Voices of Light – A Paixón de Xoana De Arco, inaugura o (S8) 9ª Mostra de Cinema Periférico
A novena edición de (S8) Mostra de Cinema Periférico inaugúrase cun cinema concerto, protagonizado por unha das obras máis emblemáticas, emocionantes e rotundas da historia do cine: A Paixón de Xoana de Arco, do danés Carl Theodor Dreyer, en conxunción coa brillante Voices of Light, partitura do prestixioso compositor estadounidense Richard Einhorn interpretada polo Coro e a Orquesta Gaos. O rostro da Xoana de Arco trémula, axuizada e condenada de Dreyer encherá a pantalla do Teatro Colón no seu máximo esplendor, nunha versión restaurada que recupera a montaxe orixinal de Dreyer estreada en 1928, coa sobrecolledora música (onde as voces son protagonistas) de Einhorn, na que se entretecen visións, fantasías e reflexións de diversas fontes, sobre todo de textos místicos medievais femininos que debuxan o clima espiritual no que Xoana de Arco foi concibida.
A PELÍCULA
O rostro da Xoana de Arco trémula, axuizada e condenada (a única aparición no cinema da actriz Renée María Falconetti) de A paixón de Xoana de Arco é quizais unha das imaxes máis magnéticas e icónicas da historia do cinema. No ano 1928, Dreyer estreou unha obra depurada e rotunda, cuxa refinada linguaxe visual sitúaa na modernidade máis absoluta. Composta a base de primeiros planos e detalles, encadres insólitos, decorados case esquemáticos e unha claridade meridiana (a fotografía estivo a cargo de Rudolph Matei), a película confía no poder da montaxe e do xesto (sen maquillaxe, rompendo coa tendencia da época) para contar a historia da moza católica francesa que no século XV foi acusada de herexía, axuizada e executada. Dreyer baseouse nas transcricións do xuízo na súa película, que tamén conta coa interpretación de Antonin Artaud no papel do Deán de Ruán, un dos inquisidores da santa. Considerada hoxe unha obra mestra do cinema, foi tamén a primeira grande obra do danés Carl Theodor Dreyer, á que seguirían outras como Vampyr, Ordet ou Gertrud, nas que o conflito entre a carne e o espírito tamén está presente.
A RESTAURACIÓN
A pesar da súa condición indiscutible de obra mestra do cinema, A paixón de Xoana de Arco foi mostrada nunha versión incompleta ata o ano 1981 por unha serie de rocambolescas vicisitudes. Tras a súa estrea en abril de 1928 en Copenhague, a estrea do filme atrasouse en Francia, onde o arcebispo de París esixiu numerosos cortes de censura. Pouco despois, o laboratorio onde estaba depositado o negativo orixinal da película ardeu, tras o cal Dreyer aproveitou os descartes da rodaxe para reconstruír plano a plano a montaxe orixinal. Este negativo tamén ardeu, desaparecendo a película ata 1951, cando esta segunda versión foi achada polo historiador Joseph- Marie Lo Duca. Lo Duca modificou a copia, engadindo subtítulos no canto de intertítulos, e substituíndo algúns destes por texto sobre vidreiras. Esta foi a versión máis difundida do filme (a que ve Anna Karina en Vivre sa vie). Non foi ata 1981, ao facer unha limpeza nun armario dunha institución mental en Dinamarca, cando apareceron unhas latas de película que resultaron ser a versión orixinal da montaxe de Dreyer estreada en abril de 1928. En 2015 Gaumont escaneó ese negativo, creando un DCP que facilitou a exhibición en condicións óptimas da película, ata entón raramente mostrada en todo o seu esplendor por conta das escasas copias de exhibición en 35mm existentes.
A MÚSICA
A diferenza de moitas películas da época, A paixón de Xoana de Arco non se estreou cunha partitura de música predefinida, carencia que numerosos músicos emendaron ao longo do tempo. A brillante Voices of Light, do prestixioso compositor estadounidense Richard Einhorn, é a elixida nesta ocasión: unha partitura para coro e orquestra na que se mesturan visións, fantasías e reflexións de diversas fontes, sobre todo de textos místicos medievais femininos que debuxan o clima espiritual no que Xoana de Arco foi concibida. Música impresionante e elegante, rica en texturas e matices melódicos e emocionais, que se dá a man en igualdade de condicións coa obra de Dreyer. Nesta ocasión a partitura de Einhorn será interpretada polo Coro e Orquestra Gaos, proxecto cuxo nome homenaxea ao compositor coruñés emigrado a Arxentina Andrés Gaos, formación que desde 2009 acolle ao novo talento musical galego.
Gala de Inauguración
(S8) IX Mostra de Cinema Periférico
VOICES OF LIGHT / A PAIXÓN DE XOANA DE ARCO
Opera/Oratorio
Música: Richard Einhorn
Filme: Carl Theodor Dreyer (1928)
Versión Restaurada
Interpretación:
Orquesta e Coro Gaos
Director Fernando Briones
Datas: 25 de maio 2018. 20:30h
Teatro Colón. A Coruña
Venda de entradas
A través do Servizo de Venda de Entradas por internet de Ataquilla.com as 24 horas do día,no teléfono 902 504 500 de 8 a 22 horas de luns a sábado, ata 24 horas antes de cada espectáculo.
Ademais, as entradas poderanse adquirir en venda anticipada nas seguintes taquillas:
Sede Afundación de A Coruña, ubicada en Cantón Grande 8 de luns a sábados (festivos incluídos) de 9.00 a 21.00 h
Sede Afundación Santiago de Compostela, ubicada en Rúa do Vilar 19
Sede Afundación Vigo, ubicada en Policarpo Sanz 26
Sala de Exposicións Sede Afundación de Ourense, ubicada en Playa Mayor 4
E na propia taquilla do Teatro Colón de luns a domingo (consultar horarios na súa web: http://www.teatrocolon.es/entradas).
Máis información: www.s8cinema.com