Encontro de proxectos educativos e residencias. Mirando ao futuro
Se hai unha labor no ámbito do cinema e das artes que miran ao futuro, esa é sen dúbida a que apela á transmisión de coñecemento e ao apoio do talento emerxente. Ofrecer alternativas aos procesos e aos enfoques industriais (os que abundan nas escolas de cinema ao uso), fortemente xerarquizados e compartimentados, faise indispensable. Neste encontro convocamos a un grupo de proxectos educativos e de residencias nos que a apertura de miras prima, e nos que hai un lugar especial para o cinema experimental e as novas formas de creación audiovisual.
Un deles é este proxecto (recén) nacido en 2017, a Elias Querejeta Zine Eskola, que quere romper coa idea xerarquizada de formación de cadros técnicos, que é a que se segue nos modelos tradicionais de escola de cine. A idea, coas tres especialidades coas que nace (Arquivo, Comisariado e Creación) é estimular a emerxencia de alumnos cunha mirada integral de cine. Clara Sánchez-Dehesa, responsable da área de arquivo, falaranos de todo.
Se unha cousa comparten todos os proxectos é esa visión integral de xerar alumnos con miradas autónomas e sentido crítico, máis alá dos modelos industriais. No caso do Master LAV, escola de Madrid creada e dirixida por Pablo Useros, articúlase, por un lado, nun programa académico que surte de experiencias e referencias, con especial foco en propostas de carácter experimental, e por outro da creación dunha obra tutelada durante o seu proceso artístico. Baseándose máis no proceso que no método, LAV busca ampliar os horizontes dos seus alumnos e desenvolver a súa capacidade de análise, o seu enfoque crítico e o seu compromiso artístico.
Esa idea do cinema como proceso é tamén a que recolle o canadense Phil Hoffman na súa Film Farm. Dende 1994 o cineasta e educador Philip Hoffman leva a cabo este retiro anual nunha comunidade rural de Ontario, no que non só difunde métodos de produción artesanais e ecolóxicos de cine en formato fílmico, senón que tamén promove esa forma de traballo baseada no proceso, na reflexión e na posta en común, antes que as xerarquías ou o guión, e na abordaxe do cinema dende o persoal.
Finalmente, e coa idea de dotar de ferramentas (en termos de coñecemento e de útiles de traballo, o LIFT (Liaison of Independent Filmmakers of Toronto) é unha cooperativa audiovisual que funciona desde o ano 1981, cuxo foco recae tanto en proporcionar medios de produción á comunidade de cineastas de Toronto, como en formar e difundir coñecemento no referente ao cinema, ao vídeo e á creación interactiva a través de obradoiros. Ademais, o LIFT ofrece varios programas de residencias a cineastas locais e internacionais, con especial énfase nas prácticas experimentais (unha delas, BAICC, en colaboración co (S8) e Acción Cultural Española). O cineasta e programador Chris Kennedy é o seu director executivo.
Sábado 2 de xuño ás 13 horas na Atalaya (Café Mirador, Xardíns de Méndez Núñez)