William Raban. Operando no tempo

William Raban

William Raban, como algúns dos artistas que máis contribuíron á innovación formal no cinema, comezou a súa andaina como pintor. A principios dos setenta, como estudante da Saint Martins, experimentaba con diversos procesos que logo inspirarían a súa práctica fílmica. Por exemplo, atar un lenzo ao redor dunha árbore, aplicando pigmentos naturais e deixando que, ao longo dos días, a natureza actuase sobre a tea. Esta exposición aos elementos, como máis tarde apuntaría Raban, garda unha analoxía coa exposición fotográfica da película, sendo o resultado unha expresión condensada da acción da luz e o tempo. De aí veu o seu interese por técnicas como o time-lapse, que ten as súas primeiras expresiós en View (1970), e en River Yar, instalación creada en conxunción con Chris Welsby filmada na isla de Wight, na que unha cámara filmou a razón dun fotograma por segundo en dous períodos separados de tres semanas seguindo os equinoccios de outono e primavera. Á esquerda proxéctase a parte do outono, e á dereita a da primavera. A estrutura da obra fundaméntase na rotación da terra no paso do verán ao inverno e viceversa. O centro da película coincide co equinoccio e é o punto no que día e noite teñen a mesma duración a esquerda e dereita. Por estes anos e con estas preocupacións fixo Raban Broadwalk (1972), filme que abre o programa dedicado á súa obra no (S8). Neste, a cámara situaríase nun camiño, liña de fuga que se perde no infinito, do Regent’s Park, onde rexistra en time-lapse un período de 24 horas, a tres fotogramas o minuto. Como explica Raban, “o obturador mantense aberto durante os vinte segundos entre exposicións, de xeito que na proxección os fotogramas individuais mestúranse facendo claramente perceptibles os patróns do fluxo do movemento humano. O time-lapse orixinal foi logo expandido a través de varios procesos de refilmado para revelar a estrutura fotograma a fotograma do orixinal”. Desta primeira época tamén poderemos ver Angles of Incidence(1973) “representación cubista do espazo” na que Raban filma unha xanela, que mantén como punto de referencia constante, movendo a cámara en semicírculo ao redor desa fiestra (a corda que se ve no fotograma actuou a modo de eixo) sen un patrón preconcebido. As vistas a través da xanela e a luz modifícanse cos cambios de perspectiva. A película adoita proxectarse, ademais, a dobre pantalla: Raban fixo unha copia do orixinal, esta vez en 16mm de dobre perforación, para posibilitar que esta segunda vista “espellara” a primeira.

Ademais destas prácticas, durante eses anos Raban incorpórase á London Filmmakers Co-op, nese momento un auténtico fervedoiro creativo e de experimentación constante, onde foi un dos membros clave de Filmaktion (xunto a figuras como Malcolm Le Grice), grupo que desenvolveu unha importante obra performativa, experiencia crucial na historia do cinema expandido (que Raban desglosará e presentará na súa masterclass na mostra).

A partir dos anos oitenta os intereses de Raban dan un novo paso, marcado con contundencia por Thames Film (1986), película que non renuncia ás súas preocupacións formais, pero que se presenta a modo de non ficción experimental profusamente documentada sobre as beiras do río Támesis e o paso do tempo por elas, en parte inspirada por T.S. Eliot, e narrada a través da voz de William Hurt.

Comeza así unha etapa marcada pola representación do punto de vista “poético” sobre a forma no medio cinematográfico de Raban, da que Darren Green fala así: “o ritmo, a rima, a métrica, a puntuación, a resonancia son representadas visualmente e, particularmente nestas pezas ‘documentais’ dan un sentimento impresionista, unha forma de polémica visual sin pesado simbolismo didáctico”. Esta liña de traballo é a que o conduce nas súas últimas obras, como poderemos ver en About Now MMX (2010), cuxo título fai alusión á súa obraMM (2002), na que usa como eixo unha obra arquitectónica, o Millenium Dome (estratexia que tamén usa, por exemplo, en Sundial), erixido como símbolo do novo milenio e dos cambios no East End londiniense. About Now MMX sitúa o eixo no seu punto de observación, a torre Balfron de Londres, rodando en time-lapse a súa vista aérea. Según Raban: “a intención é crear un mapa cinematográfico que expoña as redes neurais da metrópole posmoderna. O resultado é unha película que revela o funcionamento do sistema nervioso de Londres”.

As implicacións políticas xa presentes nesta obra redóbranse en Time and The Wave (2013), onde filma eventos clave da cidade de Londres entre 2012 e 2013: a inauguración do centro comercial de Westfield en Stratford, o movemento de ocupación de Saint Paul, o xubileo da reina e o funeral de Margaret Thatcher. Momentos convulsos de crise, cuxo rexistro é subraiado por un significativo e raro texto de Dickens, e polo rigor formal de Raban, que fala así do seu filme e da alusión ao tempo e ás ondas do seu título: “o paradoxo do presente como un tempo que non se pode reflectir ata que se converteu en pasado é unha idea que é coherente coa de pensar no paso do tempo como o movemento dentro duhna onda, onde cada partícula de auga permanece estática a pesar da ilusión de movemento percibida sobre a superficie”.

Poderemos ver tamén un dos ultimísimos traballos de Raban, Available Light (2016), particular relectura de Ocapital de Marx, con partitura de David Cunningham.

 

Programa 1. Hoxe no CGAI ás 20.30 h.

Masterclass William Raban. Sábado 4 de xuño no Auditorio de Afundación ás 12 h.