Takahiko Iimura, considerado o pai do cinema de vangarda xaponés, protagonizará unha Edición Especial á que se suma a presencia en Coruña de Daïchi Saïto, o colectivo artístico (+) cos seus tres fundadores (Takashi Makino, Rei Hayama e Shinkan Tamaki) e Teruo Koike, xoia agochada do Super 8 nipón
Katsuben – Benshi: ‘Narradores do Silencio’. A vella tradición do cinema mudo xaponés verase por primeira vez en España na gala inaugural da quinta edición
O (S8) 5ª Mostra de Cinema Periférico terá lugar do 4 ao 8 de xuño na Coruña. O certame contará con diferentes espazos no centro da cidade para albergar proxeccións, instalacións, exposicións e performances, obradoiros infantís e encontros cos cineastas convidados. A sede principal volve ser, como en 2013, o edificio do Centro Sociocultural Fundación Novacaixagalicia, mentres que no Teatro Rosalía de Castro a Mostra dará o pistoletazo de saída na tarde do mércores 4 de xuño. O patio da Fundación Luís Seoane será o lugar de encontro para as noites de performance de cinema expandido, un dos elementos identidarios do (S8). O CGAI, colaborador do festival dende os seus inicios, albergará diversos programas deste Especial Xapón. Por outra parte, o Kiosco Alfonso convértese no punto de encontro co público infantil e sede do Mini (S8), unha das seccións máis participativas dentro da programación do festival.
ANO DUAL ESPAÑA – XAPÓN 2014
Para a súa quinta edición, o (S8) conta coa participación de Xapón como país convidado, unha das cinematografías máis suxestivas e importantes da historia do cinema. Esta Edición Especial formará parte das actividades que se están desenvolvendo no noso país durante o 2014, dentro do Ano Dual España-Xapón. Isto convertirá, durante as datas do festival á cidade da Coruña, no foco principal deste evento internacional que conmemora os 400 anos de relacións entre ambos países.
Nesta Edición Especial Xapón o (S8) abordará o pasado, presente e futuro da cultura cinematográfica xaponesa, desenvolvendo un amplo programa que vai dende as súas orixes aos nosos días, facendo especial fincapé nas vangardas, as novas expresións e os novos cineastas xaponeses que estarán presentes durante a Mostra.
KATSUBEN – BENSHI. ‘NARRADORES DO SILENCIO’
A Coruña será a cidade que teña o privilexio de acoller por primeira vez no noso país unha das artes narrativas máis representativas das orixes do cinema xaponés e única a nivel mundial. A modo de gala inaugural, a representación terá lugar no Teatro Rosalía de Castro da Coruña á tarde do mércores 4 de xuño a partir das 20h. En colaboración coa Fundación Xapón e grazas ao traballo da experta Nieves Moreno, o (S8) e o Concello da Coruña, a través da súa Concellería de Cultura, realizan esta homenaxe á cinematografía nipoa de inicios do século XX.
A figura do benshi ou katsuben, foi decisiva na formación do cinema xaponés, e un exemplo da gran variedade das artes narrativas que ofrece a cultura xaponesa. O período chamado de “cine mudo” foi unha etapa rica en experimentación no uso de variadas técnicas sonoras herdadas da tradición oral e teatral. Aínda que o cinema xaponés dende os seus inicios nunca foi mudo, sempre estivo acompañado do elemento narrativo e da música en directo.
Para a representación que terá lugar na gala de inauguración da Mostra contaremos coa presenza do benshi Raiko Sakamoto. Este narrador de cinema mudo xaponés pertence á escola Matsuda, a máis prestixiosa de Xapón, que se encargou de manter viva ata a actualidade esta vella profesión. A figura do benshi segue tendo repercusión a día de hoxe, non só entre os entendidos e estudosos do cinema xaponés, senón tamén entre o público xeral. Por outra parte, Joichi Yuasa interpretará co shamisen (o máis famoso instrumento de corda xaponés) a banda sonora de Jirokichi the Rat (1931), a única película muda integramente conservada do lendario director Daisuke Ito.
O 2 de xuño Nieves Moreno dará unha conferencia na Coruña sobre a tradición do cinema mudo en Xapón como antesala da sesión de Katsuben – Benshi que abre a programación da quinta edición da Mostra.
