Arquivos da ‘destacados’ Categoría

X anos de Sinais do cinema galego no (S8)

Neste décimo aniversario da Mostra, que se celebrará entre os próximos 31 de maio e 9 de xuño, a sección SINAIS volve despregarse en diversas iniciativas: por unha banda, o festival dedicaralle unha sesión monográfica á artista, fotógrafa e cineasta galega Carla Andrade e, por outra, acollerá a estrea mundial do filme 7 Limbos, de Alexandre Candelo e Berio Molina, cruce entre cinema e arte contemporánea, que irá acompañada dunha serie de accións performativas que prolongarán a experiencia cinematográfica por diferentes espazos da cidade da Coruña máis aló da proxección.

A sesión monográfica arredor da obra de Andrade, que estará conducida por Xisela Franco, xirará arredor da súa evolución e posicionamento como artista e achegarase a influencias de outros creadores e creadoras de diferentes países e cidades no que Carla Andrade residiu nos últimos anos. No encontro, a artista amosará tamén a súa relación íntima con Galicia, coa natureza, co territorio, co baleiro concibido como un lugar cheo de posibilidades, ilimitado e reivindicará o seu papel de muller que trata de buscar a súa propia linguaxe. O programa acollerá a proxección de pezas como Listen to me​, Sibila, ​El paisaje está vacío y el vacío es paisaje , Geometría de ecos I eMagma​.

O filme experimental 7 Limbos, pola súa banda, supón a suma de forzas entre Alexandre Cancelo, guionista e realizador, e Berio Molina, cuxa actividade xira en torno á arte sonora, de acción e interactiva. Trátase un cruzamento entre cinema e arte contemporáneo no que sete grupos de enmascarados percorren diferentes paisaxes. Cos seus movementos golpean o chan das cidades, permanecen quietos esperando o ruído da ruína e capturan o vento coas súas vestimentas. 7 Limbos é unha viaxe sonora polas veladuras do espectral que nos conducirá por diferentes experiencias en diversos escenarios fantasmais e evocadores a través de Europa da man dos artistas Miguel Prado, Alejandra Pombo, Nick  Papadimitriou, Alberto R. Samaniego, Ignacio Castro, Loreto Martínez e Isaac Cordal.

Sinais en Curto: migración, memoria e ausencias

A sección Sinais en Curto volve traer, un ano máis, unha selección de traballos arriscados e vangardistas feitos por creadores e creadoras de Galicia. O percorrido que festival propón nesta décima edición configura unha especie de historia subterránea de migración, unha peza clave da identidade e o espírito desta terra. Un percorrido que comeza na illa de San Simón, na que a celebración do festival Sinsal dá pé á creación dunha peza que se estende máis aló do rexistro cara a rexións poéticas e evocadoras.

Dentro do programa Sinais en Curto amosaranse as obras máis recentes dos creadores e creadoras Alexandre Cancelo, Margarita Ledo, Sol Mussa, Alberte Pagán, Carlos Martínez-Peñalver, Adrián Canoura, Samuel Delgado e Helena Girón, que xirarán arredor da idea de migración, a memoria e as ausencias.

Ilha, de Alexandre Cancelo (tamén presente en Sinais con 7 Limbos, codirixida con Berio Molina), crea e recrea a través dun dispositivo sonoro as voces dun pasado incerto. A  auga branca, da creadora e investigadora Margarita Ledo, fainos chegar desde a súa peza o eco de quen se foi da terra para non volver, e que lembra desde Extremadura a Galicia e ás súas fontes de auga branca. A emigración desde o presente é o que aborda Stockroom, de Sol Mussa  Juane, coa sombra do Brexit axexando Europa. Unha peza que trata a imaxe de vídeo desdobrándoa e dándolle outra dimensión, mostrando como vive o migrante hoxe en día. Uluru, do cineasta, escritor e investigador Alberte Pagán, é un punto de inflexión na sesión, a través da súa construción dunha posible arquitectura do espazo a través do cinema, e da memoria presente dunha viaxe a un sitio sacro. Con Como desaparecer, de Carlos Martínez-Peñalver, empréndese o camiño de volta cara a Galicia, un camiño no que regresar é unha forma de desaparecer. Adrián Canoura, pola súa banda, retrata en Rexistros. Xeografía de San Sadurniño os espazos baleiros que deixaron os que se foron tras de si, a través da súa experimentación sensorial co vídeo analóxico. Pecha a sesión Irmandade, nova peza de Helena Girón e Samuel Delgado, que co seu distintivo halo  esotérico retratan aos que quedaron, nunha procura da esencia do espírito das revoltas pasadas dun pobo combativo.

