Finalistas INPUT 2019


Alégranos facer públicos os tres proxectos seleccionados para participar en INPUT 2019. Esta selección realizouse entre 27 proxectos, moitos deles de grande interese e calidade, o que fixo moi difícil o proceso de selección. As directoras dos proxectos escollidos disporán de dúas xornadas durante as que poderán contar co asesoramento de profesionais de prestixo internacional para facer medrar os seus filmes.

MARIA ISABEL ACOSTA ALFARO – BOMBARDEAR LAS NUBES

Licenciada en Comunicación Social, María Isabel Acosta obtivo a mención en Artes Audiovisuales en Caracas, Venezuela. Dende o 2017 reside en España, onde ten profundizado nos seus estudos dentro do campo do cinema documental e de vangarda.

Bombardear nubes supón nun principio o acto de desnaturalizar un elemento. Partindo desta premisa, o proxecto aborda dous conceptos de desnaturalización para crear entre eles unha analoxía poética na cal o proceso de bombardear nubes encontra a súa relación coa migración forzada que atravesa actualmente Venezuela.

MAIDER FERNÁNDEZ IRIARTE – EL MÉDICO CURA

Maider Fernández Iriarte (Donostia, 1988) é artista e cineasta. Os seus traballos teñen sido recoñecidos e exhibidos en numerosos festivais e centros de arte, como o Festival de San Sebastián, Festival Europeo de Sevilla, FICXixón, Festival de Málaga, Zinebi, DA2, IVAM ou L’Alternativa, varios deles como parte do colectivo Las chicas de Pasaik. Actualmente está finalizando a súa primeira longametraxe, Las letras de Jordi, gañadora do premio Ikusmira Berriak 2017 do Festival de San Sebastián.

El médico cura é un díptico audiovisual que explora a relación que se dá entre o relixioso e o científico, entre o físico e o sagrado no Santuario de Lourdes. Como pode reforzar a ciencia a crenza nos milagres?

XIANA DO TEIXEIRO – CRÍAS

Xiana do Teixeiro (de Walkie Talkie Films) é cineasta e investigadora galega. Traballa dende o ecofeminismo en proxectos sobre a construción e o significado social do xénero e a narrativa especista do antropoceno. É a autora de Tódalas mulleres que coñezo (2018), Somos Plaga (2017) e Carretera de una sola dirección (2016), entre outros proxectos.

Crías, película-revelación, saca á luz o obxecto oculto do diario secreto de adolescencia feminina. No filme desplégase un autorrelato fragmentado que cuestiona todas as outras narracións sobre a experiencia xuvenil feminina. A vida das mulleres debúxase como un proceso de discontinuidades, algo que, para avanzar, ha de negarse.

CRÍAS é un libro filmado, un arquivo, un manifesto e un segredo.

INPUT é un espazo de titorización de proxectos cinematográficos en desenvolvemento que xorde da colaboración entre a Fundación Luís Seoane e o (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, mediante o que 3 autoras terán acceso a 3 profesionais de prestixio internacional do ámbito do cine e a arte, con quen poderán discutir arredor dos seus proxectos, desde o estado de escritura e desenvolvemento ata o de distribución.

As titorías terán lugar na Fundación Luís Seoane de A Coruña o 31 de maio e o 1 de xuño no contexto do (S8) 9ª Mostra Internacional de Cinema Periférico.