixivia e logo manipulada engadindo partes de palabras, imaxes impresas e anacos de imaxes de películas despegadas da súa tira de plástico. O xogo de movementos verticais (producidos pola decoloración) e horizontais (creados na rodaxe) acelera a cadencia da película e revela a continuidade física en lugar de ofrecernos a ilusión dun movemento normal por medio da rodaxe a unha cadencia de 18 fotogramas por segundo (polo movemento vertical); o movemento horizontal contrarresta esta direccionalidade de abaixo a arriba.
A decoloración non uniforme da película ektachrome revela parcialmente a súa composición química (a primeira baixo a súa forma pura, amarela, a segunda baixo a súa forma composta, verde, debido á mestura do azul e o amarelo; a terceira capa, de cor maxenta, desaparece ao entrar en contacto coa lixivia). A ausencia de historia e a ausencia de son responden á miña concepción persoal da película como obxecto transparente que filtra a luz do proxector creando motivos e cores para seren vistos como obxectos plásticos en movemento, sen ningunha referencia precisa ao mundo real, senón á realidade física da propia película.
Montaxe por transferencia
SANS TITRE, MAI 1988 (1988)
Esta película está constituída por películas domésticas filmadas polo meu pai nos anos sesenta, exceptuando a comuñón e o colapso do edificio. Estas imaxes borráronse de forma irregular usando lixivia, e logo incrustáronse pegando fragmentos de emulsión despegados de secuencias diferentes, desembocando así na montaxe final nunha marcha lenta (ás veces literalmente representada), e nunha transformación cara á destrución e a morte. Pasamos así dunha natureza virxe a unha natureza saqueada polo home. O mesmo pasa cos seres humanos: dos comulgantes aos vellos veteranos de guerra, do nacemento á aniquilación. Un espectáculo para figurantes pasivos.
HISTOIRES PARALLÈLES (1990) – JAPON SERIES (1991) – SUNDAY (1993) – LA PÊCHE MIRACULEUSE (1995) – SAFARI LAND (1996) – LION LIGHT (1996) – SILVER RUSH (1998)
Esta película, como o resto da miña produción en 16mm, foi composta a partir de múltiples secuencias de películas atopadas ou regaladas por amigos ao corrente da miña forma de “construír” películas transformando radicalmente o seu aspecto (textura, cor, contido), química e manualmente. Imaxes de todo tipo de fontes (documentais, ficción, publicidade, noticias, películas familiares, películas amateur) son reelaboradas despegando ou borrando parcialmente a emulsión, que logo é desprazada e (ou) reconstruída usando cinta adhesiva, sen recorrer á optical printer. Silver Rush, seguindo ese proceso, é unha verdadeira estampida de secuencias compostas de rushes de diversas fontes (ficción, documental, publicidade), representacións de cacerías de toda clase, nos decorados míticos do western americano.