Posts etiquetados en ‘nenos’

Obradoiro Mini (S8): A imaxe expandida. Laboratorio de cine e experimentación audiovisual


Destinado ao público infantil de 7 a 12 anos. Dúas mañás de experimentación e creación audiovisual percorrendo de maneira práctica e divertida elementos clave da linguaxe do audiovisual. Utilizando aparellos de proxección analóxicos e dixitais, con axuda de lentes, lupas e lanternas, descubriremos a maxia e o poder fascinador do cinema. Da man da cineasta Xisela Franco e o artista audiovisual Juanma LoDo inventaremos xogos de sombras, crearemos os nosos propios contidos audiovisuais: fotogramas con recortes que animaremos, xogando coa luz e con todo tipo de obxectos animados e inanimados. Todo iso será rexistrado con dispositivos de gravación de vídeo dixital, e volverémolo proxectar para avanzar no propio proceso de creación de novas linguaxes e narrativas audiovisuais.

Así no transcurso desta veloz e alucinatoria viaxe coñeceremos algúns xoguetes do pre-cinema,
descubriremos que é a cronofotografía cos experimentos de Muybrige e Marey, ou petiscaremos no cinema primitivo (Alice Guy, irmáns Lumiére, Méliès). O paso seguinte será descubrir a maxia da montaxe (Kulechov, Hitchcock), experimentar a asociación de imaxes que crea sentidos. E por último queremos alumar as posibilidades que deu a chegada do sonoro. Para facer máis interactivo este traxecto en busca dos segredos da fascinación do cinema, valerémonos da tecnoloxía cibernética e dixital, e alternaremos distintos softwares de maneira que o computador se converterá en catalizador final das nosas propias imaxes, sons e sensacións.

LUGAR: Fundación Luis Seoane, Rúa San Francisco, 27, A Coruña.
HORARIO: Sábado 27 de maio de 11h a 14h / Domingo 28 de maio 12h a 14h
INSCRICIÓNS: Na dirección de correo electrónico, [email protected] indicando no asunto do mail: Obradoiro mini(S8). Prazas limitadas.
PREZO: €10