Gala inauguración: Cine concerto Acorazado Potemkin sonorizada por Chris Jarrett

eisenstein

Xa están dispoñibles as entradas para a nosa gala de inauguración o 30 de maio no Teatro Rosalía de Castro: nada menos que o clásico restaurado de Sergei Eisenstein, Acorazado Potemkin, sonorizado en directo polo pianista e compositor Chris Jarrett.
Como cada ano, o (S8) ábrese mirando cara atrás: é dicir, apuntando a aqueles pioneiros do cinema, anteriores ao sonoro, cuxa obra axudou a construír a linguaxe e a historia do cinema. Este ano foi a quenda de Eisenstein quen, ademais de ser un dos máis brillantes directores soviéticos, foi un dos primeiros en reflexionar e teorizar sobre o cinema. É famosa a súa teoría da montaxe, unha das pedras de toque na construción dunha linguaxe e unha identidade propia para a recentemente estreada arte, que explota todo o poder do que é capaz a máquina. El acorazado Potemkin é a súa obra máis famosa, película que contén unha das máis soadas e poderosas secuencias da historia do cinema: a impactante secuencia da escaleira de Odessa. A película naceu como un encargo para conmemorar os vinte anos da revolución rusa, narrando unha das xestas que conduciron cara á rebelión bolxevique. Trátase do levantamento, no ano 1905, cando a tripulación do acoirazado Potemkin se alzou contra a armada zarista. Un filme propagandístico que Eisenstein converteu en obra mestra do cinema, aplicando en laborioso proceso as súas innovadoras ideas.

É ademais un acontecemento poder ver na Coruña, proxectada en 35mm, a versión restaurada da película que restitúe o que fora a visión orixinal de Eisenstein.

A restauración
Acorazado Potemkin de cando en cando foi vista tal e como se viu na súa estrea en Moscova en 1925. En Alemaña o goberno de Weimar, preocupado polo incipiente bolchevismo, recortou o filme e esta versión mutilada foi a que se distribuíu nos Estados Unidos e Inglaterra, onde tamén foi censurada. Tras a II Guerra Mundial, un negativo alemán drasticamente recortado converteuse na base mesmo das versións soviéticas. En España a película puido verse durante a II República e a Guerra Civil, aínda que logo foi sometida a longos anos de prohibición ata a súa reestrea en 1977. Esta nova restauración ­que veremos proxectada en 35mm­ acometida polos historiadores decinema alemáns Enno Patalas e Anna Bohn co apoio dos museos do cinema de Berlín, Londres e  Moscova, recupera as tomas perdidas, os 146 intertítulos orixinais e algúns planos coloreados para nos achegar o máis fielmente posible á revolucionaria visión de Eisenstein.

A música: Chris Jarrett
Chris Jarrett é o autor da música, que interpretará ao piano nesta proxección d’ Acorazado Potemkin. A súa banda sonora, en parte improvisada e en parte escrita, subliña a mensaxe antimilitar de Eisenstein. Máis que un acompañamento, é un comentario persoal que se sitúa ao lado dos oprimidos, nunha declaración de intencións do músico. Jarrett, criado nos Apalaches, vive e traballa en Alemaña. Desde os anos 80 vén cimentando unha sólida carreira como concertista, compositor e docente. O seu traballo mestura as estruturas da música clásica coa liberdade e a improvisación do jazz. Jarrett, que actuou por todo o mundo, ben coas súas bandas sonoras, composicións para ballet, ou colaboracións con outros músicos e artistas, liderou as formacións Chris Jarrett Trio e Four Free.

Luns 30 de maio, 20.30h. Teatro Rosalía de Castro
Venda Anticipada de entradas Teatro Rosalía de Castro: 902 044 226
Horario de taquilla: Luns a domingo de 12:00 h. a 14:00 h. e de 18:00 h. a 20:00 h. (Só se hai función). Pagamentos en efectivo.
Despacho central de entradas: Praza de Ourense. De luns a venres (agás festivos) de 9.30 h. a 13 h. e de 16.30 h. a 19.30 h. Pagamentos en efectivo.
Compra por Internet TICKETEA.