A internacional impresionista

La internacional impresionista

Un tema percorre este ano a programación do (S8). Baixo o nome “os novos impresionistas” quixemos englobar –sen afán algún de categorizar un movemento, escola ou tendencia: non somos preceptores nin académicos– diversos autores que nos interesan, películas que nos emocionan e nos extasían e que comparten entre si o protagonismo da luz, e unha certa evocación pictórica.

Unha intuición que empezou ao ver proxectadas pezas de dous autores que hoxe se atopan neste programa: os canadenses John Price e Alexandre Larose. Crentes como somos do celuloide, vimos nestas películas probas irrefutables da súa saúde. As Sea Series de Price retoman un motivo clásico pictórico, a paisaxe, en concreto as mariñas, superpoñéndolles un compoñente íntimo e diarístico (esas datas e coordenadas que cada unha llevan), en obras nas que o uso do granulado da película, a exposición e os procesos fotoquímicos dan de sí un resultado cuxo alcance só pode medirse nunha sala de cinema, co proxector pulverizando a súa luz sobre unha pantalla. BROUILLARD – passage # 14 de Larose é unha obra visualmente abafante, froito dun meticuloso proceso de sobreimpresión en 35mm, na que o director repite preto de 30 veces o mesmo camiño, entre os arbustos, ata un lago, impresionando en cada traxecto unha vez máis a película. O proceso é tan importante coma o resultado.

Vendo entón baixo a lupa do impresionismo, pódese trazar un fío cara a outras latitudes. Así chégase aSomething Between Us, dunha directora apreciada nesta casa, Jodie Mack, que cambia por un momento o seu traballo cadro a cadro por un estudo lumínico que integra os seus intereses coñecidos –de como os obxectos máis vulgares levan inscrita certa tradición e potencial artístico– con novos camiños por percorrer, sacando partido á difracción da luz e á súa descomposición en cores. Outro que regresa ao (S8) é Pablo Mazzolo, con Fish Point, un novo filme no que volve demostrar o seu especial dominio da cámara de 16mm como ferramenta creadora, no que el mesmo denomina unha “exploración cinética impresionista” dunha paisaxe (canadense, de novo unha chiscadela cara un país que tivemos moi presente nesta edición).

De Canadá veñen tamén os traballos de dous autores que capturan o cotián a través dunha mirada extremadamente sensible á luz e ás súas modulacións. Por unha banda, Eva Kolcze, que capta unha tarde ao final do verán en Facing the Waves, retratando a súa luz inconfundible e única. Por outra, Dan Browne, que condensa nas imaxes domésticas de Poetry toda unha gama de capas sensibles de luz.

Sirve tamén esta selección para trazar novas e desexadas afinidades, como a que se establece con Charlotte Pryce, unha das cineastas que máis delicada e misteriosamente trata a luz a día de hoxe. E esa afinidade sinálanos con Prima Materia, un camiño máis alá do evidente ao falar do impresionismo (que irremediablemente remite á paisaxe), que é o microscópico, o que só pode ser visto a través do cinematógrafo (en máis dun sentido), nunha derivación do cinema como alquimia inspirada no poema Sobre a naturaleza das cousas de Tito Lucrecio Caro, filósofo atomista romano.

A intervención da máquina é desde logo un elemento fundamental en todos estes filmes, e máis se cabe no estudo que fai Robert Todd en Short, película que parece balancearse nunha randeeira, entre as distintas maneiras en que o diafragma da cámara pode dar conta da realidade, alzada pola abstracción do plateado branco e negro.

A sesión remata, como é san, cunha ruptura. A todo este celuloide enfróntase a imaxe dixital de Jacques Perconte, na que quizáis nos pareza unha das formas máis honestas e fructíferas de usar este medio: evidenciando as súas calidades, e manexándoas para abrir novas portas expresivas. O impresionismo evócase en Save my Heart from the World nos cadros que “pinta” Perconte a golpe de glitch, que semella esnaquizar as mariñas de Price en sorprendente mosaico.

Unha internacional impresionista unida pola incansable búsqueda formal, unha mostra de traballadores da luz onde non están todos os que son pero si son todos os que están.

 

A internacional impresionista. Hoxe na Sala (S8) PALEXCO ás 16.30 h.