María Cañas: serei o teu espello

Que dúbida cabe: vivimos nun mundo desbordado de imaxes. Xa é lugar común falarmos nestes termos, como tamén é facermos disertacións de barra de bar sobre internet, youtube, e a sobreinformación, e practicarmos o pensamento apocalíptico de salón. Pero, que sente realmente ao sufrir o mal de arquivo? que pasa cando todas estas cuestións posúen realmente ao individuo, ata un punto case vampirizador? María Cañas ben pode responder esas preguntas, a través dunha obra na que todo o exceso, a tolemia e o esperpento da sociedade é absorbido, fagocitado e logo transformado cunha incrible visión crítica e humorística como unha tremenda labazada a man aberta.

Risastencia chama María Cañas ao que exerce a través das súas videoguerrillas (ambos os termos que ela mesma tivo que inventar), traballo sincero e visceral que xorde dunha necesidade de lidar co mundo tal e como se nos presenta. Por unha banda, trátase de manexar a súa propia relación con esa sobrecarga de imaxes: ela mesma fala sen andrómenas do consumo compulsivo de imaxes, e das horas, días e semanas que pasa inmersa e perdida nos carreiros dos arquivos e plataformas de visionado. Doutra banda, trátase de contemplar cara a cara a apocalipse sentíndoa realmente inminente, e de tentar capear ese temporal (máis que temporal, tsunami) a través da creación e da reciclaxe de imaxes.

Todo isto, filtrado por unha sensibilidade especial que ve no terrorífico, o disfuncional e o escuro a máis sublime beleza, e por unha valentía á hora de alzar a voz e expresar ao mundo sen reviravoltas o que se pensa, malia a quen lle pese. Desde a Semana Santa da súa Sevilla aos telepredicadores, as corridas de touros ou a tolemia televisiva, a obra de Cañas é un tour de force polo arquivo, montaxes repletas de imaxes a cada cal máis alarmante, a chamada final a vernos nun espello deformante e terrorífico e, tras facelo, rirnos a gargalladas do horror reflectido. Un traballo e un lugar no mundo que ela explica mellor que ninguén, nunha escritura en sintonía e paralelismo total coa súa obra audiovisual: “María Cañas é A Arquiveira de Sevilla, A Virxe Terrorista do Arquivo, atractora de hecatombes e videópata. Pirómana de mentes. Varanda e quitapenas. María Coñas para servirlles. Practica a “risastencia”: o humor de todas as cores, o xogo e a videoguerrilla das multitudes conectadas, como estratexia de insurxencia ou, se non, polo menos, de resistencia e/ou supervivencia popular. Un activar comprometido coa idea de cultura como construción colectiva, do arquivo orgánico e do detritus audiovisual como ferramentas de desenvolvemento cultural, e coa necesidade de educar na axitación e reciclaxe dos nosos imaxinarios, para así transformarnos en seres máis libres, críticos e creativos”.

Nesta edición do (S8), teremos a ocasión de ver varias facetas do seu traballo. Por unha banda, a través dalgunhas das súas videoguerrillas máis recentes. La mano que trina fala do lugar que ocupan nas vidas de todos xa a estas alturas os móbiles, nunha negrísima visión dun posible futuro debuxado a partir diso. Cumbia Against the Machine volve á Expo 92, e ás imaxes dese tempo para ofrecer unha visión de como España se converteu nunha manda de zombies obnubilada polo inmoral malgaste e a falsa promesa de progreso do evento. E, finalmente, EXPO LIO termina por retrotraerse á conquista e saqueo de América, para falar do cruzamento de culturas e o choque de civilizacións.

Doutra banda, a súa videoinstalación Risas en la oscuridad representa outra das súas caras, máis repousada e máis esteticista, nunha peza a tres canles composta “exclusivamente por mulleres: bruxas, vampiras, guerreiras, cándidas e malignas, mulleres “bigger than life” que mostran o seu poder instaurando a desorde e a revolta a través dunha fervenza interminable de risas salvaxes, iluminando a escuridade, a suposta morte do cinema e da literatura, coa súa riseira enerxía creadora”. A mala muller, a femme fatale como cliché do cinema, “mulleres que non tratan de agradar e servir, nin esperan o momento da maternidade ou do regreso do home á calor do fogar. Son deusas, súcubos, xigantas, mulleres de luz e de lume, plenas, procedentes da mitoloxía, o cinema ou a rúa. Mulleres fortes, autosuficientes e libres, ou ás veces, desesperadas, que se rebelan ante o establecido. Son mulleres que se autoexorcizan, que combustionan nunha catarse de lume”.

Finalmente, tamén acolleremos unha das súas master classes, evento performativo en toda regra. Unha inmersión comentada no seu universo creativo, unha visita guiada polos camiños que conducen á súa interminable lista de referencias e fixacións persoais, que nesta ocasión, baixo o título “Elas dan o golpe” propón un xogo activador no que rir, maquinar e espeluznarse deste mundo cane, a medio camiño entre o show audiovisual, a axitación cultural, a proxección comentada e a acción patafísica performanceira. Encontro experimental inspirador pola videoguerrilla, o apropiacionismo, o fake, a “videomaquia”, e a vídeo remestura postxenérica, marrá, marciana e postmariana da man (ou do rabo) da Arquiveira de Sevilla, María Cañas, e das participantes conectadas. Nesta festa convidamos as asistentes a gozar dun percorrido audiovisual preparado pola Cañas no que axitaremos as imaxes e sospeitaremos delas. Tamén será o momento para coñecermos algo máis sobre procesos de creación audiovisual apropiacionista e para tratarmos infinitos temas relacionados coas novas narrativas cinematográficas despois de Internet, a vida, a morte…”

Bievenidos, pois, todos, ao aterrador, marabilloso, abafador e descacharrante mundo de María Cañas.

aulaCREA María Cañas. Hoxe xoves 1 de xuño ás 12.30 h. na Sala de Prensa de Afundación.
Risas na escuridade e videoguerrillas recentes. Do 30 de maio ao 14 de xuño na Fundación Luís Seoane.