En busca da Metrópolis perdida
Fritz Lang, a mediados dos anos 20, imaxinou e creou unha fábula distópica sospeitósamente parecida á realidade, ambientada no por entón afastado ano 2000. Falamos, está claro, de Metrópolis. Paradóxicamente, non é ata pasada a primeira década deste século XXI, en esencia moi parecido á visión do capitalismo que ofrecía aquela película, cando por fin a podemos contemplar no seu esplendor orixinario, perdido desde os días da Segunda Guerra Mundial. Algo que da unha medida do alcance do acontecemento, pois xa quedaban moi poucas persoas vivas no mundo que visen as imaxes perdidas antes do seu achado.
A versión que se conservaba de Metrópolis ata hoxe era a versión americana, recortada pola tesoira do puritanismo pre-Macarthista. A segunda Guerra Mundial e a fraxilidade do material dos rolos -de nitrato, material autocombustible- fixeron que todas as copias da versión orixinal, estreada por Lang en 1927, se perdesen. E críanse perdidas irremediablemente, logo de innumerables pescudas, ata que un historiador de cine arxentino, Fernando Martínez Peña, atou cabos a partir do relato dun restaurador, que lle contou que tivera que aguantar cos seus propios dedos a cinta nun pase de Metrópolis -polo mal estado do material-, “durante as dúas horas que dura. Peña sabía que, aínda que efectivamente o filme orixinal era máis ou menos desa duración, a versión que se conserva en todo o mundo era máis curta, así que puxo en marcha un mecanismo polo que se acabaron recuperando as escenas perdidas do mítico filme de Lang.
A cinta dispoñible no Museo do Cine de Bos Aires efectivamente, fora importada directamente desde Alemaña e non desde Estados Unidos. É así como os arxentinos, ata 1973, foron os únicos no mundo en contemplar a versión íntegra de Metrópolis. Un achado sensacional, difícil de crer nun principio para a Cinemateca Alemá, nun principio reticente pola cantidade de alertas falsas recibidas no pasado.
Vinte minutos máis de película, que engaden pinceladas chave que testemuñan aínda máis valores dentro desta obra mestra: a forza da historia de amor, a loita de clases e o erotismo, neutralizados na copia da que dispuñamos ata agora. En 2008 foi cando se achou a metraxe perdida que, logo de ser sometido a un impecable proceso de restauración, chega ata as nosas pantallas, ofrecendo unha nova dimensión deste clásico da vangarda europea.
Todo un acontecemento, que o (S8) achega a Coruña, e que se poderá ver en todo o seu esplendor nunha proxección de luxo, co acompañamento en directo da partitura orixinal do filme interpretada pola Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra.