Videoclip e Super 8 contemporáneo: o pracer de facer as cousas a man
O (S8) acollerá, dentro do seu programa, unha mostra elaborada por Playitme Audiovisuales dun dos campos máis fértiles no uso do Super 8 a día de hoxe: o videoclip. É un feito que a existencia de internet -mención especial a youtube- devolveu a dignidade perdida ao videoclip, ven máis videoclips que nunca e, sobre todo, ven sen necesidade de que unha gran compañía os programe na televisión. Bandas e artistas independentes teñen a opción de que o que fan sexa visto amplamente en todo o mundo, e sobre todo, que sexa algo máis que un vehículo publicitario. Un estímulo que fai que a creatividade de multiplique, e que esta forma de arte estea máis viva que nunca. O curioso de todo isto é que precisamente unha ferramenta froito dos últimos tempos, a rede, lle dun empuxón a un formato analóxico como é o Super 8.
Xa non son só a textura e as implicacións estéticas do formato. Quizais se poida relacionar este repunte coa propia fisicidad da película, un aliciente máis para unha xeración que, usando internet, quere seguir facendo cousas coas mans. O renacemento do gusto polas manualidades como forma de creación, ou que o stop motion siga san e forte -independentemente da animación dixital- dan fe de que os ceros e os uns non substitúen, senón que amplifican, o que sucede no plano do tanxible.
Un fértil terreo abonado para a creatividade, o videoclip, que se move pola periferia da que o (S8) participa, na que nace o máis estimulante que se está facendo a día de hoxe. A selección de videoclips en Super 8 que nos trae Playtime Audiovisuales debulla unha produción heteroxénea e pletórica.
Hindou, tema de sons tropicais de El Guincho, abre o programa co videoclip de botes piratas en Super 8 feito polo novo fotógrafo barcelonés Adrià Cañameras. Laura Ginès e Pere Ginard, ou o que é o mesmo, Laboratorium, micro-factoría catalá dedicada á ilustración, o cine experimental e a animación, son os responsables do videoclip do tema Llenya d’alzina, de Els nens eutròfics, gozosa celebración de metraxe atopada rexional. O realizador Ramon Ayala -un dos valedores do Super 8 a día de hoxe- asina o vídeo de Poor poor the egg, de Le Pianc, imaxes de surrealismo pop e ovos en diversas formas e interpretacións. As luces e as texturas son os protagonistas no vídeo de Holy Ghost (canción de Rita Redshoes) realizado polo portugués Pedro Mira.
John I’m only dancing, vídeo das estadounidenses Vivian Girls que saca o máximo partido da beleza destrutiva nun despezamento (e dos pantalóns curtos) é obra de Oriol B. Massats. Dostopos, proxecto creado por Ariadna Ribas e Ana Pfaff que explora a relación entre imaxe e música e manexa amplamente o found footage, é o resposable do videoclip de Aplauso, de Alado Sincera, unha evocadora peza tomada polos xogos dos nenos. As animacións con ecos do universo de Jan Svankmajer son o prato forte do vídeo de Víctor Sastre para Minimal 21, A mare absent.
Que te besen é a canción dos colombianos Aterciopelados ilustrada polo videoclip de found footage saído de exhaustivas escavacións de Super 8 realizadas por Simón Hernández (moitas das imaxes pertencen ao propio arquivo familiar de Andrea Echeverri, cantante da banda). A enigmática historia con aires fronteirizos de Amor a tientas, canción de Flow, corre a cargo de Santiago Torres. Luís López Carrasco, integrante do colectivo Los Hijos, dirixe o impresionista e evocador videoclip de La baguette, para The Pyrinerds. Afastados e extravagantes veráns os de Hawaii, tema de Sacramento, con videoclip do autodidacta e polifacético Tomás Peña. Anna D. Ortuño, dona dun singular imaxinario, asina un colorido e pictórico videoclip festivo para Bulma: O Llençol. Meg and my girlfriend (The Melocotons) é un videoclip que apela ás películas de serie Z dos sesenta a cargo de Catxo e Yago Garbizu.
Unha selección á que nos asomamos, imprescindible de ver para poder comprender a súa riqueza. En próximas entregas seguiremos percorrendo o ciclo de Super 8 Contemporáneo desta edición da mostra, permanezan en sintonía.