Aberta a convocatoria de INPUT 2019
INPUT é un espazo de titorización de proxectos cinematográficos en desenvolvemento que xorde da colaboración entre a Fundación Luís Seoane e o (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, mediante o que 3 autoras terán acceso a 3 profesionais de prestixio internacional do ámbito do cinema e da arte, coas cales poderán discutir acerca dos seus proxectos, dende o estado de escritura e desenvolvemento até o de distribución.
A finalidade deste programa é apoiar proxectos cinematográficos de calidade, dando a oportunidade ás autoras de repensar o seu proceso creativo, mellorar a obra, localizar fontes de financiamento e lograr a distribución máis acaída das pezas.
Dende o 12 de abril até o 5 de maio estará aberto o prazo de envío de proxectos, que será totalmente gratuíto, para o que debes enviar un dossier dun máximo de 5 follas coa seguinte documentación (en castelán e inglés) ao correo electrónico [email protected]:
– Sinopse: máx. 1 páxina
– Teaser (se ten): máx. 3 minutos
– 2 fotogramas ou imaxes relacionadas co proxecto (se ten)
– Bio da solicitante con ligazón á súa web (se ten): máx. 1 páxina
– 1 fotografía da solicitante
– Email e teléfono de contacto
O 10 de maio notificarase ás persoas seleccionadas, que terán até o 12 de maio para confirmar a súa asistencia. En caso de non facelo, procederase a contactar coas suplentes. O día 14 de maio farase público os 3 proxectos seleccionados que participarán en INPUT 2019.
As titorías terán lugar na Sala de Prensa de Afundación o día 5 de xuño de 11:00 a 12:00 e na Fundación Luís Seoane os días 6 e 7 de xuño en horario de 10:30 a 12:30. As participantes terán garantida a asistencia ás masterclasses que haberá no CGAI os días 6 e 7 de 13:00 a 14:00. INPUT 2019 terá lugar no contexto do (S8) Xª Mostra Internacional de Cinema Periférico.
Para máis información, podes descargar as bases na seguinte ligazón: BASES INPUT 2019_GAL
Calquera dúbida será atendida en [email protected].