Calendario (S8) 2019
Xa podedes descargar o calendario completo do (S8) 2019.
Tomen nota e organicen as súas axendas. Vémonos en Coruña do 31 de maio ao 9 de xuño!
Xa podedes descargar o calendario completo do (S8) 2019.
Tomen nota e organicen as súas axendas. Vémonos en Coruña do 31 de maio ao 9 de xuño!
Venres 31 de maio, de 11h a 14h e de 16h a 20h
E sábado 1 de xuño, de 11h a 14h e de 16h a 20h
Número de prazas: 8
Inscrición: en [email protected]
Prezo: 80€
Horarios: De 11h a 14h e de 16h a 20h.
Lugar: XIZ Montealto (C/ Santa Teresa, Nº10, baixo. 15002, A Coruña)
A peruana afincada en Canadá Madi Piller leva desde hai dúas décadas “cas mans na masa”, traballando de maneira directa e íntima co material fílmico, e explotando todas as súas calidades a través de distintos medios. Coa acción directa sobre a tira de película, deu forma a multitude de traballos (desde películas a performances): unha práctica que difundirá a través deste taller no que se convida a xerar unha peza colectiva a modo de filme performance.
Neste taller, botaremos man de materiais fílmicos usados (en 35mm e 16mm), atopados ou caducados, que serán manipulados con materiais químicos e orgánicos, pintando, cortando, ou rasgando: todo vale cando se trata de facer cinema sen cámara. O taller tamén inclúe un apartado especial dedicado ao son, no que se aproveitará o son óptico dos proxectores de 16mm: toda imaxe contén un son, que tamén será manipulado de formas diversas.
Coas obras resultantes en 16mm, e coas dixitalizacións do 35mm manipulado, construirase unha performance colectiva que será presentada publicamente o domingo 2 de xuño ás 19 horas na Sala (S8) PALEXCO.
O taller está dirixido a todas aquelas persoas interesadas na creación artística e fílmica e/ou que desexen incorporar o traballo con celuloide atopado á súa práctica. Non é necesario contar con coñecementos previos nesta área.
Neste décimo aniversario da Mostra, que se celebrará entre os próximos 31 de maio e 9 de xuño, a sección SINAIS volve despregarse en diversas iniciativas: por unha banda, o festival dedicaralle unha sesión monográfica á artista, fotógrafa e cineasta galega Carla Andrade e, por outra, acollerá a estrea mundial do filme 7 Limbos, de Alexandre Candelo e Berio Molina, cruce entre cinema e arte contemporánea, que irá acompañada dunha serie de accións performativas que prolongarán a experiencia cinematográfica por diferentes espazos da cidade da Coruña máis aló da proxección.
A sesión monográfica arredor da obra de Andrade, que estará conducida por Xisela Franco, xirará arredor da súa evolución e posicionamento como artista e achegarase a influencias de outros creadores e creadoras de diferentes países e cidades no que Carla Andrade residiu nos últimos anos. No encontro, a artista amosará tamén a súa relación íntima con Galicia, coa natureza, co territorio, co baleiro concibido como un lugar cheo de posibilidades, ilimitado e reivindicará o seu papel de muller que trata de buscar a súa propia linguaxe. O programa acollerá a proxección de pezas como Listen to me, Sibila, El paisaje está vacío y el vacío es paisaje , Geometría de ecos I e Magma.
O filme experimental 7 Limbos, pola súa banda, supón a suma de forzas entre Alexandre Cancelo, guionista e realizador, e Berio Molina, cuxa actividade xira en torno á arte sonora, de acción e interactiva. Trátase un cruzamento entre cinema e arte contemporáneo no que sete grupos de enmascarados percorren diferentes paisaxes. Cos seus movementos golpean o chan das cidades, permanecen quietos esperando o ruído da ruína e capturan o vento coas súas vestimentas. 7 Limbos é unha viaxe sonora polas veladuras do espectral que nos conducirá por diferentes experiencias en diversos escenarios fantasmais e evocadores a través de Europa da man dos artistas Miguel Prado, Alejandra Pombo, Nick Papadimitriou, Alberto R. Samaniego, Ignacio Castro, Loreto Martínez e Isaac Cordal.