 

Finalistas INPUT 2019


Alégranos facer públicos os tres proxectos seleccionados para participar en INPUT 2019. Esta selección realizouse entre 27 proxectos, moitos deles de grande interese e calidade, o que fixo moi difícil o proceso de selección. As directoras dos proxectos escollidos disporán de dúas xornadas durante as que poderán contar co asesoramento de profesionais de prestixo internacional para facer medrar os seus filmes.

MARIA ISABEL ACOSTA ALFARO – BOMBARDEAR LAS NUBES

Licenciada en Comunicación Social, María Isabel Acosta obtivo a mención en Artes Audiovisuales en Caracas, Venezuela. Dende o 2017 reside en España, onde ten profundizado nos seus estudos dentro do campo do cinema documental e de vangarda.

Bombardear nubes supón nun principio o acto de desnaturalizar un elemento. Partindo desta premisa, o proxecto aborda dous conceptos de desnaturalización para crear entre eles unha analoxía poética na cal o proceso de bombardear nubes encontra a súa relación coa migración forzada que atravesa actualmente Venezuela.

MAIDER FERNÁNDEZ IRIARTE – EL MÉDICO CURA

Maider Fernández Iriarte (Donostia, 1988) é artista e cineasta. Os seus traballos teñen sido recoñecidos e exhibidos en numerosos festivais e centros de arte, como o Festival de San Sebastián, Festival Europeo de Sevilla, FICXixón, Festival de Málaga, Zinebi, DA2, IVAM ou L’Alternativa, varios deles como parte do colectivo Las chicas de Pasaik. Actualmente está finalizando a súa primeira longametraxe, Las letras de Jordi, gañadora do premio Ikusmira Berriak 2017 do Festival de San Sebastián.

El médico cura é un díptico audiovisual que explora a relación que se dá entre o relixioso e o científico, entre o físico e o sagrado no Santuario de Lourdes. Como pode reforzar a ciencia a crenza nos milagres?

XIANA DO TEIXEIRO – CRÍAS

Xiana do Teixeiro (de Walkie Talkie Films) é cineasta e investigadora galega. Traballa dende o ecofeminismo en proxectos sobre a construción e o significado social do xénero e a narrativa especista do antropoceno. É a autora de Tódalas mulleres que coñezo (2018), Somos Plaga (2017) e Carretera de una sola dirección (2016), entre outros proxectos.

Crías, película-revelación, saca á luz o obxecto oculto do diario secreto de adolescencia feminina. No filme desplégase un autorrelato fragmentado que cuestiona todas as outras narracións sobre a experiencia xuvenil feminina. A vida das mulleres debúxase como un proceso de discontinuidades, algo que, para avanzar, ha de negarse.

CRÍAS é un libro filmado, un arquivo, un manifesto e un segredo.

INPUT é un espazo de titorización de proxectos cinematográficos en desenvolvemento que xorde da colaboración entre a Fundación Luís Seoane e o (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, mediante o que 3 autoras terán acceso a 3 profesionais de prestixio internacional do ámbito do cine e a arte, con quen poderán discutir arredor dos seus proxectos, desde o estado de escritura e desenvolvemento ata o de distribución.

As titorías terán lugar na Fundación Luís Seoane de A Coruña o 31 de maio e o 1 de xuño no contexto do (S8) 9ª Mostra Internacional de Cinema Periférico.

A décima edición do (S8) contará coa visita de Malcom Le Grice, a lanterna máxica de Charlotte Pryce e un foco arredor de la conservación do cinema experimental

A imaxe desta décima edición está protagonizada por unha caracola, un cabaliño de mar, unha culebra e unha flor radiografadas, evocando a catro dos alicerces básicos do cinema como son o son, o proxector, a película e a emulsión fotoquímica.

