Posts etiquetados en ‘katsuben’

O (S8) desvela o seu programa ao completo e ponlle a máscara do entroido ao gato da sorte

A quinta Mostra de Cinema Periférico trae a Coruña o máis novidoso do cinema expandido con selo español da man de Esperanza Collado e do Colectivo Crater, os últimos traballos da raíña do collage fílmico Jodie Mack e unha selección de películas do reputado festival canadense Media City en conmemoración do seu vixésimo aniversario. A programación complétase cunha ampla oferta de actividades paralelas. Para profesionais, conferencias e obradoiros da man de Zemos98 e o seu proxecto European Souvenirs no Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa; para os máis cativos o Mini (S8) cun Obradoiro de Acción! Cinematográfica; e a exposición LOST&FOUND. ARQUIVOS (RE)COLECTADOS (inédita en España) que se instalará no espazo de NORMAL da Universidade da Coruña. A guinda será un encontro de laboratorios no que participarán LaborBerlin, L’Abominable de París, Double Negative de Canadá e Worm – Filmwerkplaats de Rotterdam.

CULTURA FUSIÓN GALICIA – XAPÓN. O CARTEL DA QUINTA EDICIÓN
Entre Galicia e Xapón, o mito é o fío subterráneo que conduce este ano a quinta edición do (S8). Pódese ver no cartel desta edición un maneki neko cunha máscara de entroido. Unha chiscadela entre culturas cuxo sentido aventúrase, en realidade, por camiños máis frondosos. Pois aquí a máscara non funciona como unha forma de ocultar a identidade senón que recupera o seu uso primitivo. O peliqueiro (máscara carnavalesca tradicional galega) pódese ver como unha porta de entrada á fabulación do maneki neko (símbolo de boa fortuna e de riqueza). Ambos elementos tamén reflicten o ideal do cinema que defende a Mostra, que ao igual que o mito, é unha representación do inexplicable, do que non achegan a comprender as palabras ou a razón. Os lazos que unen ambas culturas, a galega e a xaponesa, esténdense mesmo á propia xeografía. O Monte Louro e o Monte Fuji, fonte de lendas, non están tan lonxe como cabería pensar. Hai similitudes tamén na música, a percusión, indutora do trance, que acompaña o baile do entroido, por exemplo, e que non se diferencia en moito do son dos taikos (tambores) xaponeses.

É así como se poden ver, escarvando baixo a superficie, as correntes do subsolo que conectan ambos lados do planeta. A innegable relación coa natureza na obra de Takashi Makino, Rei Hayama, Teruo Koike e Daïchi Saïto emparéntase así, por camiños sinuosos, coa morriña da terra de Eloy Domínguez Serén ou a conexión coa paisaxe de Lois Patiño, por citar algúns exemplos. A disolución do eu individual do peliqueiro roza, tamén, co cuestionamento da identidade de Iimura. En Una página de la locura a máscara xaponesa actúa como a do entroido, liberando das neuroses da civilización a quen as levan. E a tradición oral, na base da cultura milenaria galega, é a que atrapou ao cine nas súas orixes en Xapón mediante o katsuben-benshi.

esperanza-collado-projection

CINE EXPANDIDO CON SELO ESPAÑOL: ESPERANZA COLLADO  E COLECTIVO CRATER
A quinta edición do (S8) trae a Coruña unha mostra representativa do traballo máis novidoso realizado na actualidade no campo do cinema expandido en España. A noite do xoves 5 de xuño protagonizarana a performer, e tamén experta en cinema de vangarda, Esperanza Collado e os integrantes do Colectivo Crater de Barcelona Luis Macías e Adriana Vila. No interior da Fundación Luis Seoane, Collado porá en escena We Only Guarantee The Dinosaurs, unha performance na que se vincula o cinema coa escultura e a danza nun proceso que involucra o uso de proxeccións en 16mm nunha combinación con elementos como una alfombra vermella, una lanterna, unha palmeira, 20 metros de encaixe vermello e unha impermeable. O obxectivo, atacar a cuestión cinematográfica á vez que se explora o espazo entre a pantalla e o proxector.

