Phil Hoffman. Vivir/filmar

Imaxe: Phil Hoffman. Intro

Vendo o cine de Phil Hoffman, parecera que vivir e filmar son a mesma cousa. Hoffman conseguiu dende o principio da súa carreira (que comeza nos setenta) dominar a arte do diario filmado, facendo que a sinceridade e a emoción se conxuguen á perfección coa forma. Nacido en 1955 en Kitchener, Ontario, Hoffman ocupa un lugar preeminente na rica escena do cinema experimental canadense, non só como cineasta senón tamén como impulsor dun proxecto educativo que ten marcado a vida e as formas de facer de moitos outros cineastas desde que comezara en 1994: a Film Farm. Unha sorte de “retiro espiritual” colectivo ou “campamento de verán” para cineastas no que se levan a cabo proxectos persoais e experimentais en formato fílmico e con técnicas de revelado artesanais e ecolóxicas.

 

No programa que se lle adicará no (S8), recorreremos distintos aspectos da súa traxectoria. Abrimos cunha sesión adicada aos seus traballos recentes, reflexións en torno ao colonialismo, o ecoloxismo e as formas de facer cine. Nesta sesión poderanse ver traballos como Slaughterhouse, concibida tamén como instalación, e o work in progress da súa última película, Vultures, paciente observación do mundo rural.

 

A segunda sesión centrarase en traballos que falan da estreita relación do cine de Hoffman coa súa propia biografía. Desde obras que abordan os recordos da infancia como On the Pond, ata unha lacerante reflexión arredor dos ciclos da vida e da morte, como passing through, torn formations. A terceira e última sesión xira arredor dos seus traballos máis formais, ligados á súa maneira de facer cine en 16mm, na que ética e estética van da man. Dende a súa famosa Kokoro is for Heart ao tour de force formal e afectivo de Kitchener/Ontario, ata unha das súas chamadas Opening Series, películas que Hoffman remonta durante a mesma proxección dacordo coas decisións do público presente.

 

Por último, do 5 ao 8 de xuño celebrarase en La Nautilus de A Coruña un obradoiro de prazas limitadas impartido por Hoffman baixo o título “Film Farm on the Road”, no que compartirá cos participantes os seus métodos de traballo en 16mm (que comprenden técnicas de manipulación e revelado de película ecolóxicas, empregando materiais como flores e auga de mar) en intensas xornadas de práctica e reflexión.