Malcom Le Grice, figura histórica do cinema experimental, impartirá unha master  class na que falará sobre o seu proceso creativo e protagonizará unha sesión que incluirá dúas das súas máis icónicas filme performances, así como dúas pezas  multipantalla en 16mm.

A artista Charlotte Pryce levará a cabo por primeira vez no noso país unha  performance con lanternas máxicas, artefactos de proxección anteriores á invención do cinema.

A conservación de cinema experimental será o tema principal ao redor do que xirará gran parte da programación do festival, que contará con expertos na materia de prestixio internacional como Bill Brand, Ross Lipman, Mark Toscano e Janine  Marchessault.

A Coruña, 8 de maio do 2019. – O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico presenta hoxe a programación da súa décima edición, que se desenvolverá desde o 31 de maio ata o 9 de xuño na Coruña. A imaxe escollida para celebrar estes dez anos ten como protagonistas a catro elementos vistos con raios X inspirados nas primeiras radiografías levadas a cabo por Josef Maria Eder en 1896 para ver que había dentro deles. Dalgún modo, a Mostra leva dez anos radiografando o cinema buscando tamén a súa alma e a súa esencia.

As catro imaxes seleccionadas simbolizan catro factores distintos do cinema: a caracola representa ao son porque este pode emanar dela ao soprar, o cabaliño de mar lémbranos pola súa forma a eses primeiros proxectores de cinema doméstico Pathé Baby de principios do século pasado, os delicados pétalos da flor á fráxil emulsión fotoquímica e a culebra desprázase na natureza do mesmo xeito no que o fai a película ao ser proxectada. Todos os deseños están tramados utilizando a técnica do op art trazando unha X sobre eles coa idea de xerar unha ilusión óptica. Deste xeito, a Mostra fai confluír estes raios X co X aniversario do festival aportándolle a todo unha sensación de vibración, de continuo movemento, que fai lembrar que o cinema pode estar en calquera parte, non só nas películas.

 

Mark Toscano, Bill Brand, Janine Marchessault e Ross Lipman

A conservación do cinema experimental como eixo principal

Neste décimo aniversario, o (S8) dedicaralle un foco á conservación e restauración de cinema experimental, que será o tema principal ao redor do que xirará gran parte da súa programación. Tratándose dun cinema á marxe da industria e cunhas especificidades moi precisas que impiden tratar a súa restauración como á do resto do cinema convencional, este campo foi avanzando grazas ao labor incansable, coñecemento e imaxinación, dunha serie de individuos e institucións. Tras dez anos de divulgación da cultura cinematográfica a través dos seus formatos orixinais, a Mostra séntese na obriga de tratar un tema de gran transcendencia como é a restauración e conservación do noso patrimonio audiovisual.

O foco estará composto por unha serie de master classes de expertos neste campo, complementadas con sesións de cinema restaurado, que culminará cunha mesa redonda formada por expertos e expertas no tema de gran prestixio internacional. Atendendo a isto,  Ross Lipman (Notfilm) presentará a súa conferencia performativa The Exploding Digital Inevitable, sobre a restauración de Crossroads, película de Bruce  Conner feita con material do exército americano e musicalizada por Terry Riley, á que lle seguirá a proxección do filme de Conner restaurado. Tamén contaremos coa presenza de Bill Brand, un dos pioneiros en materia de restauración de cinema experimental en formatos coma o 16mm e o super 8 a través da súa empresa radicada en Nova York BB Optics. Poderemos ver unha proxección dos filmes de Brand, intimamente ligados ao seu labor como restaurador. Mark Toscano, responsable do traballo de preservación de películas experimentais levado a cabo pola Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de América -encargada de organizar cada ano os coñecidos Premios Oscar-,  traerá ao CGAI – Centro Galego das Artes da Imaxe unha carta branca dalgunhas das súas máis brillantes obras restauradas, entre as que se inclúen nomes como Barbara  Hammer, James Benning e Thom Andersen, entre outros. Pola súa banda, a canadense Janine Marchessault falará nunha charla ilustrada sobre o seu proxecto Arquive/Counter-Arquive, no que se enfronta a retos aínda non resoltos como a preservación da imaxe en movemento dos últimos 50 anos (incluíndo a era dixital). Ademais, esta iniciativa busca activar a investigación e preservación do legado de cinema máis desprotexido ata agora: o creado por mulleres, pobos indíxenas e pola comunidade  LGBT2Q canadense, así como dos arquivos da comunidade de inmigrantes en Canadá.