Acto seguido, no patio, poderase gozar de dúas pezas do Colectivo Crater: Reels and Lights (2012) e 3QUIN0X (2013). Formado no ano 2010, o colectivo dedícase a explorar as posibilidades da proxección como acontecemento, aproveitando as calidades propias do formato analóxico. As súas performances, revulsivas para os sentidos pero o tempo apoiadas nunha precisa busca formal e conceptual, válense de recursos que van dende a estroboscopia, a fantasmagoria do material atopado, o uso do color, a manipulación do celuloide e a ruptura constante das convencións do que é unha proxección.

Non obstante, o cinema expandido tamén fará uso da ponte establecida polo Ano Dual entre España e Xapón para agasallarnos coa intervención artística que realizará o lendario Takahiko Iimura na súa vídeo instalación As I See You You See Me, na que é, en palabras do propio artista, ‘a estrea desta obra no contexto dun festival de cinema’. Xa na noite do venres 6 de xuño, de volta no patio da Fundación Luís Seoane, o público poderá gozar dunha dobre sesión film + performance da man do novo cineasta Takashi Makino. Proxectarase a película 2012 servindo como antesala á gran final en forma de tormenta cósmica coa peza Space Noise 3D.

glistening-thrills

JODIE MACK: COLLAGE, ANACOS DE TEA E UN MUNDO MULTICOLOR EN STOP MOTION
O sábado 7 de xuño, noite de clausura, será a británica Jodie Mack quen orquestre unha sesión cos seus últimos traballos, sobre os que intervirá en tempo real a través do canto e da música en “Let Your Light Shine”, compendio das súas últimas obras realizado para a 43 edición do afamado Festival Internacional de Cinema de Róterdam. Poñendo en xogo os descartes da cultura de produción en masa, do cliché e do deseño popular, Mack desdebulla a fina liña entre o cotián e a arte, convertendo anacos de papel pintado, camisetas, postais e bolsas de agasallo en películas que unen a máis precisa experimentación formal co gozo visual e un certo sentido do humor.

Collages en stop motion tolos, inventarios estroboscópicos de estampados, vaporosas e caleidoscópicas coreografías de luz, viaxes lisérxicas e experiencias sensoriais inéditas compoñen un programa con estrutura de espectáculo rock no que se verá dende a animación máis abstracta, a unha peculiar homenaxe en 16mm, cantada en vivo, a unha moribunda tenda de posters (Dusty Stacks of Mom). Todo un festival de luz e cor.

lunar

DO SUR DE ONTARIO AO NORTE DE GALICIA: 20 ANOS DE MEDIA CITY FILM FESTIVAL
Sito en Windsor (Canadá), cidade dende a que se ven os rañaceos de Detroit, lugar de clima extremo, infinitas carreteiras rectas e aires pos-industriais ten lugar un dos eventos máis emocionantes, especiais e relevantes do cinema experimental: o Media City Film Festival. Fundado en 1994, este certame cumpre en 2014 a cifra redonda de 20 anos, nos que unha brillante e arriscada programación con vida propia converteuno nun dos festivais de vangarda máis apreciados do mundo.

Oona Mosna e Jeremy Rigsby, os seus actuais directores e programadores, visitarán o (S8) para presentar unha mostra de películas fascinantes e singulares que ben definen o espírito do certame canadense. Entre outras: Lunar Almanac (Malena Szlam, 2013), Passage upon the Plume (Fern Silva, 2012), Florence (Peter Hutton, 1975), Menschen am Sonntag (Friedl von Gröller (Kubelka), 2006-2011) e Quartet (Nicky Hamlyn, 2007).

colores

MINI (S8): OBRADOIRO DE ACCIÓN! CINEMATOGRÁFICA
ACCIÓN! Con esta palabra, que nos fai viaxar a tempos remotos da historia do cinema, queremos dar comezo ao obradoiro de Acción! Cinematográfica que propomos este ano para os máis cativos no Mini (S8). A Mostra de Cinema Periférico de A Coruña triplica a súa oferta de didáctica cinematográfica destinada aos máis cativos. Cor, son e movemento, cinema interactivo e performativo compoñen as tres sesións nas que se explorarán as distintas posibilidades da linguaxe cinematográfico permeada, neste caso pola acción dos participantes.

