Brasilidade não é saudade: especial Brasil no (S8)
Primeiro nos deixamos tomar por Arxentina, e logo por Xapón. Pero este ano, querendo regresar a latitudes máis cálidas, o (S8) intérnase na selva tupida que é o cine experimental brasileiro, traendo unha selección que percorre, dende os anos 20 ata hoxe, algunhas das manifestacións máis estimulantes do cine feito nese país.
Comezando polo principio, o foco especial en Brasil arranca cun programa elaborado pola investigadora e historiadora de cine Lila Foster, que traballou na Cinemateca Brasileira, quen entrega unha lectura da historia do cine brasileiro dende o punto de vista da vangarda. Maluco é Mágico (1927, William Shocair), é unha sorprendente película futurista e subversiva sobre unha illa poboada pola xente máis rara do mundo. Limite (1931) é a única película do escritor Mario Peixoto, filme de culto de moita beleza e poética concepción cinematográfica adiantada ao seu tempo, favorita de personalidades como Eisenstein e Welles. Da serie de cinegrafías etnográficas Veja o Brasil, de Alceu Maynard, poderase ver Macumba (1959), que retrata a mestura de cristianismo e prácticas relixiosas africanas que hai en Brasil. O seguinte filme é o de Humberto Mauro, un dos máis relevantes cineastas brasileiros da primeira metade do século XX, que fai a partir dunha canción popular, “A Velha a Fiar” unha peza que vai dende o costumbrismo a un rítmico montaxe de imaxes que xogan coa composición, o stop motion, o collage e o humor. O programa tamén representa dous importantes movementos do cine brasileiro: por un lado, o Cinema Novo, con Patio (1959), primero filme do mítico Glauber Rocha, e Fala, Brasilia (1966), de Nelson Pereira dos Santos, e por outro lado, do chamado Cinema da Boca do Lixo, con un filme de quen sería unha das súas figuras fundamentais, Rogério Sganzerla: Documentario, fotografado por Andrea Tonacci, curtametraxe que toma o pulso da situación política do país na data coa liberdade narrativa e o aire documental dos novos cines dos sesenta.
A presenza de Marcos Bertoni é sen dúbida unha das sorpresas do programa dedicado a Brasil. Bertoni, heroe do super 8 brasileiro, outsider inclasificable do cine coñecido polo público internacional en parte grazas a súa aparición na galardoada Avanti Popolo, de Michael Wahrmann, na que interpreta un crucial papel. Dende os seus primeiros traballos en super 8 dos anos setenta- entre os que se poden encontrar obras como un desprexulgado remake da superproducción Cleopatra e curtametraxes nos que a crítica política mestúrase co humor-, ata a súa radical parodia do Dogma danés, o Dogma 2002, cuxa máxima é: “Prohíbese filmar. Permítese reciclar, montar, dobrar. Sempre en Super 8”. Un universo no que caben dende afiadas visións da ditadura, ata irónicas miradas a invasión de novas igrexas en Brasil e a enigmática invasión no fotograma dun ser de outro mundo.
Tamén estará presente na Coruña Paula Gaitán, destacada cineasta cuxo traballo púidose ver na Viennale, o IndieLisboa, o Bafici, Tribeca e o Museo Reina Sofía, entre outros. Gaitán, quen fora parella de Glauber Rocha, propón unha interesante mirada sobre o arquivo doméstico e o diario filmado. O propio Rocha, presenza que gravita no seu cine, é unha figura fundamental nunha das súas pezas máis famosos e premiadas, Diario de Sintra. Aquí teremos a oportunidade de ver un dos seus filmes máis recentes, Memória da Memória, película-ensaio construída coas súas propias imaxes en super 8 cuxo título fala dun dos fascinastes camiños que percorre: o rexistro da reacción á memoria filmada dos seus protagonistas e o seu significado co paso do tempo. Gaitán ofrecerá, ademais, trala película, unha proxección especial dunha selección de traballos en super 8.
O panorama actual do cine experimental brasileiro pechará o percorrido por esta cinematografía florecente e en marcha. A sección S8 Contemporáneo traerá a Coruña o dúo artístico brasileiro residente en Berlín Distruktur, cuxo traballo púidose ver en festivales como o de Berlín, Torino, Moscú e Curta Cinema en Río de Janeiro, así como en institucións como o New Museum de Nueva York, el Paço das Artes de São Paulo, e o Centro de Arte Contemporáneo de Vilnius. Os filmes e performances de Melissa Dullius e Gustavo Jahn, integrantes do dúo Distruktur, rozan os camiños posibles da ficción, suxerindo a través do seu potente imaxinario narracións elusivas a construir polo propio espectador. Ademais dunha sesión dedicada as súas películas, unha das noites de Desbordamentos del (S8) na Fundación Luis Seoane dedicarase a unha das súas performances, con proxeccións e música en directo interpretada polo propio dúo.
Finalmente, e para completar este repaso da actualidade, poderanse ver tamén pezas de algún dos máis destacados representantes da nova xeración de cineastas brasileiros, como é o caso, entre outros, de Ana Vaz (cuxa última peza acábase de estrear en Ann Arbor), do programador e cineasta Gustavo Beck, que tamén estará presente na Coruña, ao igual que o dúo Strangloscope, composto por Claudia Cárdenas e Rafael Schlichting, que traerá a súa refrescante proposta a nosa cidade.