Sinais cada vez mais potentes
Nesta edición de 2017, o (S8) segue reservando un apartado especial na súa programación para o cinema feito en Galicia e/ou por galegos. A sección Sinais este ano desprégase por varias vertentes: ademais da xa tradicional selección de curtametraxes de Sinais en Curto, dedicarase un foco especial á cineasta e montadora Diana Toucedo, e Xisela Franco presentará a súa videoinstalación Interior, exterior, durante.
Está claro que hai forzas creativas en Galicia. Forzas que, ademais, deciden tomar camiños ousados, abrindo paso á experimentación e á investigación. Esa especial disposición a situarse ao lado do inconformismo e a deixarse guiar pola procura formal convirte cada ano a selección de Sinais nunha mostraxe de estimulante variedade, na que a esixencia supera a todo localismo.
Como diciamos, este ano a sección desprégase en tres vertentes. Diana Toucedo é a autora en foco desta edición. Cineasta, montadora e docente, Toucedo veu desenvolvendo desde hai anos un traballo que supón unha reflexión ao redor da imaxe cinematográfica. Por unha banda, en traballos como Corpo preto e Ser de luz cuxa estratexia é a apropiación e a montaxe (en consonancia co tema da edición deste ano), e por outro, filmando e repensando a historia a través do ámbito doméstico e etnográfico en traballos como Homes e Por que non cantades todas, ou abordando o persoal en obras como Imágenes secretas. Actualmente atópase traballando na súa próxima longametraxe, Trinta lumes. Como montadora, é responsable de obras como La noche que no acaba, de Isaki Lacuesta, a película de animación Chico y Rita de Fernando Trueba e Javier Mariscal xunto ao montador Arnau Quiles, e O quinto evanxeo de Gaspar Hauser, de Albeto Gracia, que obtivo o premio Fipresci 2013 no Festival de Cinema de Róterdan. Como docente, é profesora no Master de Documental Creativo da Universidade Autónoma de Barcelona. Toucedo presentará varios dos seus traballos nunha sesión especial, na que tamén falará dos seus procesos creativos e proxectos en preparación.
Sinais en curto, pola súa banda, abre varios interesantes camiños. Jaoine Camborda (tamén guionista) presentará o seu Rapa das bestas, particular visión sobre a película etnográfica e a non ficción experimental, na que filma esta tradición a través da proximidade do super 8, utilizando o branco e negro, nunha película que foi presentada no Bafici. A artista e fotógrafa Carla Andrade penétrase nunha pausada e especial visión da paisaxe, neste caso do deserto de Atacama, coa súa obra El paisaje está vacío y el vacío es paisaje. Ao redor da paisaxe tamén vira o filme do tamén montador Marcos Flórez Fuerzas invisibles, pero nunha visión que parte do persoal e o emocional, cunha exploración formal impresionista ao redor da cor reforzada por unha banda sonora da súa propia autoría. Xurxo Chirro concorre esta vez cun dos seus traballos de apropiación, Bomb Movie, urxente comentario sobre o recente bombardeo de Estados Unidos sobre Afganistán. Tras o éxito internacional de Sin Dios Ni Santa María, Helena Girón e Samuel Delgado entregan Montañas ardientes que vomitan fuego, película que parte dos túneles volcánicos tinerfeños cara a unha historia subterránea da resistencia, que xa pasou por prestixiosos festivais como o de Toronto, Nova York e Róterdan. Quiasma, de Ton Mejuto, é unha película que documenta o proceso creativo do coreógrafo Javier Martín, con música de Oleg Karavaichuk (o Oleg de Andrés Duque), co que colaborou en vida: un estudo do movemento e do traballo co corpo filmado en 16mm e en branco e negro. E como tamén se trata de descubrir novos valores e estar atento a quen apunta maneiras, Sinais en Curto traerá tamén O ollo cobizoso, traballo das novas estudantes de belas artes Lara e Noa Castro, que sen apenas alcanzar a vintena entregan unha aguda mirada á súa contorna, nunha montaxe chea de correspondencias, resonancias e enxeño visual.
A parte expositiva de Sinais trae este ano a proposta de Xisela Franco, tan ambiciosa como emocionante. A súa videoinstalación Interior, exterior, durante (feita para o MARCO de Vigo, e que nesta ocasión poderase ver na Fundación Luís Seoane durante o festival) documenta as vistas desde a súa xanela en Baiona durante un día enteiro en oito horas, imaxe que establece unha fascinante reflexión en canto ao tempo, ao espazo doméstico e á paisaxe a través da súa interacción co son, que recolle os primeiros anos de desenvolvemento cognitivo e adquisición da fala da súa filla desde o seu nacemento ata os tres anos. Unha peza que non só é unha reflexión ao redor das ideas de interior e exterior, á duración e ao paso do tempo, senón tamén ao redor da maternidade e a súa relación cos procesos creativos. Na antesala da inmersiva instalación de Franco poderase ver tamén, a modo de apoio e extensión desta idea, o seu autorretrato Vía Láctea (2013), na que o seu propio corpo espido aleitando á súa filla serve de pantalla a unha proxección en 16mm de película pintada por ela mesma.