O Kiosko Alfonso encherase de mozos (nenos) cineastas a mañá e tarde do sábado 7 de xuño, e a acción mudarase á Fundación Luis Seoane a mañá do domingo 8. Os participantes poderán aprender a xogar coas ferramentas básicas da linguaxe fílmica, bailar coas películas, explorar espazos ocultos e descubrir que tamén se pode facer cinema sen cámara, sen película e sen pantalla, pero con cor, son, corpo e movemento.

live-music

LIVE CINEMA, ARQUIVO E REMESTURA. EUROPEAN SOUVENIRS DE ZEMOS98
European Souvenirs é un proxecto creativo en torno á identidade europea que vén levando a cabo dende o ano 2012 o colectivo sevillano ZEMOS98, en colaboración coa rede Doc Next, comunidade singular de produtores, realizadores, educadores, programadores e investigadores culturais. O Festival ZEMOS98, que xa vai pola súa decimocuarta edición, é a cara máis coñecida deste colectivo sevillano cuxo traballo se expande á investigación, produción, creación e comunicación de contidos críticos en torno ao impacto social e cultural que teñen os medios de comunicación no pensamento e narrativas contemporáneos. Con amplo recoñecemento internacional, o traballo de ZEMOS98 fai un uso extensivo do arquivo audiovisual, sendo unha das súas principais vías de exploración a remestura e la cultura VJ.

O Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa de A Coruña albergará non só a presentación do proxecto European Souvenirs, senón que tamén acollerá unha performance, unha conferencia e un obradoiro dirixido a creadores interesados en descubrir os detalles do arquivo e a remestura. Live Cinema en todas as súas posibilidades e vertentes, e con embaixadores de luxo, Pedro Jiménez Álvarez e Benito J. Jiménez Álvarez, cabezas de ZEMOS98.

labominable

FOCUS ON ARTIST-RUN FILM LABS
En febreiro de 2011, a artista Tacita Dean publicaba nas páxinas de The Guardian un artigo, case manifesto, titulado “Save celluloid, for art’s sake”. Nel, alarmada pola desaparición de laboratorios que procesaran celuloide, preguntábase por que non era posible a coexistencia do analóxico e o dixital. Fronte á uniformidade ideada polo sistema empresarial propio do capitalismo, a existencia de laboratorios de cinema case se pode ver coma un acto de resistencia. Afortunadamente, hoxe a posta en común de ferramentas e coñecementos xerou unha serie de laboratorios independentes por todo o mundo.

Con nomes como LaborBerlin, L’Abomibable (París), Worm – Filmwerkplaats (Róterdam), Double Negative (Montreal) que se aglutinan en torno á rede filmlabs.org, estes espazos transfórmanse, á súa vez, en plataformas que producen e apoian o traballo de novos cineastas e artistas. Nesta sesión os representantes dalgúns destes ‘labs’ compartirán connosco as súas experiencias, falarán do seu modo de funcionamento e proxectarán unha mostra do traballo que se leva a cabo neles, amais de debater sobre a situación actual na que se atopa o cinema en celuloide.

collage

NORMAL, UN NOVO ESPACIO DO (S8) NA QUINTA EDICIÓN
Na presente edición, NORMAL únese a outras sedes colaboradoras do (S8), como un axente cultural na cidade á altura da Fundación Novacaixagalicia, o Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa ou a Fundación Luís Seoane. Este ano parte da programación da Mostra desprázase ao espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña cun proxecto expositivo que se presentará e inaugurará o próximo 30 de maio e que leva por título LOST&FOUND. Arquivos (Re)colectados.

Contaremos nesa ocasión coa presenza de Munemasa Takahashi, promotor do arquivo Lost & Found. A exposición complétase coa intervención e reinterpretación artística das imaxes rescatadas por parte dun amplo grupo de artistas galegos cubrindo un variado espectro de disciplinas como a pintura, o cinema ou a danza. Máis información na presentación que terá lugar o día 30 de maio na NORMAL.

LILA FOSTER E O FESTIVAL CURTA 8 DE BRASIL, OBSERVADORES DE LUXO
A ‘film curator’ brasileira Lila Foster, programadora do festival de Curta8 en Curitiba, viaxará a Coruña para asistir á quinta edición do (S8) co obxectivo de descubrir as expresións máis novidosas do cine de vangarda galego e a performance fílmica española. Foster é experta en cinema amateur brasileiro e boa parte do seu traballo está dedicado á investigación e preservación da produción experimental en Super 8. Dende 2010 coordina as actividades do Home Movie Day en Brasil, unha iniciativa internacional centrada no cinema doméstico de pequeno formato.
A súa visita prodúcese grazas ao apoio de Acción Cultural Española (AC/E) e o seu Programa de Visitantes do PICE (Programa para la Internacionalización de la Cultura Española) co que AC/E potencia a internacionalización da sétimo arte española no exterior.