Berlin Horse, Malcolm Le Grice

Malcom Le Grice, figura histórica do cinema experimental

Cada edición, a Mostra tenta tamén traer ata A Coruña a algunha figura histórica do cinema experimental. Nesta ocasión visitará o festival Malcolm Le Grice, un dos fundadores da mítica London Film-makers’ Co op e figura fundacional do cinema estrutural/materialista como creador, como teórico e como escritor.

Formado nas artes plásticas, Le Grice empezou os seus experimentos co cinema nos anos sesenta e setenta sendo un dos pioneiros do cinema expandido e a film performance desas décadas. Este artista, que foi tamén un dos primeiros en experimentar coas posibilidades do vídeo analóxico e da imaxe xerada por computador, aínda hoxe en día segue rompendo barreiras a través do seu singular uso do cinema dixital.

O festival repasará a súa extensísima carreira a través de dúas sesións que revisarán o seu cinema desde os sesenta ata hoxe, unha master class na que Le Grice falará do seu proceso creativo, e unha sesión que incluirá dúas das súas  icónicas e pioneiras film performances, así como dúas pezas multipantalla en 16mm.

X, Charlotte Pryce


Charlotte Pryce e as súas lanternas máxias visitarán por primeira vez o noso país

Outro dos nomes clave desta edición é o de Charlotte Pryce. A británica, que vive e traballa en Los Angeles, leva desde os oitenta creando películas ligadas en moitos casos á alquimia, á historia da arte e ao estudo da natureza. O seu traballo foina levando de volta ás orixes do cinema, derivando nos últimos anos en dúas performances con lanternas máxicas (o vello artefacto de proxección anterior á invención do cinema), que recupera e emprega de singular maneira e que se poderá ver no (S8) por primeira vez no noso país.

Con diapositivas de cristal creadas por ela mesma, un coidado deseño de son, reaccións químicas, ilusións ópticas, obxectos e dispositivos fantasmais, Pryce narraranos historias ao redor da percepción e aos limiares da realidade. Nestes tempos de hipercomunicación e  omnipresencia da imaxe en movemento, o traballo de Pryce conseguirá contaxiarlle ao público do século XXI ese asombro e conmoción que sentiron os primeiros espectadores nas orixes do cinema, tal e como quedou patente na recente retrospectiva que lle dedicou o Festival Internacional de Rotterdam.

 

Aitziber Olaskoaga e Pilar Monsell son o colectivo Prismáticas

 

Carta branca a LUX London e presentación do proxecto resultante da segunda edición das residencias de creación artística BAICC

Seguindo a estela da carta branca a unha distribuidora lendaria de cinema experimental, este ano Canyon Cinema cede a testemuña a LUX London, institución que xurdiu como cooperativa hai máis de 50 anos. María Palacios Cruz, a súa actual directora, elaborou para a ocasión unha selección de obras delicadas e significativas da colección que inclúe películas de cineastas como Margaret Tait, Luke Fowler, Manon de Boer e Laida Lertxundi, entre outras, baixo o nome “Nothing  is Something: Gestures from the Lux Collection”.

Por outra banda, BAICC, o programa de residencias artísticas internacionais que o (S8) leva a cabo xunto a Acción Cultural Española (AC/E) e o LIFT de Toronto, reafirma a forte aposta da Mostra pola formación e a creación artística en espazos alternativos. PMC–Principio Máquina de Coser foi a proposta das cineastas Aitziber  Olaskoaga e Pilar  Monsell, elixida entre os case 30 proxectos recibidos a pasada edición desta convocatoria. Elas son  Prismáticas, e o seu prototipo colaborativo, a  SEE(W)ING MACHINE, un proxector de 16mm que comenzaron a hackear para combinalo con pezas dunha máquina de coser. O resultado final deste traballo realizado ao longo de cinco semanas en Toronto poderase ver, en estrea mundial, o próximo 5 de xuño durante a 10ª Mostra de Cinema Periférico.

