Ojoboca sobre The Hot and the Cold: invocando a experiencia comunal
De onde vén o voso interese polas fantasmagorías? Podédesnos contar un pouco máis sobre Étienne-Gaspard Robert e a relación do seu traballo co voso?
Estabamos a ler sobre formas precinemáticas e sobre os distintos espectáculos de lanterna máxica que se desenvolveron antes da invención da cámara de cinema e o proxector. Un deses espectáculos era a Fantasmagoría. Étienne-Gaspard Robert creou a súa a finais do século XVIII e foi un dos seus máis populares expoñentes. Interesáronnos os seus espectáculos porque parecen un parente afastado do que agora chamamos cinema expandido. Os seus métodos en particular, ou polo menos tal e como son descritos, tocáronnos unha fibra. Con todo, non tiñamos ningún interese en replicar exactamente o seu espectáculo. Máis ben queriamos tender unha especie de ponte de afinidade entre esa clase de espectáculo e o noso. Así que a nosa relación é máis ben a do recoñecemento a un devanceiro. Hai moita información online sobre Robert, e animamos á xente a que lea cousas. Non sería xusto tentar condensar todo iso nunhas poucas frases aquí.
Para quen non saiban que é un tardígrado, podédelo describir? Como decidides incorporar este estraño organismo na vosa performance, e incluír esta especie de historia pseudocientífica?
Un tardígrado é un animal acuático case microscópico de oito patas. O tardígrado (esa palabra significa “de camiñar lento”) é coñecido pola súa capacidade de sobrevivir en condicións extremas. Cando están baixo tensión ambiental, os tardígrados desenvolven un proceso similar á morte chamado criptobiose, no que retardan os seus procesos metabólicos ata case paralizalos. Cando as condicións melloran, son capaces de reactivar o seu metabolismo. Este mecanismo permítelles sobrevivir en case calquera circunstancia ambiental incluíndo o baleiro. O que nos interesou foi pensar que un dos máis fortes organismos do planeta está en calquera lugar ao noso ao redor. Só temos que achegarnos ás árbores que hai na beirarrúa fronte ao noso apartamento para atoparmos a algunhas desas criaturas. Probablemente, en mil anos nin o apartamento nin a beirarrúa nin as árbores estarán alí, pero os tardígrados seguirán movéndose lentamente en pozas de auga ou esperando en criptobiose a que as circunstancias melloren.
Como empezastes a desenvolver a posta en escena da performance? Como é o voso proceso de traballo?
O proceso empeza cun obxecto, unha imaxe ou un texto, polo xeral atopado pero non sempre. Neste caso, empezou cunhas imaxes estereoscópicas que atopamos nunha libraría de London, Ontario. Compramos unha pila delas e pasamos preto dun ano tentando pensar en algo que facer con elas. Logo lemos sobre a Fantasmagoría e lentamente a cousa empezou a tomar forma. É un proceso que consiste en ter unha idea para manipular ou crear unha imaxe ou un son e logo probala nun espazo e ver se funciona ou non. Non hai nada especial niso salvo que cando tratamos de xuntar unha serie de imaxes coas que traballamos con sons e de súpeto funciona, é como un agasallo. A maior parte do tempo, con todo, non funciona e tes que seguir probando ou deixalo de lado e esperar.
O voso traballo parece relacionarse coa idea de verdade e as súas convencións no cinema (polo menos o que vin ata agora), para xogar con materiais (supostamente) históricos ou atopados. Podédesnos falar diso?
En realidade non nos interesa a verdade como concepto nin a ficción como o seu oposto. Interésanos máis traballar para crear unha certa clase de experiencia para a xente que está no espazo connosco. O ritual da luz proxectada é o noso principal foco así que nos esforzamos en tentar atopar maneiras de facelo efectivo nun sentido experiencial. Parécenos que moitos de nós nos afixemos tanto a consumir imaxes que pode ser difícil presentar imaxes dunha maneira que se poidan mover máis aló da compracencia emocional e corpórea das nosas respostas típicas. Así que nos gusta buscar neses restos históricos algunhas pistas sobre o que se pode facer no presente para romper coa comodidade dunha maneira que sexa compartida e gañada. Pero non queremos recrear ningunha experiencia do pasado. Como diciamos, non estabamos alí así que non tería sentido para nós tentar copialo. Así que tentamos atopar maneiras, no presente, de crear a nosa propia forma de experiencia comunal. As historias axúdannos a achegarnos ás condicións que nos gustarían para que algo pasase entre os que nos atopamos nunha sala cando a luz é proxectada.