Empeza a gran carreira
Con cinco edicións xa, (S8) Mostra de Cinema Periférico pode comezar a pensarse como unha carreira de fondo. Empezando en 2010 coa enerxía imparábel dun sprint que, aínda que con firmes ideas e determinacións, non sabía os camiños que percorrería, o (S8) converteuse en 2014, a forza de adestramento rigoroso, en corredor de fondo en plena carreira. Cun bo treito ás súas costas, e outro aínda máis longo que emprender.
Con grandes zancadas chegou a Mostra, así, ata Xapón, despois de partir o ano pasado de latitudes austrais. Moitas sorpresas agardan pola proverbial terra do sol nacente, dende as que miramos o acontecido o ano pasado coa alegría de que fose posíbel. Pois aquí estivo Claudio Caldini: unha figura vital da vangarda arxentina, materializadora, dende o rigor, do inefábel por medio do cine. O paso de Caldini pola Coruña, mostrando dende a súa práctica máis íntima as súas incursións no cine expandido, deixou unha fonda pegada en todo aquel que o puido ver.
Vimos así que a vangarda arxentina creceu, por máis dunha razón, á calor dos formatos domésticos. Disto deu conta o programa Antoloxía Fantasma: ademais de Caldini, tamén Hirsch, Vallerreggio, Honik ou Coppola, entre outros, pasaron polas nosas pantallas. Pablo Marín, curador desa antoloxía tan precaria como fascinante, foi o enlace entre a xeración pasada e a presente: no programa Territorios Afíns púidose ver o seu traballo, xunto co de Pablo Mazzolo e Sergio Subero. Tres territorios afíns, se ben dispares, cuxo mapa (de paso estreito) trazou para o (S8) Magdalena Arau. Arau, pola súa banda, tamén trouxo (literalmente) baixo o brazo, unha asombrosa mostra de cine afeccionado recompilada polo ARCA, Archivo de Cine Regional: dende viaxes espaciais a contos clásicos, pasando pola cotianidade en celuloide duns tempos que xa foron. E para pechar o Especial Arxentina, dende ultramar chegounos tamén a escolma de Espacio Filmoteca. Fernando Martín Peña e Fabio Manes condutores do programa Filmoteca, Temas de Cine, que se emite na canle 7 da televisión pública arxentina, trazaron un exquisito percorrido dende o cine mudo do país, pasando polo “western da pampa” de Lucas Demare, para chegaren á modernidade hipnótica do cine de Leonardo Favio. Un recordo especial para Fabio Manes, que faleceu hai pouco, imponse neste espazo. Pois Manes morreu estreitamente ligado á súa paixón, o cine.
Sinais de novo foi o viraventos que apuntou na dirección na que sopra o vento dos novos creadores galegos. Lois Patiño (que este ano obtivo tantos premios que resulta imposíbel levar a conta) foi o protagonista da sección, que deu cabida ao seu potente traballo coa paisaxe, á súa obra expositiva e a unha sesión coas súas influencias e métodos de traballo. A performance de Miguel Mariño completou eses Sinais, na envolvente experiencia marítima Fomos ficando sos. Apenas un fito na travesía que Mariño segue a sucar imparábel hoxe en día.
Mariño uniu Sinais con Desbordamentos, que tamén deu cabida a Ben Russell e Ben Rivers, cuxa presenza foi posíbel grazas a un programa, O descoñecido, que puxo en relación o seu traballo co doutros exploradores de novos estados da percepción.
A Ópera prima da cuarta edición veu esta vez da man de Jaime Chávarri e as súas dúas primeiras longametraxes, filmadas en Súper 8 e 8 mm. A frescura do traballo, libre e desenfadado, de Chávarri, púidose ver recuperada tras longos anos sen ver a luz, da man da xovial e intelixente presenza do director.
Así como por ensalmo completouse a programación da edición de 2013 que se abriu tamén, como por encantamento, coa obra de Méliès, sonorizada en directo polos seus descendentes. Gala que foi a inauguración perfecta para os días que virían, cuxa recapitulación dános forza para seguirmos correndo cara a adiante, firmes e seguros, en espera das paisaxes descoñecidas, cheas de marabillas ao axexo aínda por descubrirmos. Corredores de fondo dunha carreira que non se corre en soidade, senón en compañía de todos aqueles que a fan posíbel. Organización, cineastas e todos os amantes do celuloide que ocupan as salas en cada edición. Cada ano somos máis. E resoamos máis por todo o mundo.