Nieves Moreno é licenciada en Estudos Asiáticos pola Universidade Autónoma de Madrid. Grazas ao apoio de institucións públicas xaponesas foi investigadora na Universidade Waseda de Tokio no departamento de Cinema e Teatro por un período de tres anos. Nestes momentos atópase terminando a súa tese doutoral sobre as orixes do cinema en Xapón na Universidade Autónoma de Madrid, da que é investigadora en formación.
TAKAHIKO IIMURA: FLUXUS, YOKO ONO E CINEMA DE CULTO
O (S8) contará para a súa quinta edición cun dos grandes mestres do cinema experimental internacional: Takahiko Iimura. Membro dun selecto grupo no que entrarían nomes como Peter Kubelka, Stan Brakhage, Michael Snow ou Jonas Mekas, Iimura está considerado coma o pai da vangarda do cinema xaponés. Na Coruña, o público do festival poderá acceder a un programa completo da súa obra, deseñado polo propio autor e en formato orixinal 16mm. Ademais, do 4 ao 8 de xuño, na propia sede da Fundación Novacaixagalicia, poderemos ver a instalación As I See You You See Me que o propio Iimura activará en directo mediante unha intervención artística. A participación do autor completarase coa performance en 8mm White Calligraphy, Re-Read e un encontro cos espectadores moderado pola experta en cinema de vangarda Esperanza Collado.
Destacado pola súa exploración dos materiais, os fundamentos conceptuais e o seu rigor intelectual con certos toques de humor, Iimura coincidiu con Jonas Mekas en 1964 no Festival Internacional de Cinema Independente de Brusxlas, onde se levou un Premio Especial pola súa película Onan (1963). A raíz deste encontro, Mekas pediu a Yoko Ono que levase as obras de Iimura a Nova York, cousa que fixo. Aínda que a relación con Ono remóntase a 1962:
“En realidade nunca fun parte de Fluxus, senón un amigo que a miúdo axudaba a filmar acontecementos Fluxus. Para entón xa traballara con Yoko Ono, á que coñecín en Xapón cando asistía ás súas performances. Ensineille as miñas películas e ela creou a banda sonora da miña película Ai/Love, en 1962. Nove anos máis tarde, en 1971, fixen unha película que gravei durante a súa exposición Yoko Ono: This Is Not Here, na que tambén aparecía John Lennon” (Takahiko Iimura a Esperanza Collado nunha entrevista para BlogsandDocs, febreiro 2010)1.
Ademais, en 1985, Iimura publicou unha das primeiras biografías autorizadas de Yoko Ono.
‘THROUGH A REARVIEW MIRROR: JAPANESE EXPERIMENTAL FILMS REVISITED’: PROGRAMA ESPECIAL SOBRE A HISTORIA DA VANGARDA CINEMATOGRÁFICA EN XAPÓN DESEÑADO POLO CINEASTA DAÏCHI SAÏTO
Se Takahiko Iimura está considerado o ‘pai’ da vangarda xaponesa, Daïchi Saïto sería o ‘fillo’. Orixinario de Xapón, pero cultivado nos estudos de literatura e filosofía nos Estados Unidos, Saïto ten o seu lugar de residencia en Montréal, onde é co-fundador do colectivo artístico Double Negative dedicado á exhibición, difusión e produción do cinema experimental. En 2010, a súa película Trees of Syntax, Leaves of Axis alzouse co máximo galardón do 48º Ann Arbor Film Festival, un dos certames de vangarda cinematográfica de maior prestixio a nivel mundial. Ese mesmo ano Saïto gañou o Gran Premio do Xurado no 16º Festival de Media City en Canadá.
Este cineasta recibiu o convite do (S8) para programar na súa quinta edición un programa especial sobre a historia do cinema de vangarda en Xapón no que o autor nipón dará conta de aqueles títulos que considera imprescindibles e que influenciaron parte do seu traballo. Realidades familiares rexistradas en espazos bucólicos, traballos sobre a relación entre a realidade material e a realidade representada, un caleidoscópico retrato de Andy Warhol, cinema sobre cinema, película sobre película, son os contidos e intencións de obras como A Woman with Two Heads – A Shadow Film (Shuji Terayama, 1977), Drill (Takashi Ito, 1983) ou Andy Warhol: Re-reproduction (Toshio Matsumoto, 1974).