Sinais en Curto: migración, memoria e ausencias
A sección Sinais en Curto volve traer, un ano máis, unha selección de traballos arriscados e vangardistas feitos por creadores e creadoras de Galicia. O percorrido que festival propón nesta décima edición configura unha especie de historia subterránea de migración, unha peza clave da identidade e o espírito desta terra. Un percorrido que comeza na illa de San Simón, na que a celebración do festival Sinsal dá pé á creación dunha peza que se estende máis aló do rexistro cara a rexións poéticas e evocadoras.
Dentro do programa Sinais en Curto amosaranse as obras máis recentes dos creadores e creadoras Alexandre Cancelo, Margarita Ledo, Sol Mussa, Alberte Pagán, Carlos Martínez-Peñalver, Adrián Canoura, Samuel Delgado e Helena Girón, que xirarán arredor da idea de migración, a memoria e as ausencias.
Ilha, de Alexandre Cancelo (tamén presente en Sinais con 7 Limbos, codirixida con Berio Molina), crea e recrea a través dun dispositivo sonoro as voces dun pasado incerto. A auga branca, da creadora e investigadora Margarita Ledo, fainos chegar desde a súa peza o eco de quen se foi da terra para non volver, e que lembra desde Extremadura a Galicia e ás súas fontes de auga branca. A emigración desde o presente é o que aborda Stockroom, de Sol Mussa Juane, coa sombra do Brexit axexando Europa. Unha peza que trata a imaxe de vídeo desdobrándoa e dándolle outra dimensión, mostrando como vive o migrante hoxe en día. Uluru, do cineasta, escritor e investigador Alberte Pagán, é un punto de inflexión na sesión, a través da súa construción dunha posible arquitectura do espazo a través do cinema, e da memoria presente dunha viaxe a un sitio sacro. Con Como desaparecer, de Carlos Martínez-Peñalver, empréndese o camiño de volta cara a Galicia, un camiño no que regresar é unha forma de desaparecer. Adrián Canoura, pola súa banda, retrata en Rexistros. Xeografía de San Sadurniño os espazos baleiros que deixaron os que se foron tras de si, a través da súa experimentación sensorial co vídeo analóxico. Pecha a sesión Irmandade, nova peza de Helena Girón e Samuel Delgado, que co seu distintivo halo esotérico retratan aos que quedaron, nunha procura da esencia do espírito das revoltas pasadas dun pobo combativo.
Alégranos facer públicos os tres proxectos seleccionados para participar en INPUT 2019. Esta selección realizouse entre 27 proxectos, moitos deles de grande interese e calidade, o que fixo moi difícil o proceso de selección. As directoras dos proxectos escollidos disporán de dúas xornadas durante as que poderán contar co asesoramento de profesionais de prestixo internacional para facer medrar os seus filmes.
MARIA ISABEL ACOSTA ALFARO – BOMBARDEAR LAS NUBES
Licenciada en Comunicación Social, María Isabel Acosta obtivo a mención en Artes Audiovisuales en Caracas, Venezuela. Dende o 2017 reside en España, onde ten profundizado nos seus estudos dentro do campo do cinema documental e de vangarda.
Bombardear nubes supón nun principio o acto de desnaturalizar un elemento. Partindo desta premisa, o proxecto aborda dous conceptos de desnaturalización para crear entre eles unha analoxía poética na cal o proceso de bombardear nubes encontra a súa relación coa migración forzada que atravesa actualmente Venezuela.
MAIDER FERNÁNDEZ IRIARTE – EL MÉDICO CURA
Maider Fernández Iriarte (Donostia, 1988) é artista e cineasta. Os seus traballos teñen sido recoñecidos e exhibidos en numerosos festivais e centros de arte, como o Festival de San Sebastián, Festival Europeo de Sevilla, FICXixón, Festival de Málaga, Zinebi, DA2, IVAM ou L’Alternativa, varios deles como parte do colectivo Las chicas de Pasaik. Actualmente está finalizando a súa primeira longametraxe, Las letras de Jordi, gañadora do premio Ikusmira Berriak 2017 do Festival de San Sebastián.