O (S8) celebra a súa quinta edición cun programa especial no marco do Año Dual España – Xapón

IimurawebTakahiko Iimura, considerado o pai do cinema de vangarda xaponés, protagonizará unha Edición Especial á que se suma a presencia en Coruña de Daïchi Saïto, o colectivo artístico (+) cos seus tres fundadores (Takashi Makino, Rei Hayama e Shinkan Tamaki) e Teruo Koike, xoia agochada do Super 8 nipón

Katsuben – Benshi: ‘Narradores do Silencio’. A vella tradición do cinema mudo xaponés verase por primeira vez en España na gala inaugural da quinta edición

O (S8) 5ª Mostra de Cinema Periférico terá lugar do 4 ao 8 de xuño na Coruña. O certame contará con diferentes espazos no centro da cidade para albergar proxeccións, instalacións, exposicións e performances, obradoiros infantís e encontros cos cineastas convidados. A sede principal volve ser, como en 2013, o edificio do Centro Sociocultural Fundación Novacaixagalicia, mentres que no Teatro Rosalía de Castro a Mostra dará o pistoletazo de saída na tarde do mércores 4 de xuño. O patio da Fundación Luís Seoane será o lugar de encontro para as noites de performance de cinema expandido, un dos elementos identidarios do (S8). O CGAI, colaborador do festival dende os seus inicios, albergará diversos programas deste Especial Xapón. Por outra parte, o Kiosco Alfonso convértese no punto de encontro co público infantil e sede do Mini (S8), unha das seccións máis participativas dentro da programación do festival.

ANO DUAL ESPAÑA – XAPÓN 2014
Para a súa quinta edición, o (S8) conta coa participación de Xapón como país convidado, unha das cinematografías máis suxestivas e importantes da historia do cinema. Esta Edición Especial formará parte das actividades que se están desenvolvendo no noso país durante o 2014, dentro do Ano Dual España-Xapón. Isto convertirá, durante as datas do festival á cidade da Coruña, no foco principal deste evento internacional que conmemora os 400 anos de relacións entre ambos países.
Nesta Edición Especial Xapón o (S8) abordará o pasado, presente e futuro da cultura cinematográfica xaponesa, desenvolvendo un amplo programa que vai dende as súas orixes aos nosos días, facendo especial fincapé nas vangardas, as novas expresións e os novos cineastas xaponeses que estarán presentes durante a Mostra.

KATSUBEN – BENSHI. ‘NARRADORES DO SILENCIO’
A Coruña será a cidade que teña o privilexio de acoller por primeira vez no noso país unha das artes narrativas máis representativas das orixes do cinema xaponés e única a nivel mundial. A modo de gala inaugural, a representación terá lugar no Teatro Rosalía de Castro da Coruña á tarde do mércores 4 de xuño a partir das 20h. En colaboración coa Fundación Xapón e grazas ao traballo da experta Nieves Moreno, o (S8) e o Concello da Coruña, a través da súa Concellería de Cultura, realizan esta homenaxe á cinematografía nipoa de inicios do século XX.
A figura do benshi ou katsuben, foi decisiva na formación do cinema xaponés, e un exemplo da gran variedade das artes narrativas que ofrece a cultura xaponesa. O período chamado de “cine mudo” foi unha etapa rica en experimentación no uso de variadas técnicas sonoras herdadas da tradición oral e teatral. Aínda que o cinema xaponés dende os seus inicios nunca foi mudo, sempre estivo acompañado do elemento narrativo e da música en directo.
Para a representación que terá lugar na gala de inauguración da Mostra contaremos coa presenza do benshi Raiko Sakamoto. Este narrador de cinema mudo xaponés pertence á escola Matsuda, a máis prestixiosa de Xapón, que se encargou de manter viva ata a actualidade esta vella profesión. A figura do benshi segue tendo repercusión a día de hoxe, non só entre os entendidos e estudosos do cinema xaponés, senón tamén entre o público xeral. Por outra parte, Joichi Yuasa interpretará co shamisen (o máis famoso instrumento de corda xaponés) a banda sonora de Jirokichi the Rat (1931), a única película muda integramente conservada do lendario director Daisuke Ito.
O 2 de xuño Nieves Moreno dará unha conferencia na Coruña sobre a tradición do cinema mudo en Xapón como antesala da sesión de Katsuben – Benshi que abre a programación da quinta edición da Mostra.
Nieves Moreno é licenciada en Estudos Asiáticos pola Universidade Autónoma de Madrid. Grazas ao apoio de institucións públicas xaponesas foi investigadora na Universidade Waseda de Tokio no departamento de Cinema e Teatro por un período de tres anos. Nestes momentos atópase terminando a súa tese doutoral sobre as orixes do cinema en Xapón na Universidade Autónoma de Madrid, da que é investigadora en formación.

