Posts etiquetados en ‘Philip Hoffman’

Entrevista: Dúas ou tres cousas sobre as películas de Philip Hoffman

Como empezaches a tratar temas persoais nas túas películas?
Tiven un profesor, Rick Hancox, que dicía que para poder facer unha película sobre o mundo, primeiro debes mirarte a ti mesmo. Como tiña moitas fotografías familiares, decidín que as usaría para tentar entender o que había alí e o que veu antes. Ese foi o comezo de On the Pond, onde tentei crear un mecanismo cinemático que permitise que ocorresen “cousas reais” na pantalla. Para os meus aniversarios, fixen unha chea de diapositivas das fotos familiares, puxen dous micrófonos no salón e convidei a miña familia a un pase de diapositivas. Non lles dixen que lles estaba gravando, aínda non me demandaron! Pero de feito á miña familia encántalle que a fotografen e encántalles verse fotografados, como á maioría da xente, así que deste xeito obtiven a banda sonora, coa que revisei as fotografías para ver cales funcionarían ben. Desta interacción da miña familia coas fotos probablemente a cousa máis escura da que me decatei foi… Hai unha foto da miña nai de costas á cámara, eu estouna mirando, tentando compracela, e o meu pai está como descubrindo o mundo encima dunha rocha, e mentres a miña familia fala desta foto, o que sae deste paseo dun día de outono é que o meu pai lle di á miña nai “sentíaste mal ese día”. Pero non era só que se sentise mal, senón que tivo episodios de depresión durante toda a súa vida. Ese foi un punto de apertura para min, mirar a miña familia e non só desde un punto de vista superficial. Empeza aí con On the Pond, hai un momento de desasosego na foto pero logo creo que vai crecendo ata chegar dez anos máis tarde a passing through / torn formations, onde as historias emerxen da familia da miña nai, a súa inmigración a Canadá e o nacemento do meu tío, que ten esquizofrenia non diagnosticada. Iso púxome nun camiño no meu traballo que sempre conecta co persoal dalgunha maneira. Creo que o persoal pode tratar directamente sobre a túa familia pero ten que ver tamén cunha maneira de traballar que non depende de grandes orzamentos ou de ter un equipo determinado para facer a túa película. Sempre se pode facer unha película, ese é o camiño que elixín.

 

Hai outros elementos en On the Pond, como esas imaxes do neno xogando ao hóckey, nunha estrutura de montaxe complexa, podes falarnos disto?
Estaba interesado na nouveau roman, desde James Joyce ata Robbe- Grillet, quen falou, como guionista, da importancia de que o cinema abordase o tempo. Unha película convencional vai mostrando todos os pasos dun camiño, pero no tempo pode existir unha vacilación, ou pode virche á cabeza algún recordo doutra parte, e o cinema ten a potencialidade de moverse a través do tempo tanto nos termos do presente como nos da imaxinación. Así que en On the Pond a parte da patinaxe é unha narración que filmei, onde o meu curmán fai de min de pequeno no estanque co can. De modo que esta estrutura do pase de diapositivas e logo esta especie de representación crean unha sorte de división entre a realidade, por así dicilo, que quizais sae das fotografías e vai cara a esta especie de idea de recordo soñada. En passing through / torn formations este modo de fragmentación que pasa a través da mente, da memoria, derrámase a través do meu tío, que é un esquizofrénico non diagnosticado, a través da súa mente, a miña visión do que debe ser. Era un intérprete de acordeón tremendo, e ensinoume a tocar o acordeón, así que estiven moi unido a el. Quería contar a historia da familia da miña nai, desde o que entón era o Imperio Austrohúngaro nos anos 20 ata Kapuskasing, unha cidade madeireira en Canadá, e quería contar esa historia dunha maneira que imitase a fluidez da mente, como podemos estar en moitos lugares ao mesmo tempo. Así que en passing through / torn formations, obviamente non hai linealidade pero tamén os membros da familia non están retratados no sentido tradicional do retrato. Ves a nena correndo polo campo, pero o que se oe é a historia do neno. Ou a miña nai fala da súa historia buscando a vaca e nese momento recreo a escena en Checoslovaquia coa miña curmá segunda facendo da miña nai. Nunha familia os uns somos os outros en certo sentido. É unha familia tumultuosa pero en certa maneira as nosas personalidades son fluídas. Convertémonos os uns nos outros en certo xeito e creo que iso pasa na filmación, que é profética no sentido de como o meu tío ve o mundo. Pode pasar con rapidez dunha cousa a outra, creando espontánea e poeticamente unha narración que, aínda que estea fragmentada, ten sentido.

 

Hai certa idea de “stream of consciousness” nestas películas, aínda que Kitchener-Berlin é máis abstracta, máis visual, complexa e repleta de capas…
Cada proxecto pide unha forma diferente. Tento representar as diferentes maneiras nas que vexo o mundo ou nas que o mundo me influíu. E penso que o que é importante para min é a empatía cara aos outros que poden indicarme en que dirección ir no canto de empeñarme en ter eu todas as respostas. De modo que a película é sempre unha especie de lenzo onde non só está o que eu sinto senón a miña reacción ao que filmo. En moitos sentidos en passing through / torn formations abarquei a historia da familia da miña nai e en Kitchener-Berlin abordo a do meu pai. Nacín en Kitchener-Waterloo, Ontario, que é unha cidade alemá: chamábase Berlín antes da I Guerra Mundial e por mor da guerra cambiáronlle o nome a Kitchener. Vexo a Kitchener como ao meu pai, como cidade. Así que nesta película uso as películas familiares dese lado da familia e fago este retrato de Kitchener e de Alemaña, onde viaxei. Coñecín a Stan Brakhage cara a 1988. Apareceu nunha das miñas proxeccións en Canadá, e máis adiante mudouse a Toronto, onde pasou uns anos. Así que houbo moita interacción con Brakhage, e debo dicir que isto tamén me influenciou. Intercambiamos copias, houbo veladas, Brakhage estaba preto de Toronto nese momento. Así que nesa película hai mesmo un clip de Blue Moses nesta especie de explosión de found footage que ocorre nun momento. Estaba a tentar traspasar cara a outras clases de mundos para atopar o que Brakhage fixo con Metaphors on Vision, atopar a orixe da visión. Por iso Kitchener- Berlin é moito máis visual e máis hipnótica.