El médico cura é un díptico audiovisual que explora a relación que se dá entre o relixioso e o científico, entre o físico e o sagrado no Santuario de Lourdes. Como pode reforzar a ciencia a crenza nos milagres?
XIANA DO TEIXEIRO – CRÍAS
Xiana do Teixeiro (de Walkie Talkie Films) é cineasta e investigadora galega. Traballa dende o ecofeminismo en proxectos sobre a construción e o significado social do xénero e a narrativa especista do antropoceno. É a autora de Tódalas mulleres que coñezo (2018), Somos Plaga (2017) e Carretera de una sola dirección (2016), entre outros proxectos.
Crías, película-revelación, saca á luz o obxecto oculto do diario secreto de adolescencia feminina. No filme desplégase un autorrelato fragmentado que cuestiona todas as outras narracións sobre a experiencia xuvenil feminina. A vida das mulleres debúxase como un proceso de discontinuidades, algo que, para avanzar, ha de negarse.
CRÍAS é un libro filmado, un arquivo, un manifesto e un segredo.
INPUT é un espazo de titorización de proxectos cinematográficos en desenvolvemento que xorde da colaboración entre a Fundación Luís Seoane e o (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, mediante o que 3 autoras terán acceso a 3 profesionais de prestixio internacional do ámbito do cine e a arte, con quen poderán discutir arredor dos seus proxectos, desde o estado de escritura e desenvolvemento ata o de distribución.
As titorías terán lugar na Fundación Luís Seoane de A Coruña o 31 de maio e o 1 de xuño no contexto do (S8) 9ª Mostra Internacional de Cinema Periférico.
A imaxe desta décima edición está protagonizada por unha caracola, un cabaliño de mar, unha culebra e unha flor radiografadas, evocando a catro dos alicerces básicos do cinema como son o son, o proxector, a película e a emulsión fotoquímica.
Malcom Le Grice, figura histórica do cinema experimental, impartirá unha master class na que falará sobre o seu proceso creativo e protagonizará unha sesión que incluirá dúas das súas máis icónicas filme performances, así como dúas pezas multipantalla en 16mm.
A artista Charlotte Pryce levará a cabo por primeira vez no noso país unha performance con lanternas máxicas, artefactos de proxección anteriores á invención do cinema.
A conservación de cinema experimental será o tema principal ao redor do que xirará gran parte da programación do festival, que contará con expertos na materia de prestixio internacional como Bill Brand, Ross Lipman, Mark Toscano e Janine Marchessault.
A Coruña, 8 de maio do 2019. – O (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico presenta hoxe a programación da súa décima edición, que se desenvolverá desde o 31 de maio ata o 9 de xuño na Coruña. A imaxe escollida para celebrar estes dez anos ten como protagonistas a catro elementos vistos con raios X inspirados nas primeiras radiografías levadas a cabo por Josef Maria Eder en 1896 para ver que había dentro deles. Dalgún modo, a Mostra leva dez anos radiografando o cinema buscando tamén a súa alma e a súa esencia.
As catro imaxes seleccionadas simbolizan catro factores distintos do cinema: a caracola representa ao son porque este pode emanar dela ao soprar, o cabaliño de mar lémbranos pola súa forma a eses primeiros proxectores de cinema doméstico Pathé Baby de principios do século pasado, os delicados pétalos da flor á fráxil emulsión fotoquímica e a culebra desprázase na natureza do mesmo xeito no que o fai a película ao ser proxectada. Todos os deseños están tramados utilizando a técnica do op art trazando unha X sobre eles coa idea de xerar unha ilusión óptica. Deste xeito, a Mostra fai confluír estes raios X co X aniversario do festival aportándolle a todo unha sensación de vibración, de continuo movemento, que fai lembrar que o cinema pode estar en calquera parte, non só nas películas.
