Ernie Gehr: As If

“O cinema de vangarda tradicional e establecido ensina o cinema como unha imaxe, unha representación. Pero a película é unha cousa real e como cousa real non é unha imitación. Non reflicte a vida, senón que encarna a vida da mente. Non é un vehículo de ideas ou representacións da emoción fóra da súa propia existencia como idea feita emoción. O cinema é unha intensidade variable de luz, un equilibrio interno de tempo, un movemento dentro dun espazo determinado.” (Ernie Gehr, xaneiro de 1971)

O cinema en papel

Do mesmo xeito que un músico elabora a partitura dunha melodía para logo executala, hai cineastas que bosquexaron os seus propios medios de notación para faceren as súas películas: desde esquemas preparatorios ou diagramas que serven como ferramentas para a rodaxe, ata anotacións feitas in situ ou expresións gráficas que serven para analizar e desagregar o filmado. Esta exposición reúne unha serie de películas concibidas sobre o papel e pensadas desde unha idea de estrutura precisa, que percorreremos a través das súas partituras.

Pablo Mazzolo: as forzas da natureza

Óptica, mecánica, química, ondas lumínicas. Un set de variables científicas, que combinadas da maneira adecuada transfórmanse nunha forza inefable que alaga os sentidos. A realidade cruza o limiar do soño, e o cinema convértese así nunha experiencia sensorial envolvente.

Desbordamientos: Ojoboca

Anja Dornieden e Juan David González Monroy son Ojoboca, unha parella de cineastas que viven e traballan en Berlín baixo este nome desde 2010. A agudeza e o sentido do humor coroan este xogo interminable, do que seremos partícipes neste dobre programa fío-espiritista que nos levará por universos e sensacións insólitos. Benvidos á dimensión descoñecida de Ojoboca.

Canyon Cinema 50: California Dreaming

Celebrando 50 anos como un dos máis insignes distribuidores a nivel mundial de películas feitas por artistas, Canyon Cinema está profundamente arraigado na comunidade de exhibidores e realizadores de cinema independente e experimental da área da Baía de San Francisco. Este programa rende homenaxe a este legado mostrando unha selección de obras radicais e visionarias, realizadas durante máis de media década, e que captan algunhas das calidades máis imperiosas (e cinemáticas) de California: a natureza, a paisaxe e a luz.