Benvidos ao (S8) Mostra de Cinema Periférico 2011
Pasen e póñanse cómodos. Dámoslles a benvida á segunda edición do (S8) Mostra de Cinema Periférico, que terá lugar os días 2, 3, 4 e 5 de xuño no Antigo Cárcere Provincial de A Coruña. Aínda que quedan varias semanas, dende aquí xa comezamos a ofrecer algúns aperitivos que dan unha idea do saboroso menú que se poderá disfrutar este ano na Mostra. Non hai máis que ver o repaso en vídeo da primeira edición do (S8), no 2010, para que a calquera se lle faga a boca auga. Así que permanezan en sintonía…
Como xa saben os que nos seguiron o ano pasado, o (S8) é unha aposta polo cine periférico: isto é, non só a vangarda e á experimentación, senón todas aquelas manifestacións do audiovisual que se moven nas marxes: os da industria, os da linguaxe, os das canles de distribución, os do uso das ferramentas, e ata os do propio fotograma. E, como o mesmo nome da Mostra indica, conservando como esencia o espírito do Super8: un formato que, ademais de documentar o noso pasado máis recente, foi (e é) unha ferramenta singular para cineastas e artistas de vangarda nas súas vertentes máis arriscadas, o vehículo dos pioneiros.
Teremos no (S8) un percorrido en grao sumo variado, con seccións como Ópera Prima, na que se rescatan os primeiros traballos en Super 8 de cineastas recoñecidos, e que o ano pasado contou coa filmografía en Super8 de Iván Zulueta. Unha sección que achega ao público estes “primeiros pasos”, moitas veces auténticos incunables, de creadores fundamentais. Na Segunda Vida das Imaxes (sección na que o ano pasado visitáronnos Mark Rappaport e Gustav Deutsch), percorreremos, así mesmo, o máis estimulante que se fai, a día de hoxe, no cine de apropiación, arquelogía, experimentación e remestura a nivel internacional, este ano cun ciclo de luxo do que pronto daremos máis pistas. Para demostrar ata que punto o Super 8 é aínda un formato vivo e prolífico, a Mostra dará conta e visibilizará tamén un ano máis a todos os artistas que usan este formato como medio de expresión na súa sección Super 8 Contemporáneo. Botaremos, tamén, unha necesaria mirada atrás que nos axuda a gozar e a comprender o cine periférico e o desarollo das linguaxes audiovisuais: por unha banda, co repaso ás vangardas europeas e norteamericanas que fai a sección Historia do Cine de Vangardas, e por outro coa sección Arquivos Históricos, realizada conxuntamente coa Filmoteca Española, na que se escava nos arquivos que configuran a memoria colectiva de España. E como non podía ser menos, o (S8) tamén crea unha conexión coa súa contorna noutros Formatos de Cine en Galicia, sección na que teñen cabida tanto os novos creadores, como a exploración do rastro das vangardas en Galicia e os primeiros traballos de creadores xa consagrados.
Como dixemos, a Mostra ocúpase tamén das marxes do fotograma: é dicir, todas esas facetas do cine que van máis aló das películas. Un dos pratos fortes, entón, serán as noites, nas que se poderá gozar do cine en directo: o Cine Performativo, que expande e diversifica de xeito sorprendente as posibilidades do audiovisual. As vídeo- instalacións e as instalacións interactivas tamén xogan nesta mesma liga, na que o (S8) ofrece unha oportunidade única de xogar.
Catro días que dan para máis do que parece, e nos que poden participar todos: tamén hai tempo para os talleres, para os encontros entre profesionais (que se materializarán no Observatorio), e para que os nenos e nenas poidan gozar do cine periférico á súa medida. Días nos que A Coruña será unha festa, pois o (S8) tamén sae á rúa: os “cuentapelis” volverán tomar a cidade, o cine viaxará en tranvía, e as artes escénicas e as accións urbanas estáran en cada esquina.
Isto non fixo máis que empezar. Como xa dixemos, que todo o mundo vaia tomando nota e collendo sitio para esta edición que, como vos iremos contando, non vai ter desperdicio.