Obxectos e aparicións: especial found footage no (S8) 2017

The Midnight Party, de Joseph Cornell

A edición número 8 do (S8) dedica o seu foco especial ao found footage e a apropiación, tomando como inspiración a figura do surrealista estadounidense Joseph Cornell, e que inclúe focos a figuras como Luther Price, Cécile Fontaine e Barbara Meter, así como ao propio Cornell cineasta, guía e “santo patrón” desta edición.

“Obxectos e aparicións” é o título dun poema de Octavio Paz dedicado a Cornell, do cal citamos algúns fragmentos:

Hexaedros de madeira e de vidro
apenas máis grandes que unha caixa de zapatos.
Neles caben a noite e as súas lámpadas.
(…)
Slot machine de visións,
vaso de encontro das reminiscencias,
hotel de grilos e de constelacións.
(…)
O reflector do ollo mental
disipa et espectáculo:
deus solitario sobre un mundo extinto.

As aparicións son patentes.
Os seus corpos pesan menos que a luz.
Duran o que dura esta frase.

Tentando estender a idea do encontro fortuíto cara varios campos de acción no traballo con material alleo apropiado, a programación desprégase por varias vertentes. Dentro deste bloque, por suposto, dedicarase unha sesión aos traballos de found footage de Cornell feitos entre os anos 30 e 40. Desde a peza que se considera pioneira do cinema de metraxe atopada, Rose Hobart, ás películas finalizadas por Larry Jordan (que foi o seu asistente desde finais dos sesenta) e que mergullan no mundo da infancia, un dos temas predilectos de Cornell.

Sodom, de Luther Price

Pero hai máis. Luther Price estará por primeira vez en España traendo dúas sesións das súas películas e unha exposición. Price, cunha vida azarosa marcada pola desgraza, leva desde os 80 lidando coa violencia e o trauma nas súas películas. Un autor polémico (unha das súas películas mesmo provocou o despedimento dun programador) que funde sordidez e beleza en películas de super 8 e 16mm que remonta, pinta e mesmo enterra durante meses no seu xardín para xogar cos efectos da decadencia, usando materiais atopados como películas de operacións cirúrxicas, films porno ou películas domésticas e institucionais. Unha particular forma de traballar que fai que da maioría das súas películas non haxa copias: só existen os orixinais, que el mesmo trae e proxecta, e que veremos por primeira vez en España en exclusiva no (S8). A exposición de Luther Price estará composta polas súas colaxes, montadas en marcos de diapositiva, nas que incorpora anacos de película, pintura, po e mesmo insectos, e que son a súa liña de traballo actual.

La Pêche Miraculeuse, de Cécile Fontaine

Cécile Fontaine tamén formará parte desta edición especial ?Obxectos e aparicións?. A cineasta francesa (nada no departamento de ultramar da Illa da Reunión) estudou nos Estados Unidos, onde empezou a traballar nos anos 80. Utilizando toda clase de recursos domésticos (desde cinta adhesiva a lixivia, xabóns e obxectos punzantes), Fontaine elabora colaxes fílmicos nos que baixo distintas temáticas traballa coa cor e as propiedades gráficas da tira de celuloide de 16mm e de super 8. As súas películas son toda unha invitación á viaxe: hainas con temática marítima, sobre Xapón, sobre seres microscópicos, sobre fervenzas, sobre comidas familiares. Usando películas domésticas (propias e alleas) e films publicitarios de todo tipo, Fontaine elabora colaxes visualmente humillantes. Ademais da sesión dedicada ao seu cinema, poderemos ver tamén exposta tiras de película dun dos seus orixinais, a través da cal entenderemos e apreciaremos os seus métodos de traballo.

Song for Four Hands, de Barbara Meter, cortesía de la artista

Non só as imaxes atopadas, senón os sons atopados compoñen esta edición especial. Nese sentido, a cineasta e curadora española residente en Nova York Mónica Savirón recupera e mostra o traballo da holandesa Barbara Meter (cuxas películas se verán por primeira vez en España), que trae nun programa no que tamén poden verse pezas súas de apropiación nas que o son é peza crave. Meter foi un axente fundamental da vangarda holandesa, para a que o son e unha das súas ferramentas de expresión fundamentais. Desde sons da natureza a voces de actores tomadas de películas, gravacións musicais ou de radio (que mestura e manipula) poboan os súos films, cuxas imaxes están compostas de metraxe propia, fotos familiares e documentos que Meter trata a través da impresora óptica (sistema de refotografiado e copiado de celuloide). As súas películas, recentemente restauradas polo EYE Filme Institut (a filmoteca holandesa) proxectaranse en 16mm e 35mm, nunha sesión rematada por dous traballos de Savirón nos que utiliza materiais atopados, e nos que o son ten un papel crucial.

Engram of Returning, de Daichi Saito

Dentro de “Obxectos e aparicións” haberá tamén dúas sesións dedicadas a traballos recentes de found footage, nun programa dobre chamado Oficina de obxectos perdidos. Autores como Dianna Barrie, Daïchi Saïto, Janie Geiser, Pere Ginard e Sebastian Wiedemann, entre outros, compoñen a variada selección, mostra de moi distinta maneiras de traballar con materiais atopados, en celuloide e en vídeo.

Potamkin, de Stephen Broomer

Completa o bloque de “Obxectos e aparicións” a estrea en España de Potamkin, do novo cineasta canadense Stephen Broomer (a quen se lle dedicou un foco o ano pasado no festival), sorte de biografía do crítico de cinema de principios de século XX Harry Potamkin a través das películas sobre as que escribiu, que Broomer manipula a través de diferentes procesos químicos e de copiado.

EXPO LIO 92, de María Cañas

Ademais, no apartado expositivo darase un repaso a esta temática, con traballos de Cécile Fontaine, Luther Price e a sevillana María Cañas, que traerá a súa videoinstalación Risas en la oscuridad, que recolle un cúmulo de triunfantes femmes fatais, así como algunhas das súas videoguerrillas recentes. A chamada Arquiveira de Sevilla, a través dunha fervenza apocalíptica de imaxes, é adaíl do que ela mesma chama “risastencia”, nun traballo tan combativo como excesivo, cun característico e negrísimo humor.