Entrevista a Jacques Perconte. Azar e control

Jacques Perconte

Jacques Perconte

Net Art

Empecei con isto a mediados dos 90. Estaba a estudar pintura, e decidín explorar algo máis, por iso me puxen a estudar vídeo e infografía. Tras uns meses, un dos profesores deume a chave dun sitio onde había un computador que ninguén usaba porque era moi complicado, era un Sylicon Graphics. O manual tiña miles de páxinas. Fun ver se podía sacar algo en claro de como usalo, e acabei deixando o manual a un lado e púxenme a probar cousas, e a tentar entender como funcionaba. Atopei dúas cousas interesantes. A primeira, un conector amarelo na parte de atrás, que me fixo pensar que era posible meter ou sacar cousas do computador. De aí vén o meu traballo de vídeo. A segunda é que descubrín internet. Era 1994, nese momento non sabía que era iso. Daquela estes eran sistemas moi orientados a internet, e podías aloxar webs no teu computador moi facilmente. Así empecei a crear páxinas e a coñecer xente online. Tentei entón ver que pasaba cos profesores. Deille ao meu profesor de debuxo técnico un disquete con páxinas web, e aceptouno como traballo (todo o mundo levaba traballos escritos en papel). Iso animoume a seguir buscando algo en termos artísticos aí, así que seguín experimentando, e fundei con outra xente un colectivo en 1998, aínda que era demasiado conceptual para min, estaban demasiado bloqueados na cultura do que é internet, así que terminei deixándoo. O último traballo que fixen con internet é de 2004. Chámase I Love You.

 

Traballo con vídeo

Empecei en 2001. Fun dos primeiros en ter un cable dixital para televisión. Un día que movía mobles en casa rompín o cable, e cando o reconectei pegándoo con cinta funcionou pero con distorsións na imaxe. Descubrín algo que me marabillou. Fixen unha obra para un evento de danza contemporánea en París, duraba dúas horas corenta e cinco, e na súa transformación desde o principio ao fin atopei a base desta cuestión da compresión de vídeo. Os traballos que fixen despois foron VJ sets nos que empecei a explorar isto, as súas posibilidades como linguaxe para atopar o meu propio vocabulario, e atopar formas de traballar coa compresión de vídeo.

 

Control ou azar

Non podes controlalo todo, pero si chegar a dominalo. Sempre me resistín a traballar con informáticos que deseñen ferramentas moi precisas, códecs cos que poida dominar e controlar todo nas miñas imaxes. Prefiro entendelo pola miña conta, experimentando. Por iso cando fago unha obra fago moitas probas. Sei entón cara a onde pode ir, pero sempre hai sorpresas, e unha vez que as descubro, podo dominar e refinar como suceden. Traballo a partir de aí, e non ao revés tentando crear un efecto en concreto. Prefiro atopar esas sorpresas e seguilas.

 

O proceso

A parte máis importante do proceso é a filmación. Todo sae da forma en como filmo: a profundidade da cor, os movementos… as explosións da imaxe veñen de aí. Neste traballo (Luzarches, instalación que se pode ver na Sala de Exposicións PALEXCO), temos o movemento na imaxe. Se non o tivésemos sería completamente diferente. O movemento lateral crea esas liñas. Logo, con esas imaxes fago probas co meu computador, para construír un coñecemento de como estas imaxes poden evolucionar de diferentes maneiras. Despois dese momento póñome a traballar nos códecs de vídeo e na ruptura do arquivo de vídeo, a mesturar cousas, para construír un novo arquivo de vídeo, que é o traballo final. Un arquivo roto e completamente desestructurado. A maneira en que o reproduces cambia a forma en que se ve.

 

Pezas xenerativas

Ao ser arquivos de vídeo rotos, as pezas xenerativas non teñen unha estrutura concreta de vídeo, nin hai key frames. Por iso, cada vez que te moves dentro do arquivo, é coma se avanzase a súa deconstrucción. Podes experimentar isto mesmo con Quicktime ou VLC, non necesitas un software especial. Ao moverse a través do arquivo, algo ocorre e hai transmutacións. A partir de onde empezas, é de onde parten as transformacións de cor e de forma na imaxe. Cando fago traballos xenerativos, constrúo un software especial que reproduce o vídeo ao azar e fai loops. Hai momentos nos que hai secuencias longas, cando se reproduce normalmente a transformación da imaxe, pero ás veces fai loops de tamaños variables. Cando tes loops moi pequenos créanse unha especie de ecos na imaxe, e esta convértese en algo abstracto, pois contamina a imaxe progresivamente. Así son as pezas xenerativas, é de feito un superreproductor que xera o vídeo.

 

Paisaxe

Ao principio, empecei a traballar a paisaxe por motivos máis políticos, porque estaba cada vez máis en contra do perímetro cultural dos traballos dixitais, nos que sempre era complicado entender que estaba a pasar. Quería facer algo que fose potencialmente popular e accesible, e por iso decidín moverme cara á paisaxe. Outro motivo foi volver involucrar o meu traballo nun diálogo coa historia da arte. Co tempo volveuse un tema cada vez máis político, pola ausencia de paisaxe na arte contemporánea, e pola cuestión de ter un discurso subversivo que non fose literal. Uso unha tecnoloxía moi estándar para facer o que fago, e cuestiono o status da imaxe. O punto de vista político non é literal no tema do traballo, senón que o tema ábrese a cuestionar a relación que tes co mundo. Unha paisaxe non é natureza, é o teu punto de vista cultural da natureza. Ti constrúes a paisaxe, a paisaxe non existe. Cando filmas a natureza, tomas partes dela, e en certo xeito destrúela. Entón convértese en paisaxe. Traballo con iso, non coa consciencia de estar a mirar á natureza senón de estar a mirar unha imaxe.

 

Performance

Tecnicamente, é esencialmente o mesmo que as miñas películas, a mesma tecnoloxía e posibilidades coa imaxe, só que a uso en vivo, manipulando as imaxes en directo coma se fose un instrumento musical. Teño traballos performativos sempre co mesmo músico, coma se fósemos unha banda. Este traballo naceu fai tres anos dun proxecto con Jeff Mills. “Tocamos¨ xuntos moitas veces, ata que a nosa colaboración terminou. Como non quería perder a obra, abrina a outros músicos. Executeina desde entón con outros artistas, e agora vén aquí con Eddie Ladoire, amigo e vello colaborador.

 

Programa A internacional impresionista. Hoxe na Sala (S8) PALEXCO ás 16.30 h.

Extension Sauvage. Performance Jacques Perconte & Eddie Ladoire. Hoxe na Fundación Luís Seoane ás 22.45 h.

Instalación. Luzarches. Impressions of Estafe Compensation. Sala de Exposicións PALEXCO ata o 5 de xuño.