A conservación do cinema experimental como eixo principal
Neste décimo aniversario, o (S8) dedicaralle un foco á conservación e restauración de cinema experimental, que será o tema principal ao redor do que xirará gran parte da súa programación. Tratándose dun cinema á marxe da industria e cunhas especificidades moi precisas que impiden tratar a súa restauración como á do resto do cinema convencional, este campo foi avanzando grazas ao labor incansable, coñecemento e imaxinación, dunha serie de individuos e institucións. Tras dez anos de divulgación da cultura cinematográfica a través dos seus formatos orixinais, a Mostra séntese na obriga de tratar un tema de gran transcendencia como é a restauración e conservación do noso patrimonio audiovisual.
O foco estará composto por unha serie de master classes de expertos neste campo, complementadas con sesións de cinema restaurado, que culminará cunha mesa redonda formada por expertos e expertas no tema de gran prestixio internacional. Atendendo a isto, Ross Lipman (Notfilm) presentará a súa conferencia performativa The Exploding Digital Inevitable, sobre a restauración de Crossroads, película de Bruce Conner feita con material do exército americano e musicalizada por Terry Riley, á que lle seguirá a proxección do filme de Conner restaurado. Tamén contaremos coa presenza de Bill Brand, un dos pioneiros en materia de restauración de cinema experimental en formatos coma o 16mm e o super 8 a través da súa empresa radicada en Nova York BB Optics. Poderemos ver unha proxección dos filmes de Brand, intimamente ligados ao seu labor como restaurador. Mark Toscano, responsable do traballo de preservación de películas experimentais levado a cabo pola Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de América -encargada de organizar cada ano os coñecidos Premios Oscar-, traerá ao CGAI – Centro Galego das Artes da Imaxe unha carta branca dalgunhas das súas máis brillantes obras restauradas, entre as que se inclúen nomes como Barbara Hammer, James Benning e Thom Andersen, entre outros. Pola súa banda, a canadense Janine Marchessault falará nunha charla ilustrada sobre o seu proxecto Arquive/Counter-Arquive, no que se enfronta a retos aínda non resoltos como a preservación da imaxe en movemento dos últimos 50 anos (incluíndo a era dixital). Ademais, esta iniciativa busca activar a investigación e preservación do legado de cinema máis desprotexido ata agora: o creado por mulleres, pobos indíxenas e pola comunidade LGBT2Q canadense, así como dos arquivos da comunidade de inmigrantes en Canadá.
Malcom Le Grice, figura histórica do cinema experimental
Cada edición, a Mostra tenta tamén traer ata A Coruña a algunha figura histórica do cinema experimental. Nesta ocasión visitará o festival Malcolm Le Grice, un dos fundadores da mítica London Film-makers’ Co op e figura fundacional do cinema estrutural/materialista como creador, como teórico e como escritor.
Formado nas artes plásticas, Le Grice empezou os seus experimentos co cinema nos anos sesenta e setenta sendo un dos pioneiros do cinema expandido e a film performance desas décadas. Este artista, que foi tamén un dos primeiros en experimentar coas posibilidades do vídeo analóxico e da imaxe xerada por computador, aínda hoxe en día segue rompendo barreiras a través do seu singular uso do cinema dixital.
O festival repasará a súa extensísima carreira a través de dúas sesións que revisarán o seu cinema desde os sesenta ata hoxe, unha master class na que Le Grice falará do seu proceso creativo, e unha sesión que incluirá dúas das súas icónicas e pioneiras film performances, así como dúas pezas multipantalla en 16mm.
Charlotte Pryce e as súas lanternas máxias visitarán por primeira vez o noso país
Outro dos nomes clave desta edición é o de Charlotte Pryce. A británica, que vive e traballa en Los Angeles, leva desde os oitenta creando películas ligadas en moitos casos á alquimia, á historia da arte e ao estudo da natureza. O seu traballo foina levando de volta ás orixes do cinema, derivando nos últimos anos en dúas performances con lanternas máxicas (o vello artefacto de proxección anterior á invención do cinema), que recupera e emprega de singular maneira e que se poderá ver no (S8) por primeira vez no noso país.
