Sinais en curto. Terra fértil

toxos-e-flores

Cada ano o (S8) proponse non pasar por alto as “sinais” do cinema galego, reunindo e programando nesta selección de Sinais en curto as películas máis afíns ao espírito do festival, cuxa diversidade fala das moitas formas que pode adoptar o talento creativo. A unión e a falta de restricións sen dúbida fomentan que estes talentos florezan, e é por iso que unha iniciativa recente, o Chanfaina Lab de Manolo González, converteuse en auténtico sementeiro dalgunhas das propostas máis interesantes que aquí se recollen. Un proxecto que congrega un grupo de cineastas para realizar unha película nunha contorna –San Sadurniño–, auténtico convite ao xogo que activa solucións e estratexias que dan de si pezas diversas. Bebendo da forza ancestral do rural, e conectando con ela a través das calidades da película fotoquímica, encontramos Toxos e flores, de Lucía Vilela, e O tempo da mazá, de Miguel Mariño. A primeira, descompoñendo e recompoñendo os elementos primarios da paisaxe nas súas cores, luces, sobras e formas –eses troncos e flores aos que alude o título– a través do uso da filmación fotograma a fotograma en super 8 ou dos planos pausados. Mariño, pola súa banda, reflexiona sobre os ciclos da vida equiparándoos aos da natureza e as estacións, filmando a tres xeracións de mulleres na tempada da mazá, para logo manipular a película de 16mm a través do revelado artesanal, a copia por contacto e as solarizacións, procesos orgánicos coma o que a película retrata.

Trazos3

Tamén utiliza o 16mm Alberte Branco, “Bertitxi”, ben coñecido como director de fotografía, só que a súa incursión mergúllase nas augas dunha etnografía experimental que propón trazar un mapa de San Sadurniño a través dos lugares sentimentalmente significativos para os seus veciños. Trazos é así un mapa físico e emocional composto a través dos rostros, as voces e as paisaxes da xente. Sentimental é tamén o percorrido que fai Natalia Porca, novo valor que despunta, e que percorre con sinceridade nostálxica tres casas do concello ligadas á súa historia persoal, utilizando como fío condutor unha narración en primeira persoa, puntuada por un feixe de fotos. A memoria e as súas pantasmas son o fío de Homes, de Diana Toucedo, pero virando da nostalxia a un interesante –conceptual e formalmente– estudo de xénero, no que as vidas non de todo vividas, non inscritas na historia, das mulleres que quedan na casa son as protagonistas, pantasmas que habitan o filme. Demarcando xa o límite de San Sadurniño nesta selección, está a misteriosa e evocadora peza de Mar García, Beleza do Verán, marcada por un fascinante uso das sombras. Unha alegoría de momentos e sensacións inaprensibles, do que xa se foi pero segue vivo, que utiliza como ruptura e catalizador un breve plano case valdelomariano.

JEANETTE_foto (22)

Esta última peza suxire unha historia que conecta, na súa ligazón narrativa, con outros dos relatos experimentais dentro da sesión. Por unha banda, o de Jeanette, do recoñecido director de Vikingland, Xurxo Chirro, que a través dunha serie de primeiros planos dunha adolescente –fermosa e coidadosamente construídos– relata as tribulacións propias da idade, e traza sutilmente unha historia iniciática virando o foco do evidente para volvelo ao interior da súa protagonista. Un rostro ensimesmado, insondable e que, con todo, di máis do que cala. Outro relato apenas suxerido é o que consegue Borja Santomé en Historia Cerebro. Unha animación en mutación constante –con reminiscencias á de William Kentridge–, tinta sobre acetato cuxas calidades Santomé utiliza con imaxinación e habilidade, explotando as propias calidades acuosas do material nun filme bañado pola choiva e o mar. Un crispado e afiado relato policial en branco e negro de plasticidade abafante, que pecha, ademais, esta selección.

Subida ao cerro @00.09.130

Finalmente, e nunha vertente de clara vocación formal, Gonzalo E. Veloso explora os enganosos camiños da memoria e a súas fabulacións en Subida ao cerro, utilizando como estratexia a sobreimpresión múltiple do vídeo. Unha imaxe que pertence á propia historia emocional do autor que se desdobra en múltiples imaxes, nun retrato da inaprensibilidade do que se revive a través do recordo.