TAKAHIKO IIMURA: FLUXUS, YOKO ONO E CINEMA DE CULTO
O (S8) contará para a súa quinta edición cun dos grandes mestres do cinema experimental internacional: Takahiko Iimura. Membro dun selecto grupo no que entrarían nomes como Peter Kubelka, Stan Brakhage, Michael Snow ou Jonas Mekas, Iimura está considerado coma o pai da vangarda do cinema xaponés. Na Coruña, o público do festival poderá acceder a un programa completo da súa obra, deseñado polo propio autor e en formato orixinal 16mm. Ademais, do 4 ao 8 de xuño, na propia sede da Fundación Novacaixagalicia, poderemos ver a instalación As I See You You See Me que o propio Iimura activará en directo mediante unha intervención artística. A participación do autor completarase coa performance en 8mm White Calligraphy, Re-Read e un encontro cos espectadores moderado pola experta en cinema de vangarda Esperanza Collado.

Destacado pola súa exploración dos materiais, os fundamentos conceptuais e o seu rigor intelectual con certos toques de humor, Iimura coincidiu con Jonas Mekas en 1964 no Festival Internacional de Cinema Independente de Brusxlas, onde se levou un Premio Especial pola súa película Onan (1963). A raíz deste encontro, Mekas pediu a Yoko Ono que levase as obras de Iimura a Nova York, cousa que fixo. Aínda que a relación con Ono remóntase a 1962:

“En realidade nunca fun parte de Fluxus, senón un amigo que a miúdo axudaba a filmar acontecementos Fluxus. Para entón xa traballara con Yoko Ono, á que coñecín en Xapón cando asistía ás súas performances. Ensineille as miñas películas e ela creou a banda sonora da miña película Ai/Love, en 1962. Nove anos máis tarde, en 1971, fixen unha película que gravei durante a súa exposición Yoko Ono: This Is Not Here, na que tambén aparecía John Lennon” (Takahiko Iimura a Esperanza Collado nunha entrevista para BlogsandDocs, febreiro 2010)1.

Ademais, en 1985, Iimura publicou unha das primeiras biografías autorizadas de Yoko Ono.

‘THROUGH A REARVIEW MIRROR: JAPANESE EXPERIMENTAL FILMS REVISITED’: PROGRAMA ESPECIAL SOBRE A HISTORIA DA VANGARDA CINEMATOGRÁFICA EN XAPÓN DESEÑADO POLO CINEASTA DAÏCHI SAÏTO
Se Takahiko Iimura está considerado o ‘pai’ da vangarda xaponesa, Daïchi Saïto sería o ‘fillo’. Orixinario de Xapón, pero cultivado nos estudos de literatura e filosofía nos Estados Unidos, Saïto ten o seu lugar de residencia en Montréal, onde é co-fundador do colectivo artístico Double Negative dedicado á exhibición, difusión e produción do cinema experimental. En 2010, a súa película Trees of Syntax, Leaves of Axis alzouse co máximo galardón do 48º Ann Arbor Film Festival, un dos certames de vangarda cinematográfica de maior prestixio a nivel mundial. Ese mesmo ano Saïto gañou o Gran Premio do Xurado no 16º Festival de Media City en Canadá.

