Sinais en curto. Panorámica sobre a curta galega hoxe
Máis dunha decena de realizadores reuniranse a principios de xuño na Coruña para mostrar outras tantas curtametraxes producidas, na súa maioría, durante o último ano. SINAIS en curto convértese así nunha xanela ao novo cinema feito en Galicia e nun escaparate para que os realizadores presenten a súa obra tanto ao público como aos profesionais da industria que se dan cita no (S8). A selección inclúe pezas producidas dentro da segunda edición do Chanfaina’Lab, celebrada entre o 4 e 6 de setembro de 2015 en San Sadurniño. Unha novidosa experiencia de creación audiovisual colectiva na que os participantes deben gravar/filmar ao longo dun fin de semana unha película de curta duración, con absoluta liberdade sobre o tema e o tratamento audiovisual. Neste sentido, o (S8) recupera os traballos de Lucía Vilela (Toxos e flores), Mar García (Beleza do verán), Natalia Porca (Materia Prima), Diana Toucedo (Homes), Alberte Branco (Trazos) e Miguel Mariño (O tempo da mazá). Ademais, a Mostra presentará xunto a estas, as curtas doutros tres realizadores: Gonzalo E. Veloso (Subida ao cerro), Xurxo Chirro (Jeannette) –gañadora do premio á mellor curtametraxe do Ficic 2016 en Arxentina– e Borja Santomé Rodríguez (Historia cerebro).