Punta de lanza por Xurxo González
Facía tempo que levo rumiando sobre a situación actual do audiovisual en Galicia, non a do audiovisual industrial, claro está, senón a do máis anovado, a verdadeira locomotora que purra por contrariar a inercia amoucada do audiovisual establecido e convencional. Agora con este texto agardo por en orde os meus pensamentos e comezar a sacar algunhas conclusións. Sei que estou a tratar un tema no que apenas hai distancia histórica, mais creo que xa hai os suficientes indicios para intentar unha sistematización do que está a acontecer recientemente no audiovisual galego.
Antes de nada gustaríame aclarar que falar do audiovisual galego trae consiguo unha chea de disquisicións ontolóxicas. Unhas inquedanzas que se anos atrás eran de dúbidas agora son certezas e que noutraora era facer un inventario voluntarioso agora posúe certo matiz expansivo e globalizador acorde co rumbo da disciplina dentro do panorama internacional. Mais a miña intención é facer un zoom de aproximación dentro do audiovisual galego e fixarme xa non só nas propostas non secundadas pola industria, senón, que, dentro destas, afondar nas tendencias máis radicais, nos creadores “máis periféricos” que constitúen a verdadeira “punta de lanza” da que, dunha vez por todas, o audiovisual galego tería que comezar a facer obstentación.
E volvo a facer outro retranqueo. Falo de “audiovisual” por que é o que me dá menos reparo empregar porque creo que é o que mellor se adapta a todas ao que está acontecer dentro do amplo abano de tecnoloxías que se serven da imaxe en movemento. Está claro que falar de cinema é recorrer a áurea da tradición e do artístico, mais a deriva imparable magnético-dixital faime incomprensible a morriña polo celuloide. E sí, foi a cacarexada “democratización dos medios de produción” o que motivou que aparecerán alternativas ao sucesivo esgotamento xeneracional que caracteriza cíclicamente o devir do audiovisual galego. Unha historia que deu episodios reseñábeis como a Videocreación dos 80 ou os traballos da EIS nos 90, mais foron fitos sen continuidade e que anunciaban a “claudicación” dunha maneira conservadora de “pensar o cinema”.
Agora vólvese a ter outro cumio na creación audiovisual galega sobre todo debido ao pulo desde, a fráxil pero intensa, Axencia Audiovisual Galega. Aí apareceron novos nomes chamados a servir de alternativa aos que daquela malgastaban unha e outra vez as súas oportunidades en producións ferintes. Mais, volvo a facer outro xiro na trama, e o meu interese en distinguir entre os novos nomes aqueles que sirven de baluarte en prol de detectar as ondas do futuro. Outras miradas, outros cinemas de xente que teñen a necesidade de expresarse no medio audiovisual sen servidumes nin rendicións. E é disto do que quero falar.
Esta vangarda do audiovisual galego ven derivada por xente que posúe unha traxectoria coherente onde hai un desexo de búsqueda dentro de certos parámetros estéticos e de reflexión sobre as posibilidades do medio. E para iso fan gala dunha liberdade creativa nunca vista, con propostas arriscadas, non na súa produción e execución, senón na súa concepción cinematográfica. Case sempre teñen que realizarse saltándose a incomprensión da xerarquía gremial da industria e case sempre corresponde a esforzos unipersonais posíbeis grazas as bondades da tecnoloxía dixital.
Ata o día de hoxe, todo este magma de “cinema dixital” (outra interesante denominación) tivo a súa culminación coa presenza da longametraxe Todos vós sodes capitáns, de Oliver Laxe, no Festival de Cannes 2010. Mais, onde comezou todo?
O inicio de todo estivo na figura de Alberte Pagán. Vai facer case unha década que o director do carballiño comezou a facer pequenas pezas que anticipaban ao que serían as súas obras máis sobranceiras: Bs. As, a Pó de estrelas e a Tanyaradwa. Unha traxectoria autodidacta que serviu como espello e único referente galego das posibilidades do novo xeito de pensar a creación audiovisual. Pagán foi o referente para aqueles creadores que buscaban na autoxestión a posibilidade de materializar os seus filmes sen disminuir, por iso, as súas pretensións creativas.
A outro nível se atopan os cineastas con formación en escolas, case sempre de fora de Galicia, que intentan facerse un oco no panorama buscando a validación de festivais e da crítica menos permeable aos intereses corporativos. Neste grupo destaca, como non, Oliver Laxe, caracterizado pola enunciación do proceso artístico, mais tamén convén reseñar a ledicia desautomatizadora de Vicente Vázquez, a dixestión cinéfila de Ángel Santos, a poesía do cotiá de Lara Bacelo, os arrebatos estraubianos de Eloy Enciso, os aspectos existenciais da forma de Lois Patiño ou a crítica lúdica-social de Peque Varela. A maioría destes nomes proceden da diáspora que decidiron volver e intentar adaptarse a situación galega sen por iso doblegar a súa mirada.
Todos eles son directores mozos mais sobradamente preparados que non lle treme o pulso para apostar por traballos audaces nos que por a debate a tesitura contemporánea na que se move o cinema. Unhas argumentacións “non-reconciliadas” que non teñen nada que envexar ao que se fai no panorama internacional. Así, volven unha e outra vez a teimosías sinificativas que apuntan cara o futuro: á reflexión metalingüística, ás singularidades da mirada, á hibridación documental-ficción, á identidade persoal e a do territorio, ás valoracións dos espazos, á exhortación da memoria, ao artificio da representación, á polución artística, as impresións do tempo, a experimentación formal, á ironía creativa…
Mais a estas posicións dianteiras recalan, de cando en vez, outros cineastas do audiovisual mainstreim ou doutras disciplinas (Belas Artes, Música) que propoñen obras que participan destes principios de avangarda: Cousas de Kulechov, de Susana Rei, Bata por fóra, de Claudia Brenlla, Fatum, de Pablo Millán, Manuscritos Pompeianos, de Marcos Nine… Unha zona moi complicada de permanecer xa que moitas veces está en xogo a propia “supervivencia” dos creadores.
Para rematar gustaríame ser ousado. Agardo que este texto contribúa a expelexer do esquecemento a estes autores e as súas obras, gustaríame que impulsara novos achegamentos e estudios sobre a rica diversidade e calidade que está ofrecer esta nova vaga do audiovisual galego. Como conclusión podo dicir que estes creadores que fan de “punta de lanza” son os que poden soster o meu atrevemento de que nos atopamos ante que se pode chamar: O NOVO CINEMA GALEGO.