Posts etiquetados en ‘Janie Geiser’

LEC-México, Azucena Losana e Stefano Canapa traen a film performance e a improvisación á nosa 10ª edición


A Mostra articulará na súa décima edición un foco arredor do colectivo mexicano LEC – Laboratorio Experimental de Cine,
espazo na Ciudade de México dedicado á difusión, creación e formación cinematográfica desde un enfoque multidisciplinar, híbrido e aberto á experimentación con formatos tradicionais. Este foco reúne unha selección de obras dos seus cineastas e dúas performances da man de Elena Pardo, Morris Manuel Trujillo e Azucena Losana, á que tamén se lle dedicará un programa especial sobre a súa filmografía en super 8 e 16mm.

O programa deseñado polos artistas e fundadores do LEC, Elena Pardo e Morris Manuel Trujillo, dividirase en dúas partes. Unha primeira que reúne un grupo de pezas de algúns cineastas que dan vida ao colectivo, como é o caso de Bruno Varela, Annalisa Quagliata e Manuela de Laborde; e unha segunda, cos resultados dunha residencia artística na que participaron cineastas como a propia Pardo ou Jael Jacobo e que tivo lugar nos lendarios estudios Churubusco, lugar onde se rodaron desde as máis grandes películas da era dourada do cine mexicano ata El ángel exterminador de Buñuel, as películas de Cantinflas e as primeiras películas de directores como Cuarón ou Arau.

Outro dos pratos fortes deste foco son as dúas performances que poderemos ver o vernes 7 de xuño na Fundación Luis Seoane, que evoca o espírito dun dos proxectos que precederon ao LEC: Trinchera Ensamble, mítico colectivo de improvisación audiovisual mexicano. Unha ocasión que volve reunir a Pardo e Trujillo con Azucena Losana, artista mexicana radicada en Bos Aires, nunha performance con multiproxección en 16mm sonorizada en vivo. Finalmente, este apartado péchase cunha sesión monográfica dedicada á obra da propia Losana, na que poderemos realizar un amplo percorrido pola súa filmografía en super 8 e 16mm, ademais de parte das súas performances en super 8, nun traballo que bebe tanto do metraxe encontrado e o amor polo celuloide en todas as súas formas, como da mirada empática e atenta, dividida entre o formal e o antropolóxico, que a cineasta posa sobre as persoas e lugares que a circundan.

O artista italiano Stefano Canapa incorpórase tamén á décima edición do (S8) dentro do programa de “Vellos e novos amigos” coa estrea no noso país da súa última película, The Sound Drifts, e coa film performance Wavelength, que terá lugar o xoves 6 de xuño na Fundación Luis Seoane. Nela colabora co músico Antoine Birot e combina a imaxe de catro proxectores de 16mm cos raios de tubos catódicos (os que se usaban nas antigas televisións). Cun dispositivo construído polo mesmo, un xerador de baixas frecuencias, Canapa manipulará en vivo as imaxes e os sons que veremos con impactantes resultados.

Dentro da celebración e balance dos dez anos do (S8), o festival presenta tamén un programa especial baixo o título “Vellos e novos amigos”, no que se combinan as pezas máis recentes -en moitos casos, estreas no noso país- dos cineastas que pasaron por anteriores edicións do (S8), xunto con traballos de creadoras e creadores afins ao universo da Mostra e cos que se expón unha complicidade vindeira. Un programa que mira ao pasado pero tamén ao futuro, e que reúne obras de Saul  Levine, Valentina Alvarado,  Janie Geiser, Robert Todd, Bruno Delgado Ramo, Naomi  Uman, Jeannette Muñoz, Stephen Broomer, Jodie Mack, Malena Szlam, Dan Browne, Jacques  Perconte e Stefano  Canapa.

 

Janie Geiser. O xardín secreto

Lamentamos que a entrada non está dispoñible

Alehop! A conta atrás comeza

 

Dziga Vertov salta

Fai cousa de once meses pechábamos a segunda edición do (S8). Nos corredores do Antigo Cárcere Provincial da Coruña, unha espectral performance en 3D da sin par Zoe Beloff levábanos a outra dimensión, trasladábanos a unha terra imposible atrapada entre o pasado e o presente nunha psicofonía visual. Un xeito de culminar uns días que nos depararon non poucas experiencias sobrenaturais. Puidemos, por exemplo, experimentar en compañía de Nathaniel Dorsky o seu cine devoto, unha sensación que nos traspasou de arriba a abaixo. Tamén, nunha máxica noite coruñesa, Guy Sherwin y Lynn Loo protagonizaron un encontro difícil de esquecer entre o cine performativo e os sons da naturaleza. A Metrópolis de Fritz Lang tamén renaceu, con 20 minutos de metraxe reatopado despois de longos anos, e coa emoción dunha banda sonora interpretada en directo pola Orquesta Filarmónica Cidade de Pontevedra. info