Este cineasta recibiu o convite do (S8) para programar na súa quinta edición un programa especial sobre a historia do cinema de vangarda en Xapón no que o autor nipón dará conta de aqueles títulos que considera imprescindibles e que influenciaron parte do seu traballo. Realidades familiares rexistradas en espazos bucólicos, traballos sobre a relación entre a realidade material e a realidade representada, un caleidoscópico retrato de Andy Warhol, cinema sobre cinema, película sobre película, son os contidos e intencións de obras como A Woman with Two Heads – A Shadow Film (Shuji Terayama, 1977), Drill (Takashi Ito, 1983) ou Andy Warhol: Re-reproduction (Toshio Matsumoto, 1974).

Ademais, o público poderá acceder a parte da obra do propio Saïto, unha selección de películas que viaxaron polos festivais, galerías, museos e filmotecas máis importantes do mundo.

GRUPO (+): TAKASHI MAKINO – REI HAYAMA– SHINKAN TAMAKI
O futuro da vangarda cinematográfica xaponesa pasa por tres novos cineastas que xuntos forman a agrupación artística (+), un dos principais axentes para a difusión e creación do cinema experimental en Xapón. Esta plataforma de creación e innovación está encabezada por Takashi Makino, realizador de referencia no panorama internacional e habitual de festivais da talla de Ann Arbor, Rotterdam, 25FPS Zagreb, entre outros. Makino cualifica as súas películas de “xeradores para a imaxinación”. Unha etiqueta en torno á que xiran a abstracción orgánica, unha relación directa da obra co espectador a través da estimulación de sensacións e memorias persoais, unha mestura de imaxe dixital e analóxica onde a música xoga un papel fundamental. O cineasta colaborou con músicos como Jim O’Rourke, Tara Jean O’Neill, Colleen, Chris Corsano e Lawrence English.

O (S8) dedícalle a Makino dúas sesións. A primeira será a estrea en España da súa última película Phantom Nebula (2014) na que o artista chega a superpor ata 10 mil capas de imaxe. No segundo programa o público do festival poderá visionar a súa película 2012 e experimentar os efectos da ‘tormenta de ruído cósmico´ da performance Space Noise 3D, 30 minutos de vídeo e 16mm propulsados por un son mesmerizante.

Rei Hayama, tamén presente no (S8), é cofundadora do grupo (+). Coa ollada posta na natureza en oposición e contraste coas creacións humanas, o seu cinema condensa un estado da visión puro e primitivo. Cun traballo que parte, en moitas ocasións, do celuloide procesado a man refilmado e manipulado, Hayama desenterra o poder oculto en certas imaxes para construír filmes ao borde dunha narración abstracta.

Shinkan Tamaki pecha a terna de fundadores de (+) que visitarán A Coruña en xuño. O alto contraste, a distinción entre figura e fondo, os pregos, as sombras, a imaxe negativa e positiva, a experimentación co espectro lumínico, as pegadas e as marcas deixadas polos procesos analóxicos, son algúns dos recursos que Tamaki emprega no seu cinema. Xogos de percepción que se apoian nos erros da visión humana, as películas de Shinkan teñen un elevado factor pedagóxico que aposta pola educación da ollada.

Shinkan Tamaki e Rei Hamaya completan a súa participación con sendas vídeo instalacións que poderán visitarse na Fundación Luís Seoane.

ECOSISTEMAS EN CELULOIDE. TERUO KOIKE, A XOIA AGOCHADA DO SUPER 8 XAPONÉS
Coa secreta dedicación e coidado dun naturalista (botánico, xeólogo e entomólogo á vez) Teruo Koike entregouse dende hai tres décadas ao meticuloso armado dun planeta confeccionado de acordo aos seus propios parámetros. Tarefa que podería verse tamén como un inventario vexetal, animal e mineral impreso en celuloide, feito para ser gardado nunha cápsula do tempo. Xa son máis de vinte os “ecosistemas” que conta no seu haber, nos que estuda o funcionamento de cada un deses conxuntos de organismos en diferentes medios físicos. Este programa reúne tres deses ecosistemas, filmados e proxectados en Super 8, que son mostra dunha obra singular e única, tan calada como deslumbrante, dun mestre oculto redescuberto hai dous anos no festival de Rotterdam.

O (S8) seleccionou para a ocasión Ecosystem 10 – A Dripping Moss (1996), Ecosystem 6 – A Sort of Mycelium (1989) e Ecosystem 5 – A Tremolous Stone (1988). En total máis de 40 minutos de cinema en formato orixinal Super 8, cunha parte sonorizada en directo polo propio Koike cunha frauta xaponesa tallada por el mesmo.