Posts etiquetados en ‘Vanguardia’

Alehop! A conta atrás comeza

 

Dziga Vertov salta

Fai cousa de once meses pechábamos a segunda edición do (S8). Nos corredores do Antigo Cárcere Provincial da Coruña, unha espectral performance en 3D da sin par Zoe Beloff levábanos a outra dimensión, trasladábanos a unha terra imposible atrapada entre o pasado e o presente nunha psicofonía visual. Un xeito de culminar uns días que nos depararon non poucas experiencias sobrenaturais. Puidemos, por exemplo, experimentar en compañía de Nathaniel Dorsky o seu cine devoto, unha sensación que nos traspasou de arriba a abaixo. Tamén, nunha máxica noite coruñesa, Guy Sherwin y Lynn Loo protagonizaron un encontro difícil de esquecer entre o cine performativo e os sons da naturaleza. A Metrópolis de Fritz Lang tamén renaceu, con 20 minutos de metraxe reatopado despois de longos anos, e coa emoción dunha banda sonora interpretada en directo pola Orquesta Filarmónica Cidade de Pontevedra. info

Nathaniel Dorsky: o cine devoto

Nathaniel Dorsky é dono dun dos catro universos que coñeceremos a través do ciclo “O ceo na Terra” nesta edición do (S8). Unha figura de primeira liña dentro da vangarda norteamericana (con cuxa presenza contaremos) que leva anos traballando sobre a idea dun cine que non se move polo plano do racional senón polo do espiritual, as paraxes que visita a mente cando a deixamos libre das súas ocupacións cotiás. info

En busca da Metrópolis perdida

Fritz Lang, a mediados dos anos 20, imaxinou e creou unha fábula distópica sospeitósamente parecida á realidade, ambientada no por entón afastado ano 2000. Falamos, está claro, de Metrópolis. Paradóxicamente, non é ata pasada a primeira década deste século XXI, en esencia moi parecido á visión do capitalismo que ofrecía aquela película, cando por fin a podemos contemplar no seu esplendor orixinario, perdido desde os días da Segunda Guerra Mundial. Algo que da unha medida do alcance do acontecemento, pois xa quedaban moi poucas persoas vivas no mundo que visen as imaxes perdidas antes do seu achado. info

O ceo na Terra: manifestacións do inefable

Abordar a sensualidade, o sensorial deste mundo para alcanzar outro. Moldear a luz, a través dunha cámara, para lograr entrever o máis aló. Utilizar as cadencias e o son para alcanzar un novo estadio da consciencia que nos permita tocar o inaprensible, entrever o espírito das cousas. O ceo na Terra, parte da programación da próxima edición do (S8), é un ciclo que reúne a catro creadores de vangarda americanos cuxo campo de estudo móvese por estes terreos: Zoe Beloff, Nathaniel Dorsky, Robert Beavers e Phil Solomon. O cine, que é luz, son e cadencia, revélase para eles como o medio máis idóneo para intentar esbozar como é o que se escapa á nosa comprensión, e para materializar o inmaterial. Para recrear o ceo na terra. info

Benvidos ao (S8) Mostra de Cinema Periférico 2011

Pasen e póñanse cómodos. Dámoslles  a benvida á segunda edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico, que terá lugar os días 2, 3, 4 e 5 de xuño no Antigo Cárcere Provincial de A Coruña. Aínda que quedan varias semanas, dende aquí xa comezamos a ofrecer algúns aperitivos que dan unha idea do saboroso menú que se poderá disfrutar este ano na Mostra. Non hai máis que ver o repaso en vídeo da primeira edición do (S8), no 2010, para que a calquera se lle faga a boca auga. Así que permanezan en sintonía…

info