Prismáticas (Aitziber Olaskoaga e Pilar Monsell) están fortemente comprometidas co uso e manipulación do cinema analóxico, exlorando a potencialidade do proceso colectivo e de código aberto ao establecer encontros entre mulleres traballadoras de diferentes industrias, especialmente as industrias audiovisual e téxtil. A súa SEE(W)ING MACHINE permitirá que estas ideas se transformen no ambiente performativo, revelando o traballo frecuentemente invisible das mulleres.

E ademais, na décima edición do (S8)…

Completan a variada programación da Mostra de Cinema Periférico a xa anunciada sección “Vellos e novos amigos” que recolle, por unha banda, traballos recentes de cineastas que pasaron pola Coruña (como Saul Levine, Naomi  Uman, Jodie Mack, Stephen Broomer…) e por outro o traballo de “novas amizades” que se incorporan este ano así ao universo do festival.

A Mostra ofrecerá tamén unha homenaxe ao recentemente falecido Jonas Mekas a través de “Invisible Acts”, un programa elaborado por Andrea Franco e Javier Trigales ao redor dalgúns dos cineastas cuxa carreira impulsou dunha maneira ou outra Mekas.

O colectivo mexicano LEC – Laboratorio Experimental de Cine traerá ao festival unha selección do traballo dos seus cineastas e dúas performances da man de Elena Pardo, Morris Manuel Trujillo e Azucena Losana. Visitarán tamén a Mostra Madi Piller, cineasta peruana afincada en Canadá que traballa ao redor da animación, a experimentación cos soportes analóxicos e a memoria, e Stefano Canapa, que traerá unha das súas film  performances á sección Desbordamientos.

Ademais, a oferta deste décimo aniversario complétase con talleres de Madi Piller e  Jeannette Muñoz, unha exposición da fotógrafa Maria Meseguer que reúne a historia do festival en imaxes e as seccións Sinais e Sinais en Curto, cuxo contido se desvelará nas próximas semanas.

LEC-México, Azucena Losana e Stefano Canapa traen a film performance e a improvisación á nosa 10ª edición


A Mostra articulará na súa décima edición un foco arredor do colectivo mexicano LEC – Laboratorio Experimental de Cine,
espazo na Ciudade de México dedicado á difusión, creación e formación cinematográfica desde un enfoque multidisciplinar, híbrido e aberto á experimentación con formatos tradicionais. Este foco reúne unha selección de obras dos seus cineastas e dúas performances da man de Elena Pardo, Morris Manuel Trujillo e Azucena Losana, á que tamén se lle dedicará un programa especial sobre a súa filmografía en super 8 e 16mm.

O programa deseñado polos artistas e fundadores do LEC, Elena Pardo e Morris Manuel Trujillo, dividirase en dúas partes. Unha primeira que reúne un grupo de pezas de algúns cineastas que dan vida ao colectivo, como é o caso de Bruno Varela, Annalisa Quagliata e Manuela de Laborde; e unha segunda, cos resultados dunha residencia artística na que participaron cineastas como a propia Pardo ou Jael Jacobo e que tivo lugar nos lendarios estudios Churubusco, lugar onde se rodaron desde as máis grandes películas da era dourada do cine mexicano ata El ángel exterminador de Buñuel, as películas de Cantinflas e as primeiras películas de directores como Cuarón ou Arau.

