Sinais en curto. Galicia desdobrada
Galicia é unha, pero parecese desdobrarse en moitas por conta das múltiples voces e ámbitos que o seu panorama cinematográfico ofrece, un panorama do que damos conta a través do percorrido anual de Sinais en curto. Parecese que a curiosidade e a exploración guiasen os pasos do cinema galego, sendo ademais o formato curto un campo abonado para dar renda solta ás manifestacións que saen desa forma de pensar e facer. Desde a experiencia e o coñecemento ata a mocidade e o descubrimento, Sinais en curto funciona como variado catálogo de mostras da colleita recente.
Na selección deste ano viaxamos desde os experimentos formais con metraxe atopada, ata o retrato, a ficción alucinada, e os rexistros da realidade desde puntos de vista insólitos, cercanos ao surreal. Visións cunha clara vocación formal e unha visión artística intransferible, que falan con elocuencia destas forzas creativas en ebulición.
O cineasta, crítico e teórico Alberte Pagán entrega un estudo cinematográfico a partir de material en 35mm, nunha colaxe alegórica e frenética feita fotograma a fotograma. A mosca toma trailers de películas comerciais en 35mm nunha peza que incide, nas súas propias palabras na “imposibilidade de reconstrución despois da desintegración: nace un monstro híbrido”. Unha reflexión moi a ton coas preocupacións estruturais do resto da programación da Mostra.
As novísimas irmás de Ferrol Noa e Lara Castro con apenas 19 anos demostran un inusitado talento no campo da imaxe en movemento coa súa hipnótica e significativa Pezas imposibles. Dando un xiro desde a montaxe asociativa d’O ollo cobizoso, que vimos o ano pasado no festival, Pezas imposibles agárrase á forza dunha imaxe subacuática, confiando no movemento interno do plano xerado por unha coreografía alegórica na que expoñen de forma oblicua temas en constante mutación como a intimidade e a identidade.
Ángel Santos, autor da premiada longametraxe de ficción Las altas presiones, volve ao terreo da non ficción para entregar un retrato do pintor pontevedrés Manuel Moldes que reflexiona en 16mm sobre a intimidade do acto da creación e a súa contrapartida pública, a partir da exposición restrospectiva Manuel Moldes – Pontevedra Suite (1982-1987), comisariada por Ángel Cerviño e coordinada por Alberto González-Alegre para o Museo de Pontevedra. Unha mirada paciente ao interior e ao exterior. A soidade e o tempo elástico do traballo no estudio, e a saída á luz que constitúe unha exposición, terreo alleo que o pintor consegue facer seu da única forma posible: a través do acto de pintar.
Helena Girón e Samuel Delgado, voces emerxentes a nivel internacional do cinema experimental (que xa percorreron festivais como o de Nova York, Toronto ou Róterdan, entre moitos outros) estarán presentes coa súa última creación, Plus Ultra, na que Canarias se converte no escenario dunha fábula sobre o territorio. Filmada en 16mm e procesada artesanalmente, a película consegue (como outros potentes traballos do dúo) facer emerxer unha historia da escuridade do tempo e do celuloide, como desenterrada, nun camiño de dobre dirección de revelación e de preservación do misterio.
Pecha Fogos, que aúna arte e ciencia da man de Marcos Pérez, director técnico da Casa das Ciencias da Coruña, e de Martin Pawley, crítico, programador e produtor de cinema (Costa da Morte, 2013). Un rexistro duns fogos artificiais desde o punto de vista dos pirotécnicos que ofrece unha visión hipnótica e inusitada dun espectáculo visual que ten moito que ver coa propia historia do cinema experimental. En palabras dos seus directores, “unha película que nos propón o puro pracer de mirar e escoitar, a esencia mesma das artes e ciencias do cinema”.