Con diapositivas de cristal creadas por ela mesma, un coidado deseño de son, reaccións químicas, ilusións ópticas, obxectos e dispositivos fantasmais, Pryce narraranos historias ao redor da percepción e aos limiares da realidade. Nestes tempos de hipercomunicación e omnipresencia da imaxe en movemento, o traballo de Pryce conseguirá contaxiarlle ao público do século XXI ese asombro e conmoción que sentiron os primeiros espectadores nas orixes do cinema, tal e como quedou patente na recente retrospectiva que lle dedicou o Festival Internacional de Rotterdam.
Carta branca a LUX London e presentación do proxecto resultante da segunda edición das residencias de creación artística BAICC
Seguindo a estela da carta branca a unha distribuidora lendaria de cinema experimental, este ano Canyon Cinema cede a testemuña a LUX London, institución que xurdiu como cooperativa hai máis de 50 anos. María Palacios Cruz, a súa actual directora, elaborou para a ocasión unha selección de obras delicadas e significativas da colección que inclúe películas de cineastas como Margaret Tait, Luke Fowler, Manon de Boer e Laida Lertxundi, entre outras, baixo o nome “Nothing is Something: Gestures from the Lux Collection”.
Por outra banda, BAICC, o programa de residencias artísticas internacionais que o (S8) leva a cabo xunto a Acción Cultural Española (AC/E) e o LIFT de Toronto, reafirma a forte aposta da Mostra pola formación e a creación artística en espazos alternativos. PMC–Principio Máquina de Coser foi a proposta das cineastas Aitziber Olaskoaga e Pilar Monsell, elixida entre os case 30 proxectos recibidos a pasada edición desta convocatoria. Elas son Prismáticas, e o seu prototipo colaborativo, a SEE(W)ING MACHINE, un proxector de 16mm que comenzaron a hackear para combinalo con pezas dunha máquina de coser. O resultado final deste traballo realizado ao longo de cinco semanas en Toronto poderase ver, en estrea mundial, o próximo 5 de xuño durante a 10ª Mostra de Cinema Periférico.
Prismáticas (Aitziber Olaskoaga e Pilar Monsell) están fortemente comprometidas co uso e manipulación do cinema analóxico, exlorando a potencialidade do proceso colectivo e de código aberto ao establecer encontros entre mulleres traballadoras de diferentes industrias, especialmente as industrias audiovisual e téxtil. A súa SEE(W)ING MACHINE permitirá que estas ideas se transformen no ambiente performativo, revelando o traballo frecuentemente invisible das mulleres.
E ademais, na décima edición do (S8)…
Completan a variada programación da Mostra de Cinema Periférico a xa anunciada sección “Vellos e novos amigos” que recolle, por unha banda, traballos recentes de cineastas que pasaron pola Coruña (como Saul Levine, Naomi Uman, Jodie Mack, Stephen Broomer…) e por outro o traballo de “novas amizades” que se incorporan este ano así ao universo do festival.
A Mostra ofrecerá tamén unha homenaxe ao recentemente falecido Jonas Mekas a través de “Invisible Acts”, un programa elaborado por Andrea Franco e Javier Trigales ao redor dalgúns dos cineastas cuxa carreira impulsou dunha maneira ou outra Mekas.
O colectivo mexicano LEC – Laboratorio Experimental de Cine traerá ao festival unha selección do traballo dos seus cineastas e dúas performances da man de Elena Pardo, Morris Manuel Trujillo e Azucena Losana. Visitarán tamén a Mostra Madi Piller, cineasta peruana afincada en Canadá que traballa ao redor da animación, a experimentación cos soportes analóxicos e a memoria, e Stefano Canapa, que traerá unha das súas film performances á sección Desbordamientos.
Ademais, a oferta deste décimo aniversario complétase con talleres de Madi Piller e Jeannette Muñoz, unha exposición da fotógrafa Maria Meseguer que reúne a historia do festival en imaxes e as seccións Sinais e Sinais en Curto, cuxo contido se desvelará nas próximas semanas.