Posts etiquetados en ‘Madi Piller’

Taller Madi Piller. ‘Film: Formas y revelaciones’


Venres 31 de maio, de 11h a 14h e de 16h a 20h
E sábado 1 de xuño, de 11h a 14h e de 16h a 20h
Número de prazas: 8
Inscrición: en [email protected]
Prezo: 80€
Horarios: De 11h a 14h e de 16h a 20h.
Lugar: XIZ Montealto (C/ Santa Teresa, Nº10, baixo. 15002, A Coruña)

A peruana afincada en Canadá Madi Piller leva desde hai dúas décadas “cas mans na masa”, traballando de maneira directa e íntima co material fílmico, e explotando todas as súas calidades a través de distintos medios. Coa acción directa sobre a tira de película, deu forma a multitude de traballos (desde películas a performances): unha práctica que difundirá a través deste taller no que se convida a xerar unha peza colectiva a modo de filme performance.

Neste taller, botaremos man de materiais fílmicos usados (en 35mm e 16mm), atopados ou caducados, que serán manipulados con materiais químicos e orgánicos, pintando, cortando, ou rasgando: todo vale cando se trata de facer cinema sen cámara. O taller tamén inclúe un apartado especial dedicado ao son, no que se aproveitará o son óptico dos proxectores de 16mm: toda imaxe contén un son, que tamén será manipulado de formas diversas.

Coas obras resultantes en 16mm, e coas dixitalizacións do 35mm manipulado, construirase unha performance colectiva que será presentada publicamente o domingo 2 de xuño ás 19 horas na Sala (S8) PALEXCO.

O taller está dirixido a todas aquelas persoas interesadas na creación artística e fílmica e/ou que desexen incorporar o traballo con celuloide atopado á súa práctica. Non é necesario contar con coñecementos previos nesta área.