Ademais, o público poderá acceder a parte da obra do propio Saïto, unha selección de películas que viaxaron polos festivais, galerías, museos e filmotecas máis importantes do mundo.
GRUPO (+): TAKASHI MAKINO – REI HAYAMA– SHINKAN TAMAKI
O futuro da vangarda cinematográfica xaponesa pasa por tres novos cineastas que xuntos forman a agrupación artística (+), un dos principais axentes para a difusión e creación do cinema experimental en Xapón. Esta plataforma de creación e innovación está encabezada por Takashi Makino, realizador de referencia no panorama internacional e habitual de festivais da talla de Ann Arbor, Rotterdam, 25FPS Zagreb, entre outros. Makino cualifica as súas películas de “xeradores para a imaxinación”. Unha etiqueta en torno á que xiran a abstracción orgánica, unha relación directa da obra co espectador a través da estimulación de sensacións e memorias persoais, unha mestura de imaxe dixital e analóxica onde a música xoga un papel fundamental. O cineasta colaborou con músicos como Jim O’Rourke, Tara Jean O’Neill, Colleen, Chris Corsano e Lawrence English.
O (S8) dedícalle a Makino dúas sesións. A primeira será a estrea en España da súa última película Phantom Nebula (2014) na que o artista chega a superpor ata 10 mil capas de imaxe. No segundo programa o público do festival poderá visionar a súa película 2012 e experimentar os efectos da ‘tormenta de ruído cósmico´ da performance Space Noise 3D, 30 minutos de vídeo e 16mm propulsados por un son mesmerizante.
Rei Hayama, tamén presente no (S8), é cofundadora do grupo (+). Coa ollada posta na natureza en oposición e contraste coas creacións humanas, o seu cinema condensa un estado da visión puro e primitivo. Cun traballo que parte, en moitas ocasións, do celuloide procesado a man refilmado e manipulado, Hayama desenterra o poder oculto en certas imaxes para construír filmes ao borde dunha narración abstracta.
Shinkan Tamaki pecha a terna de fundadores de (+) que visitarán A Coruña en xuño. O alto contraste, a distinción entre figura e fondo, os pregos, as sombras, a imaxe negativa e positiva, a experimentación co espectro lumínico, as pegadas e as marcas deixadas polos procesos analóxicos, son algúns dos recursos que Tamaki emprega no seu cinema. Xogos de percepción que se apoian nos erros da visión humana, as películas de Shinkan teñen un elevado factor pedagóxico que aposta pola educación da ollada.
Shinkan Tamaki e Rei Hamaya completan a súa participación con sendas vídeo instalacións que poderán visitarse na Fundación Luís Seoane.
ECOSISTEMAS EN CELULOIDE. TERUO KOIKE, A XOIA AGOCHADA DO SUPER 8 XAPONÉS
Coa secreta dedicación e coidado dun naturalista (botánico, xeólogo e entomólogo á vez) Teruo Koike entregouse dende hai tres décadas ao meticuloso armado dun planeta confeccionado de acordo aos seus propios parámetros. Tarefa que podería verse tamén como un inventario vexetal, animal e mineral impreso en celuloide, feito para ser gardado nunha cápsula do tempo. Xa son máis de vinte os “ecosistemas” que conta no seu haber, nos que estuda o funcionamento de cada un deses conxuntos de organismos en diferentes medios físicos. Este programa reúne tres deses ecosistemas, filmados e proxectados en Super 8, que son mostra dunha obra singular e única, tan calada como deslumbrante, dun mestre oculto redescuberto hai dous anos no festival de Rotterdam.
O (S8) seleccionou para a ocasión Ecosystem 10 – A Dripping Moss (1996), Ecosystem 6 – A Sort of Mycelium (1989) e Ecosystem 5 – A Tremolous Stone (1988). En total máis de 40 minutos de cinema en formato orixinal Super 8, cunha parte sonorizada en directo polo propio Koike cunha frauta xaponesa tallada por el mesmo.