Aldo Tambellini Space Is the Place
Por Helena Girón e Samuel M. Delgado

Desde a distancia, coa pátina do tempo, todo parecía un relato mitolóxico. Unha confluencia de referentes que, máis que un final, era un punto de partida. Durante moito tempo antes da nosa viaxe as lecturas e conversacións sempre terminaban alí: Nova York, 1960. Un mundo máxico no que convivían músicos de free jazz, cineastas experimentais e artistas plásticos, todos eles creando desde a máxima dunha liberdade radical. O foco principal de todo isto era o Lower East Side, que nesa época era un dos barrios populares e desfavorecidos da cidade. Aldo Tambellini xa non está alí. Deixou Nova York a mediados dos setenta dando por terminada a súa relación con esta cidade da que formou parte.

A traxectoria de Tambellini está acompañada tanto do correlato da xentrificación como do da asimilación do cinema experimental polas institucións museísticas. A súa obra está intimamente ligada ao undeground da súa época. Antes de coñecermos a Aldo comezamos a pasear polas rúas do barrio na actualidade. Nesas rúas non había nin rastro do que foi noutro tempo. Pero derívaa sempre recompensa. Cruzamos o barrio sen rumbo algún, coa mera intención de perdernos canto antes. En moi pouco tempo estabamos a conseguilo, xa non podiamos orientarnos. Nun instante o son cambiou. O silencio das tendas de roupa, galerías e cafeterías desapareceu para dar paso a música caribeña, voces dominicanas, portorriqueñas… E aí estaban, un pouco máis afastados pero aí estaban os veciños de Tambellini.

Sempre estiven en contra dos límites establecidos sobre min pola sociedade, o sistema político, cultural… Este pensamento veu moi pronto na miña vida ao negarme a seguir a corrente fascista que me lavase o cerebro para abrazar o fascismo/ a conformidade do mundo da arte/ as delimitacións raciais.

[…] Empecei a sentir as restricións que había nas miñas pinturas. […] Para prosperar coa pintura, o artista aínda depende dunha galería, un crítico, un establishment que o acepte, que o bendiga e difunda o seu traballo. Foi entón cando comecei a pintar diapositivas de cristal e a proxectalas desde o meu edificio sobre o edificio de en fronte no Lower East Side de Nova York. Había certa liberdade en ver as miñas novas “pinturas” máis grandes que calquera lenzo. Podía pintar e proxectalas para que o mundo as vise sen a aceptación dun crítico, sen a bendición do establishment da arte, sen as tan odiadas restricións impostas ao artista. […]
Pensamentos de liberdade. 1967. Aldo Tambellini

Naceu entre dúas eclipses lunares, tamén entre dúas guerras mundiais. O cosmos e as súas experiencias vividas durante e tras a segunda guerra mundial atravesan toda a súa obra. Tamén estaba fortemente influenciado polo “espacialismo” de Fontana e o “Zero Group” alemán do que formaba parte Otto Piene, con quen compartía unha gran amizade que daría como froito a apertura do Black Gate, un espazo para a experimentación na parte superior de The Gate Theater, a sala de Aldo e Elsa Tambellini. The Gate Theater abriu as súas portas cun acto de protesta: a celebración do New Visions Festival en setembro de 1966 como resposta á cuarta edición do New York Film Festival do que os cineastas eran excluídos pola forma e contido das súas películas. Hai que lembrar que a censura viña de longo nos EEUU e que implicaba mesmo ata os laboratorios, que no seu momento chegaron a colaborar na eliminación de películas de contido supostamente “obsceno”. Ben coñecido é o caso da destrución por parte de Kodak dunha das películas que Kenneth Anger fixo en colaboración con Stan Brakhage e Jess Collins en 1954. Pero os sesenta tampouco quedaban atrás. José Soltero, queimou unha bandeira dos Estados Unidos en protesta pola guerra de Vietnam nunha performance chamada LBJ nun dos teatros independentes máis famosos do Lower chamado The Bridge a principios de 1966. Elsa Tambellini era a directora artística desta performance e tamén se encargaba de moita da programación deste lugar. Anos atrás, neste mesmo espazo, a policía confiscara Flaming Creatures de Jack Smith e mandara a Jonas Mekas a prisión. Dado o seu coñecido historial, The Bridge decidiu pechar as súas portas durante un tempo por medo a posibles represalias. Este peche foi un dos motivos polos que abriu The Gate Theater. Todo isto sucedía ao mesmo tempo que Aldo realiza os seus Black Film Series.

Comecei a colleitar colas de películas xaponesas, arquivo e descartes. Un amigo cineasta, José Soltero, vendeume o seu Bolex por tan só 300$ e comecei a filmar. Tras interminables horas de edición, visionado e reedición, naceran unha serie de películas que eran “experiencias sensoriais”. As miñas películas convertéronse en pinturas en movemento.
Conversación con Aldo Tambellini.
15 de outubro de 2016. Cambridge (Massachusetts)

Lonxe de alí, en Cambridge, o encontro con Aldo convértese noutra porta a ese tempo que xa non achamos mítico pero si indubidablemente intenso. “Fóra do teatro, xunto á entrada, había un muro no que faciamos unha gran colaxe coas películas que ían ser proxectadas ese mes. Cada semana cambiabamos a programación que podía ser unha compilación de películas moi diferentes como as dos Kuchar Brothers, Stan Vanderbeek, xente da costa oeste como Bruce Conner que me gusta especialmente… Tamén cinema experimental xaponés. Taka (Takahiko Limura) vivía só a uns bloques da miña casa e adoitaba ir moito a Xapón, onde proxectaba películas de amigos de Nova York, e volvía cunha chea de películas xaponesas que proxectabamos no Gate.”

A súa obra é o que queda de todo aquilo. Nela está a procura de experiencia, a rabia e a potencia.
Aldo Tambellini. Programa 1. Mañá xoves 1 de xuño ás 19.10 h. na Sala (S8) PALEXCO.
Programa 2. Sábado 3 de xuño ás 20 h. no CGAI.
Performance Moondial. Sábado 3 de xuño ás 23 h. na Fundación Luís Seoane.
Instalación Atlantic in Brooklyn. Fundación Luís Seoane.