Outro dos pratos fortes deste foco son as dúas performances que poderemos ver o vernes 7 de xuño na Fundación Luis Seoane, que evoca o espírito dun dos proxectos que precederon ao LEC: Trinchera Ensamble, mítico colectivo de improvisación audiovisual mexicano. Unha ocasión que volve reunir a Pardo e Trujillo con Azucena Losana, artista mexicana radicada en Bos Aires, nunha performance con multiproxección en 16mm sonorizada en vivo. Finalmente, este apartado péchase cunha sesión monográfica dedicada á obra da propia Losana, na que poderemos realizar un amplo percorrido pola súa filmografía en super 8 e 16mm, ademais de parte das súas performances en super 8, nun traballo que bebe tanto do metraxe encontrado e o amor polo celuloide en todas as súas formas, como da mirada empática e atenta, dividida entre o formal e o antropolóxico, que a cineasta posa sobre as persoas e lugares que a circundan.

O artista italiano Stefano Canapa incorpórase tamén á décima edición do (S8) dentro do programa de “Vellos e novos amigos” coa estrea no noso país da súa última película, The Sound Drifts, e coa film performance Wavelength, que terá lugar o xoves 6 de xuño na Fundación Luis Seoane. Nela colabora co músico Antoine Birot e combina a imaxe de catro proxectores de 16mm cos raios de tubos catódicos (os que se usaban nas antigas televisións). Cun dispositivo construído polo mesmo, un xerador de baixas frecuencias, Canapa manipulará en vivo as imaxes e os sons que veremos con impactantes resultados.

Dentro da celebración e balance dos dez anos do (S8), o festival presenta tamén un programa especial baixo o título “Vellos e novos amigos”, no que se combinan as pezas máis recentes -en moitos casos, estreas no noso país- dos cineastas que pasaron por anteriores edicións do (S8), xunto con traballos de creadoras e creadores afins ao universo da Mostra e cos que se expón unha complicidade vindeira. Un programa que mira ao pasado pero tamén ao futuro, e que reúne obras de Saul  Levine, Valentina Alvarado,  Janie Geiser, Robert Todd, Bruno Delgado Ramo, Naomi  Uman, Jeannette Muñoz, Stephen Broomer, Jodie Mack, Malena Szlam, Dan Browne, Jacques  Perconte e Stefano  Canapa.

 

Titoras INPUT 2019


INPUT é un espazo de titorización de proxectos cinematográficos en desenvolvemento que xorde da colaboración entre a Fundación Luis Seoane e o (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, mediante o que 3 autoras terán acceso a 3 profesionais de prestixio internacional do ámbito do cinema e da arte, con quen poderán discutir acerca dos seus proxectos, dende o estado de escritura e desenvolvemento até o de distribución.

Ate o 5 de maio estará aberto o prazo de envío de proxectos, que será totalmente gratuíto.

Aquí tes toda a información acerca da convocatoria: http://www.s8cinema.com/portal/gl/2019/04/abierta-la-convocatoria-de-input-2019/

Biografía das titoras

Pamela Biénzobas

Consultora, crítica e xornalista de cinema chileno-francesa. Ademais de dúas décadas escribindo de cinema, colaborando con revistas e libros de distintos países, ten traballado avaliando e asesorando proxectos, así como propoñendo candidatos para fondos e programas internacionais como Abycine Lanza, Torino Film Lab, Rawi (Xordania) ou Bellagio Center (Rockefeller Foundation), entre outros. Tamén traballa con festivais como Róterdam, Xixón ou Berlinale Forum.

María Morata

Comisaria e investigadora. Ten realizado proyectos artísticos e programas audiovisuais para distintos museos, festivais e institucións artísticas (Arsenal-Institut for Film and Videoart Berlin, CCCB, MACBA e Centre Arts Santa Mònica Barcelona, Sterischer Herbst Graz, Impakt Festival Utrecht, Intermediae Matadero e La Casa Encendida, entre outros). Membro do comité de selección Berlinale Shorts do Festival Internacional de Berlín, Dok Leipzig e Kasseler DokFest.

María Palacios

María Palacios Cruz é responsable da especialidade de comisariado na Elias Querejeta Zine Eskola (San Sebastián), directora adxunta de LUX (Londres) e co-fundadora de The Visible Press. Ademais é programadora para Punto de Vista (Pamplona) e el Festival Courtisane en Bélxica. Acaba de editar a antología dos escritos de Lis Rhodes titulada Telling Invents Told (2019).